A Unión Europea da Enerxía: Un conto sen fin ou unha futura realidade?

A promoción das enerxías renovables será unha das bases do proxecto © ecotipsblog.blogspot.com

Un dos clichés máis sobados sobre a UE é a idea de que os grandes progresos na integración europea se produciron cando a Unión estivo inmersa en graves crises. Durante décadas a política enerxética ten xogado un rol secundario. Sendo unha competencia compartida cos Estados Membros, a Comisión Europea limitouse a realizar normas comunitarias centradas no mercado único ou as competencias de medio ambiente. Desta maneira, regulaba tanxencialmente un área sobre a que os gobernos nacionais se mostraban reticentes a cooperar e ceder soberanía. Non existía de por si, unha auténtica estratexia europea para a enerxía que dotase á Unión de maior autonomía, sustentabilidade, competitividade e seguridade.

Durante décadas a política enerxética ten xogado un rol secundario. A Comisión Europea limitouse a realizar normas comunitarias centradas no mercado único ou as competencias de medio ambiente

Estas limitacións fóronse corrixindo co tempo conforme os tecnócratas de Bruxelas, as capitais estatais e a opinión pública se ian dando conta da necesidade de dotar á UE de competencias nesta area. Con certeza, os cortes de subministro realizados por Rusia en 2006 e 2009 coas súas negativas consecuencias en Europa Oriental favoreceron o desenvolvemento de accións no eido da enerxía. Algunhas delas con certo alcance e éxito como os obxectivos sobre renovables ou eficiencia enerxética. Por outra banda, outras iniciativas distan aínda de seren executadas completamente como o mercado único da enerxía (do que se leva a falar case unha década), maior interconexión entre os Estados Membros, etc.

Con certeza, os cortes de subministro realizados por Rusia en 2006 e 2009 coas súas negativas consecuencias en Europa Oriental favoreceron o desenvolvemento de accións no eido da enerxía

A crise en Ucraína e o enfriamento das relacións con Rusia deulle un novo pulo á UE para implicarse máis na área da enerxía. En menos dun ano, a UE aprobou unha Estratexia Europea sobre a Seguridade Enerxética, novos obxectivos para o uso de renovables e eficiencia enerxética e en breve presentará unha das iniciativas principais da nova Comisión Juncker, a Unión Europea da Enerxía.

A pesar do grandilocuente nome e de mesmo existir un comisario encargado de realizar esta nova iniciativa, o eslovaco Maros Sefkovic, o certo é que polo momento a Unión Europea da Enerxía tratará basicamente de plasmar na realidade o que está xa escrito en media ducia de directivas e comunicacións. Basicamente, crear un mercado común liberalizado, sen barreiras tanto legais como físicas para a enerxía, unha maior coordinación entre gobernos e reguladores estatais, a consecución duns obxectivos bastante diluídos no relativo á decarbonización da economía e a transición enerxética e diversificar e lograr un subministro máis seguro.

A UE aínda importa un 55% da enerxía que consume, un 90% do petróleo, 66% do gas e 45% do carbón, o que supuña até hai pouco un gasto de máis de 1.000 millóns de euros por día

No tocante ao último punto, durante estes últimos anos os Estados membros da UE foron pouco a pouco incrementando a súa capacidade de responder e resistir un posible corte de subministro por parte de Rusia. Isto é, aumentando as súas reservas estratéxicas, construíndo terminais de Gas Natural Licuado (GNL), ampliando instalacións de almacenaxe ou desenvolvendo gasodutos de fluxo bidireccional. Porén, a UE aínda importa un 55% da enerxía que consume, un 90% do petróleo, 66% do gas e 45% do carbón, o que supuña até hai pouco un gasto de máis de 1.000 millóns de euros por día. Destas porcentaxes, un 34% do gas consumido procedía de Rusia e unha cifra similar suporían as importacións de petróleo.

