A redución da xornada laboral tería evitado a destrución de medio millón de empregos

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

A xornada laboral en España non só é máis longa que a media dos países da Eurozona, senón que, ademais, entre 2008 e 2012 -anos de crise- aumentou un 1,4% mentres que na nosa contorna baixaban un 1,6% as horas medias de traballador por ano. De feito, segundo os expertos, se a súa duración evolucionara coma no resto de Europa tería producido unha maior repartición do traballo e evitaría a destrución duns 540.000 empregos dende que empezou a crise.

Con datos de Contabilidade Nacional de Eurostat correspondentes ao ano 2012, a xornada laboral en España é de 1.686 horas por traballador. Na Eurozona sitúase en 1.574 horas por traballador. Nos últimos anos de crises e destrución de emprego, o comportamento da xornada laboral en España continuou crecendo, o que constitúe unha excepción na Eurozona. Só ocorreu en España, Grecia e Chipre. Deste xeito, mentres na Eurozona houbo unha repartición do tempo de traballo no mercado laboral, en España, a caída do emprego veu acompañada dun maior tempo de traballo para os ocupados.


Xornada laboral

Teríanse destruído ao redor de 540.000 empregos menos en España, ao redor do 20% da caída da ocupación nestes catro anos

Se a xornada media por empregado evolucionara en España igual que no resto, nestes anos (cun descenso do 1,6%, no canto do aumento do 1,4%), e considerando o número total de horas efectivamente realizadas, a redución de emprego neste catro anos tería sido menor. En concreto, teríanse destruído ao redor de 540.000 empregos menos en España, ao redor do 20% da caída da ocupación nestes catro anos, segundo un estudo da Dirección Xeral de Economía da Xunta de Andalucía.

“Se se equiparase a xornada laboral en España á media da Eurozona, e tendo en conta novamente o número de horas efectivamente realizadas, habería 720.000 ocupados máis. Polo tanto, con medidas de repartición do tempo de traballo, do mesmo xeito que se produciu na Eurozona na crise, e equiparando o nivel da xornada laboral de España, habería actualmente case 1,3 millóns de ocupados máis”, sostén devandito informe.

"O medo fixo que os traballadores aceptasen todas as condicións impostas, xa que saben que se non, na porta hai máis de seis millóns de parados esperando e as empresas xogan con isto"

Dende CCOO, Nuria López critica, ademais, que o aumento da xornada laboral non se correspondeu cunha mellora nos salarios. "A reforma laboral tombou os convenios colectivos e tivo un impacto directo na non creación de emprego, porque o medo fixo que os traballadores aceptasen todas as condicións impostas, xa que saben que se non, na porta hai máis de seis millóns de parados esperando e as empresas xogan con isto".

Incide ademais en que a equiparación da xornada laboral en España á do resto da Eurozona "non ten por que traducirse na implantación de 'minijobs' ou traballos en precario, senón que falamos do cumprimento dunha serie de dereitos que antes existían e agora foron evaporándose, por exemplo as medidas de conciliación da vida laboral e familiar ou a regularización das horas extra".

"Non só se destruíu emprego, senón que a perda de dereitos para os traballadores que seguen en activo, supuxo que teñan que tragar por máis horas de traballo a igual ou menos prezo"

UGT exprésase nos mesmos termos e alerta de como aumentou a fenda da xornada laboral en España con respecto a outros países da contorna. Para este sindicato, a reforma laboral, "coa consecuente desvalorización do traballo que supuxo", ten gran parte de culpa nisto porque "non só se destruíu emprego, senón que a perda de dereitos para os traballadores que seguen en activo, supuxo que teñan que tragar por máis horas de traballo a igual ou menos prezo". José Carlos Mestre, de UGT de Andalucía, pon un exemplo moi ilustrativo: "Pódese ver na hostalaría, onde se rompeu a correlación entre pernoctacións e empregos. As pernoctacións están a crecer e é certo que baixaron os prezos e os turistas gastan menos, pero nin sequera tendo en conta estes aspectos, correspóndese cun aumento dos contratos, sinxelamente porque se están prolongando as xornadas laborais do persoal".

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.