A emigración ao estranxeiro en Galicia creceu un 70% desde o inicio da crise

Un grupo de persoas agarda quenda para viaxar CC-BY-SA Cadernos.net

As expectativas económicas e laborais converteron a Galicia a pasada década nun lugar atractivo por primeira vez para os estranxeiros, que grazas ao incremento dos últimos anos representa xa o 4% da poboación censada. Pero a crise freou en seco a chegada de inmigrantes e a comunidade volveu a ver como cada vez máis xente colle as maletas e márchase en busca dun futuro mellor. Esta nova emigración, moi distinta á que nos anos 60 e 70 marchaba a Europa sen coñecer o idioma e con baixa cualificación, non deixou de crecer desde o inicio da crise, tanto que se hai catro anos 5.467 persoas deixaron Galicia para probar sorte noutro país, en 2011 a cifra elevouse ata as 9.375.

Este incremento nun 71,5% da emigración ao estranxeiro desde o ano 2007 nútrese sobre todo de galegos que ante a falta de oportunidades laborais na comunidade deciden probar sorte alén da fronteira, pero tamén de estranxeiros ou descendentes de emigrantes que tras pasar uns anos en Galicia optan por volver aos seus lugares de orixe. De todos eles, case catro de cada dez (3.627) procedían da Coruña, a provincia galega con máis emigrantes. Séguelle Pontevedra, con 3.088 cidadáns que se marcharon ao estranxeiro, Ourense (con 1.664) e Lugo (con 938).

O ano pasado abandonaron Galicia rumbo a outra comunidade autónoma 20.563 persoas

Pero non todo o que decide facer as maletas elixe como destino outro país. Segundo os datos de movementos migratorios do Instituto Galego de Estatística (IGE), o ano pasado abandonaron Galicia rumbo a outra comunidade 20.563 persoas; 8.369 desde A Coruña, 6.562 desde Pontevedra, 2.878 de Ourense e 2.754 de Lugo.

Os seus tres destinos principais foron, por esta orde, Madrid (onde se asentaron 4.633 emigrantes procedentes de Galicia), Cataluña (2.622) e Canarias (2.522). E aínda que o dato é bastante menor que o de 2007 (cando 22.722 persoas marcháronse cara a outros puntos do país) a cifra foi en aumento a medida que se agudizaba a crise e supón un 4,5% máis que os galegos que emigraron a outras comunidades españolas durante o ano 2010.

O groso desta chamada emigración exterior está integrada por galegos xa que, segundo as cifras do IGE, das 29.880 persoas que deixaron Galicia o ano pasado 21.160 eran españois -é dicir, o 70,8%- e outros 8.720 estranxeiros.

A cifra de galegos que deciden emigrar a outros puntos do país ou ao estranxeiro creceu un 5,6% respecto de 2007 aínda que se se toma como referencia o ano 2010 o éxodo exterior disparouse nun 12,3%.

A chegada de inmigrantes e retornados cae ao seu nivel máis baixo desde 2001

A crise que anima cada vez a máis novos galegos moi preparados a buscar traballo lonxe do seu lugar de orixe é tamén a responsable de que cada vez menos xente queira vir a Galicia. Tras un período de continuos incrementos, a inmigración exterior sufriu en 2008 unha freada en seco, ata o punto de que as 13.847 persoas que chegaron a Galicia o ano pasado desde o estranxeiro representan a cifra máis baixa desde 2001. O factor que máis influíu nesta caída é a mala imaxe da economía española no exterior, que disuade tanto aos galegos que sopesan o retorno como a cidadáns doutros países en busca de traballo. Dos 13.847 inmigrantes que recibiu Galicia, 10.139 eran estranxeiros -a metade dos 20.597 que chegaron en 2007- e outros 3.708 españois. Por lugar de procedencia, Europa é onde máis se notou a caída, tanto de estranxeiros como de retornados. Dos 9.600 que fixeron as maletas rumbo a Galicia en 2007 pasouse o ano pasado a 4.180, é dicir, menos da metade, unha porcentaxe que se multiplica en Portugal, de onde emigraron 2.832 persoas en 2007 rumbo a Galicia fronte ás 967 de 2011. O fluxo de estranxeiros e retornados desde América tamén caeu, de 11.386 a 5.508.

Un grupo de persoas agarda quenda para viaxar CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.