A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro (I)

Peche de traballadores nos estaleiros de Vigo CC-BY-SA CIG

Manuel González, profesor da Facultade de Económicas da USC, comeza a publicación dunha serie de análises sobre a estrutura e a situación da economía galega, respondendo á pregunta de "Vivimos mellor ou vivimos peor?". Destaca que "a economía galega experimentou profundas mudanzas estruturais nas últimas décadas" e que "a crise económica, primeiro internacional e logo europea, freou un proceso de mellora socioeconómica e de modernización inédito na historia contemporánea do país, pero que non estaba exento de importantes fraquezas". O obxectivo fundamental deste artigo é analizar e interpretar a situación actual da economía galega así como presentar unha reflexión sobre os retos aos que se enfronta no futuro inmediato.

Introdución

Non fai falla ser un avezado economista nin tampouco un sagaz observador para darse conta de que Galicia e a economía galega experimentaron profundas mudanzas nos últimos 30 anos

Non fai falla ser un avezado economista nin tampouco un sagaz observador para darse conta de que Galicia e a economía galega experimentaron profundas mudanzas nos últimos 30 anos. As transformacións experimentadas transcorreron en paralelo á consolidación das institucións propias e do proceso de integración Europea, os dous grades cambios institucionais acontecidos logo da chegada da democracia a España. Ao longo deste artigo, que publicaremos en diversas entregas, trataremos de ver cales foron os cambios que se produciron na nosa economía e en que situación nos deixan para afrontar o futuro inmediato.

Vivimos mellor ou vivimos peor?

Seguimos amosando menores niveis de desenvolvemento que España e Europa, mais fomos quen de recortar diferenzas nas últimas décadas, aínda que só fora timidamente e sen lugar a dúbidas formamos parte do afortunado club dos países desenvolvidos do mundo

O primeiro que compre responder é algo que curiosamente soen esquecer a maior parte dos economistas: Vivimos mellor ou vivimos peor que hai 30 anos?. Responder a esta pregunta non é nada doado pois ao fin e ao cabo encerra aspectos moi diversos e que ademais teñen un carácter fortemente subxectivo. Pero o máis lóxico é tratar de obxectivala botando man dalgún dos múltiples indicadores que se utilizan para medir o nivel de desenvolvemento e benestar dos países e das sociedades. Nós botaremos man do ben coñecido índice de desenvolvemento humano (IDH), usado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento e que integra parámetros relacionados coa saúde (esperanza de vida ao nacer), a educación (taxas de alfabetización e de escolarización) e a riqueza (renda per cápita). Se usamos ese indicador, a resposta á pregunta que nos facíamos é sen dúbida positiva pois, tal e como amosan estudos recentes publicados polo IVIE (2013)1, o IDH galego medrou cerca dun 18% entre 1980 e 2010 e fíxoo, ademais, lixeiramente por riba da media española que a súa vez experimentou un crecemento por riba do da Unión Europea2. Vivimos máis tempo, o cal é mostra de mellores condicións de saúde; temos máis educación o cal nos dá máis oportunidades de progreso e xeramos máis riqueza material. Seguimos amosando menores niveis de desenvolvemento que España e Europa, mais fomos quen de recortar diferenzas nas últimas décadas, aínda que só fora timidamente e sen lugar a dúbidas formamos parte do afortunado club dos países desenvolvidos do mundo.

Se, no canto de medir o desenvolvemento humano, nos centramos nun aspecto directamente relacionado co modelo de sociedade como é o da desigualdade e a pobreza, as conclusións son moi parecidas ás anteriores se ben debemos destacar o importante deterioro que se ten producido por mor da crise económica iniciada en 2008. En calquera caso, tal e como xa teñen analizado polo miúdo Gradín e Del Río (2003)3, entre finais dos anos 70 e finais dos 90 produciuse en Galicia unha clara redución da pobreza e unha mellora da distribución da renda. En termos comparativos Galicia foi quen de recortar as diferenzas respecto a media Española particularmente na segunda metade da década pasada até tal punto que a taxa de risco de pobreza no ano 2011 era do 18,8%, dous puntos inferior que na media Española (INE, 2012)4. Curiosamente nesa altura aínda non se apreciara no noso país unha agravamento importante, no referido á pobreza relativa, por causa da crise económica e do seu devastador efecto no emprego5.

As melloras producíronse en paralelo á asunción e desenvolvemento por parte da Xunta das competencias clave tanto en educación e en saúde, como en diversas áreas de política económica entre as que podemos incluír ás políticas industrias e de innovación

Debemos destacar que as anteriores melloras se produciron en paralelo á asunción e desenvolvemento por parte da Xunta de Galicia das competencias clave tanto en educación e en saúde, como en diversas áreas de política económica entre as que podemos incluír ás políticas industrias e de innovación. Calquera podería evidentemente afirmar que se ditos servizos se seguiran xestionando e prestando dende Madrid ou, no outro extremo, se Galicia fose un país independente, poderiamos ter acadado as mesmas ou máis melloras en materia de desenvolvemento. Pero o anterior, ademais de non poder demostrarse por ser un contrafactual, non é óbice para afirmar que a medida que o autogoberno de Galicia se foi consolidando e boa parte dos servizos do estado social se xestionaron dende Galicia, o benestar dos galegos experimentou claras melloras.

 

NOTAS:

1- IVIE (2013); Desarrollo humano en España. 1980-2011. Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas

2- Debido a problemas metodolóxicos, non podemos realizar unha comparanza directa entre o IDH galego, o español e o europeo. Os datos para Galicia proceden dun estudo realizado para o conxunto das CCAA españolas e no mesmo apréciase que Galicia pasa de ocupar o posto 14 no ranking do IDH Estatal en 1980 ao posto 10 en 2010. Por outra banda, os datos do PNUD amosan que España mellorou a súa posición relativa respecto á Unión Europea o cal nos permite afirmar que Galicia tamén o fixo, mesmo en maior medida.

3- Gradín, C. e Del Rio, C. (2003); “A distribución da renda en Galicia: Balance das tres últimas décadas” Revista Galega de Estudos Sociais, 1, 41-56

4- INE (2012); “Encuesta de condiciones de vida. Año 2012”. Notas de Prensa del INE

5- A taxa de risco de pobreza é a porcentaxe de persoas que están por debaixo do limiar de pobreza, entendido como o 60% da mediana dos ingresos por persoa (realmente por unidade de consumo das persoas).

Manuel González, profesor da Facultade de Económicas da USC Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.