"Do mesmo xeito que o lume dunha pequena chispa faise grande e non deixa de crecer, pois canta máis leña atopa ao seu paso máis abrasa, os tiranos, canto máis saquean, máis esixen, canto máis arruínan e destrúen, máis se alimentan; consolídanse aínda máis e fanse sempre máis fortes coa fin de aniquilar e arrasalo todo". Étienne de La Boétie escribiu esta sentenza hai máis de catro séculos. Non obstante, as rúas de Atenas semellaban este domingo un inmenso mural que daba por boas as leccións dos sabios de sempre. Nas redes sociais puideron verse pintadas con frases de Sócrates ou Platón. As rúas parecían querer berrar que a unidade, malia á desesperación, permanece.
Grecia terá recibido unha hipoteca eterna de máis de 250.000 millóns de euros a cambio de adelgazar un sector público sobredimensionado mais, tamén, de someter á cidadanía a uns plans dunha dureza extrema
Este domingo o Parlamento grego aprobou outro severo plan de axuste económico. Como sucedeu en España, os deputados que subscribiron as medidas (moitos foron expulsados dos seus partidos por non acatar as ordes da dirección) premeron nos marcadores coa vista posta fóra do país. En Bruxelas, en Berlín, en París... Malia que as rúas estiveran literalmente ardendo, a aprobación dese paquete de recortes por máis de 3.300 millóns de euros era unha condición indispensable para que se conceda un segundo rescate económico de 145.000 millóns de euros. En dous anos, Grecia terá recibido unha hipoteca eterna de máis de 250.000 millóns de euros a cambio de adelgazar un sector público sobredimensionado mais, tamén, de someter á cidadanía a uns plans dunha dureza extrema. Segundo unha enquisa da prensa de Atenas, o 52% dos cidadáns dese país prefiren crebar e volver ao dracma.
A realidade grega
Cómpre ter en conta que, dentro dos problemas que ameazan con escachar a eurozona, cada país ten unhas circunstancias ben distintas. A entrada de Grecia na moeda única foi, dacordo cos datos que coñecemos recentemente, unha fraude. En Luxemburgo está a sede do Eurostat, oficina estatística comunitaria. Antes da incorporación dos gregos ao euro, desde Atenas se remitira información que acreditaba que a débeda do país non superaba o 60%, como así o esixía o Tratado de Maastrich. Mais, tal e como se demostrou, broker-dealers como Goldman Sachs axudaron a que Grecia mentise na estatística oficial mediante a utilización de produtos financeiros complexos (como os swaps), dos que a propia banca botou man pola súa rendabilidade.
Pero a fraude continuaría xa que, como publicou o diario The New York Times, en novembro de 2009 Goldman Sachs ofreceu tamén ao Executivo grego a posibilidade de adiar o gasto sanitario mediante artificios contables e rebaixar, tamén, o déficit. O país foi rescatado no mes de maio, á vez que en España se aprobaba o chamado decreto antidéficit con baixada de salario aos empregados públicos ou conxelación das pensións. Cal é o problema grego?
Grecia é un país cun alto nivel de endebedamento. Non obstante, non comparte o mesmo perfil que España, por exemplo. No caso grego a débeda pública é moi elevada, mentres que no español é a privada a predominante. No ano 1980, a débeda total (pública, empresarial e de familias) superaba a taxa do 90% en relación ao PIB. Neste momento, non obstante, era un nivel moi inferior ao de países como Estados Unidos, Xapón, Finlandia... e Alemaña. E evolución porcentual da débeda na última década foi superior en Portugal (+117 puntos), en España (+97) e mesmo en Noruega. Con todo, foron as contas públicas helenas as que botaron abaixo unha construción sen alicerce algún.
No ano 1980, a débeda total (pública, empresarial e de familias) superaba a taxa do 90% en relación ao PIB
A poboación grega, que está a padecer unha chuvia constante de recortes, non é en absoluto a máis endebedada da Unión Europea fronte a algunhas opinións e publicacións que dan por feito que os fogares de Grecia están sobrehipotecados. Non é certo. Segundo os datos do Banco Internacional de Pagamentos (BIS, en inglés) recompilados por Praza Pública, a débeda dos fogares en relación ao PIB é do 65%. Setenta puntos porcentuais menos que Holanda, por exemplo, e outros 26 menos que España.
A aplicación das consecutivas medidas de axuste non serviu máis que para, como ilustran os datos, afundir o país nunha recesión profunda, elevar a taxa de paro e de pobreza extrema. A taxa de suicidios no país, como recoñeceu o propio Goberno, medrou un 60% desde o primeiro rescate económico.