A desigualdade en España, no nivel máis alto da democracia

Fonte: Eurostat CC-BY-SA Praza Pública

A crise e, sobre todo, as políticas de austeridade sen concesións están a pasar factura a España. A desigualdade está no nivel máis alto da democracia; uns niveis de desigualdade tan altos que en Europa só atopan parangón con Lituania e Bulgaria. Constátao un estudo da Fundación Alternativas que alerta sobre unha brecha social que non deixou de crecer nos últimos anos.

"A tendencia é inequívoca, en todos os países da OCDE aumentou a desigualdade desde os anos oitenta"

"A tendencia é inequívoca, en todos os países da OCDE aumentou a desigualdade desde os anos oitenta", asegura Luís Ayala, catedrático de Economía na Universidade Rei Carlos e un dos autores do informe. En España esa desigualdade avanzou de forma fulgurante nos últimos anos: nos dous primeiros anos da crise, o índice de Gini -a diferenza entre os que máis teñen e os que menos- aumentou un 10%.

"A retardación da actividade económica e o vertixinoso aumento do desemprego deron lugar ao maior aumento da desigualdade desde que se dispón de información anual sobre os ingresos dos fogares. Os fogares con menos ingresos foron tamén os que durante o desenvolvemento da crise viron máis minguados os seus recursos. O contrario, con todo, parece suceder nos fogares máis ricos, que rexistran os maiores incrementos", di o informe. A primeira parte da recesión tería, por tanto, "un efecto regresivo" sobre a distribución das rendas, o que ocasionaría o aumento da desigualdade "sensiblemente superior ao rexistrado en media polos países da Unión Europea".

Belén Barreiro, directora do Laboratorio da Fundación Alternativas, apunta tres factores clave: o desemprego, a debilidade do sistema fiscal, e un sistema de protección e benestar social que resultou insuficiente

Por que? Belén Barreiro, directora do Laboratorio da Fundación Alternativas, apunta tres factores clave: o desemprego, a debilidade do sistema fiscal, e un sistema de protección e benestar social que resultou insuficiente. O informe sinala que o efecto da crise sobre o emprego foi moi superior que no resto de países. Non só polo aumento desorbitado do paro, tamén polo impacto que tivo nas persoas que funcionan como cabezas de familia e polo seu efecto entre os mozos e entre unha parte da poboación pouco cualificada.

A época de bonanza e crecemento económico que viviu España nos anos anteriores a 2007 non se traduciu nunha redución da desigualdade

Ademais, e en contra o que pode parecer, a época de bonanza e crecemento económico que viviu España nos anos anteriores a 2007 non se traduciu nunha redución da desigualdade. O país entrou na recesión pouco preparado para resistir os embates da crise. As prestacións sociais, por exemplo, non creceron ao mesmo ritmo que o facían as rendas medias. "Conforme avanza o estado de desemprego, as prestacións redúcense drasticamente. En España non temos un último nivel de protección social. Nas comunidades si existen rendas mínimas, pero con criterios diferentes", sinala Luís Ayala.

Esa, xunto ao crecente número de traballadores pobres (que a pesar de ter un emprego, teñen salarios e condicións que non lles permiten saír da exclusión) é unha das razóns que explica o afundimento das clases baixas e o empeoramento das clases medias. O estudo sinala que a flexibilización das relacións laborais e o recorte da negociación colectiva empeora tamén a fenda entre uns cidadáns e outros.

"Os estados do benestar perderon capacidade para corrixir as desigualdades"

"Os estados do benestar perderon capacidade para corrixir as desigualdades", asegura Ayala. Para o catedrático, o sistema español é "pouco redistributivo, menos que a maioría de países da OCDE". "Saliéntase o carácter recadatorio dos sistemas impositivos, e menos a súa faceta distributiva da riqueza", di o catedrático, que sinala o aumento dos impostos indirectos -como o IVE- como un factor que empeora as desigualdades.

 

Educación e sanidade

"O gasto sanitario beneficia en gran medida os grupos sociais máis desfavorecidos e de forma considerable as clases medias", destaca o texto

O informe sinala que a sanidade e a educación son fundamentais para asegurar a igualdade e, por tanto, os recortes nestes dous alicerces do benestar disparan as diferenzas. "O gasto sanitario beneficia en gran medida os grupos sociais máis desfavorecidos e de forma considerable as clases medias", destaca o texto, que sinala o gasto farmacéutico e o de atención primaria como os máis importantes, xa que "contribúen en maior medida á progresividade deste gasto". Precisamente, no último ano púxose en marcha o copagamento farmacéutico e varias comunidades autónomas pecharon ou reduciron o horario de centros de atención primaria. Os autores conclúen tamén que cando a xestión de centros sanitarios ou educativos se transfire ao sector privado "aumentan as desigualdades".

"O informe deixa claro que ante a desigualdade hai remedios, e quen pode corrixila son os poderes públicos, as políticas. A relación dos cidadáns coa política é especialmente mala, cun nivel de desafección que é insólito na democracia. E se hai unha causa é a desigualdade: os españois son dos cidadáns europeos que máis cren na igualdade", asegura Belén Barreiro.

Fonte: Eurostat CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.