A oposición en pleno pide explicacións pola venda de Evo Banco

Oficina de Evo Banco © Evo Banco

Novagalicia Banco vén de vender as 80 oficinas de Evo a Apollo Management International LLP por 60 millóns de euros. Confirmouno a entidade nun feito relevante remitido á CNMV, onde aclara que elixiu a oferta deste fondo de investimentos, polo que lle transmitirá o "100% da unidade de negocio" da firma de NCG que operaba fóra de Galicia.

"Constituirase como entidade financeira independente, mediante a segregación do negocio bancario de 80 oficinas de NCG Banco, S.A., que na actualidade veñen operando baixo a marca Evo". En concreto, quen merca Evo é Apollo European Principal Finance Fund II (Apolo EPF II), un fondo xestionado por entidades filiais de Apollo Global Management LLC. A súa intención, disque "é reforzar" o banco "cun plan de negocio baseado nas fortalezas da entidade para que sexa un banco estable e importante no sistema financeiro español", segundo destaca Novagalicia nun comunicado.

A oposición coincide en pedir explicacións por unha venda "ás présas" e que supón "unha socialización de perdas"

Nada queda xa da "solvencia e galeguidade" da que presumía a Xunta á hora de debater as alternativas para as antigas caixas galegas. Agora, o Goberno galego cre que esta venda é "un paso máis" para garantir a viabilidade de Novagalicia, mentres a oposición ao completo exixe explicacións e depurar responsabilidades do que considera "unha socialización de perdas", tal e como denuncian AGE e BNG. O PSdeG, pola súa banda, cre que na operación existe "unha precipitación inxustificada" e pregúntase "quen financiará" os 60 millóns que costa.

Segundo Abel Losada, voceiro do grupo socialista, resultaría "absolutamente incomprensible" que NCG financiase un fondo norteamericano mentres "o crédito está pechado a familias e empresas" de Galicia, especialmente se se ten en conta que o prazo de venda da filial remata en 2014. "En teoría, non había ningunha urxencia inmediata", di. 

"É un escenario de capitalismo especulativo de libro; os responsables da entidade e a Xunta deben dar a cara", di Abel Losada

Losada non oculta a "enorme preocupación" do PSdeG pola venda de Evo nun proceso "absolutamente escurantista". "Por moito que se inetente eduulcorar", di o voceiro socialista, Apollo é unha entidade "especializada en comprar empresas en dificultades para facer reaexustes, habitualmente drásticos, e despois vender con ganancias para o propio fondo". "É un escenario de capitalismo especulativo de libro; os responsables da entidade e a Xunta deben dar a cara e ofrecer explicacións", aclarou.

Pola súa banda, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, cre que a venda de Evo "confirma a estafa" e censura o PP por permitir "a socialización de perdas" con esta operación "para que outros leven os beneficios". "O presidente da Xunta e o conselleiro de Economía levan meses en silencio", di, algo que atribúe a "unha estratexia" para "liquidar unha entidade agora pública".

"Faise  gran negocio cos cartos recadados cos impostos de todos, porque ademais vendeuse por un prezo moi inferior ao real", insistiu Díaz, que coincidiu co PSdeG en preguntarse "por que se ten tanta présa por facer negocio" cando "a troika daba ata cinco anos para vender" NCG Banco. 

AGE e BNG denuncian "a gran estafa" que supón "socializar as perdas e privatizar os beneficios"

Ademais, o BNG coincide en denunciar "a socialización de perdas" que supón a operación para "privatizar" entidades saneadas con diñeiro público. "O de EVO é un exemplo máis", asegura Francisco Jorquera, voceiro nacionalista. "Que se opte por un deseño de Novagalicia que teña o seu negocio en Galicia parécenos ben, pero non estamos de acordo coa socialización de perdas para privatizar os beneficios", insistiu.

Así, Jorquera lembrou que Evo véndese "a 60 millóns de euros" logo de ser saneada "con inxentes cantidades de recursos públicos" e pediu á Xunta e ao seu presidente que aclare de forma "rotunda e con claridade" se está a prol deste modelo.

Mentres, o PP cre que a venda de Evo "non é unha mala noticia", xa que "cumpre" co pacto de recapitalización, mentres que o Goberno galego, a través da conselleira de Facenda, Elena Muñoz, vea "un apoio" ao sistema financeiro galego. "É unha aposta que demostra que as cousas se están facendo ben e se fan de acordo co previsto no plan presentado", engadiu.

Ao tempo, Novagalicia explica que seleccionou a Apollo EPF II como comprador de EVO cun acordo de prezo de 60 millóns de euros en efectivo e un proxecto que "preserva o emprego de EVO Banco e a súa rede de oficinas en España", aínda que requirirá "adaptacións laborais" que tratarán sindicatos e dirección. As centrais debátense entre o "positivo" de manter o emprego e os temores das rebaixas salariais ou a "tremenda factura social" que supón a venda a un fondo estranxeiro.

 

Evo Bbanco terá a súa sede en España e rexirase polas normas estatais

O proxecto presentado por Apollo EPF II prevé establecer EVO Banco como núcleo da súa plataforma de actividade financeira en España. Apollo EPF II recentemente adquiriu Finanmadrid e o seu fondo predecesor, Apollo EPF, comprou AvantCard en 2011, compañía que xa posúe en España a licenza de establecemento financeiro de crédito, e que se completará proximamente coa licenza bancaria solicitada por EVO Banco, explica Novagalicia.

Así, EVO Banco terá a súa sede social e domicilio fiscal en España, con servizos centrais en Madrid, polo que continuará supervisado por réxime normativo e de disciplina financeira aplicable ao sistema bancario español.

NCG resalta que Apollo, o novo accionista de EVO Banco, é un fondo de investimento internacional "con experiencia de xestión" de entidades de servizos financeiros a nivel internacional. "Unha vez completada a adquisición por Apollo EPF II, EVO Banco iniciará o seu proxecto en solitario e independente de NCG Banco, e manterá a actual estrutura de 80 oficinas nas principais cidades de España, 590 profesionais e unha base de 250.000 clientes", subliña.

Apollo é unha firma global líder en investimento alternativo con oficinas en Nova York, Los Angeles, Houston, Londres, Frankfurt, Luxemburgo, Singapur, Mumbai e Hong Kong. Xestiona activos por valor de 113.000 millóns de dólares (datos a 30 de Xuño de 2013) en fondos de capital risco, crédito e inmobiliario en nove sectores onde a compañía posúe unha ampla experiencia e recursos.

Oficina de Evo Banco © Evo Banco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.