Estas cifras supoñen unha gran capacidade de Rusia para poder exercer su influencia na UE. Pero, por outra banda, a UE tamén ten unha gran influencia ao ser o primeiro importador de enerxía rusa

Obviamente, estas cifras supoñen unha gran capacidade de Rusia para poder exercer su influencia na UE, especialmente mediante negociacións bilaterais cos Estados Membros. Pero, por outra banda, a UE tamén ten unha gran influencia ao ser o primeiro importador de enerxía rusa, que no caso do petróleo podería facilmente substituír por outras opcións. No tocante ao gas, paso a paso vaise construíndo un mercado global que permita a importación deste recurso sen ter so en conta a existencia de gasodutos. En relación a isto, a falta de infraestruturas ten limitado a capacidade de ambos actores de buscar alternativas. A construción de terminais de GNL ou de interconexións entre os Estados Membros da UE está reducindo a gran dependencia do gas ruso de certas rexións europeas e será un dos puntos principais da Unión Europea da Enerxía. Desta maneira, decisións como a cancelación de South Stream e os plans de converter a Turquía na principal vía de paso do gas ruso para Europa Sudoriental non terían importantes efectos para a UE. De facto, segundo os estudos da CE a capacidade deste proxecto é un terzo superior ao consumo de Turquía e Europa Sudoriental xuntas. E iso sen termos en conta outros competidores como o corredor sur (TANAP e TAP gasodutos que levarán gas do Caspio a Europa vía Turquía).

A UE busca lograr un aforro enerxético e alcanzar unha produción de enerxías renovables dun 27%  e unha decarbonización da economía dun 40% para 2030

Ademais, estes proxectos gasísticos da UE e Rusia parecen non ter en conta os propios obxectivos da Unión. A UE busca lograr un aforro enerxético e alcanzar unha produción de enerxías renovables dun 27%  e unha decarbonización da economía dun 40% para 2030, obxectivos bastante pouco ambiciosos, por certo. A construción de grandes infraestruturas para importar combustibles fósiles ou mesmo a explotación de recursos autóctonos (gas de xisto) como parece que promoverá a Unión Europea da Enerxía, non teñen sentido tendo en conta estes obxectivos e suporían un gasto absurdo a longo prazo. Outras iniciativas inseridas no marco da Unión Europea da Enerxía como a reforma do Sistema de Comercio de Dereitos de Emisións ou a decarbonización do transporte abondarán nesta problemática.

Pese a todo, o certo é que a medida principal da Unión Europea da Enerxía será a creación dun  auténtico mercado común do gas e a electricidade, o que é por agora unha ilusión a realizar. Para lograr iso é esencial eliminar barreiras legais e construír máis conexións físicas entre os estados. Desa maneira garantiríase un bo funcionamento do mercado e en teoría unha enerxía máis barata (se seguimos o mantra da Comisión: mercado común = libre competencia dos actores = menores prezos e maior competitividade). Para lograr esta meta a UE ven de aprobar un obxectivo de interconexión eléctrica do 10% para 2020 e 15% para 2030 (agora é so do 8%) e mesmo seleccionou e financiará unha serie de proxectos prioritarios para lograr fisicamente ese mercado común da enerxía.

A medida principal da Unión Europea da Enerxía será a creación dun  auténtico mercado común do gas e a electricidade, o que é por agora unha ilusión a realizar

Mais se infraestruturas, liberalización e regras comúns para o mercado da enerxía son elementos claves, a Unión Europea da Enerxía será moito máis que isto. A iniciativa pretende ter unha visión holística da enerxía, afectando a outras políticas relacionadas como a de Ciencia, Agricultura, Transporte, Cambio Climático, Asuntos Exteriores e Medio Ambiente. Estas áreas terían que traballar coordinadamente para lograr unha maior efectividade e coherencia nas súas accións. Igualmente, a Unión Europea da Enerxía terá que definir un modelo de gobernanza entre Bruxelas (que debería ter en conta ao Parlamento Europeo tamén) e as capitais europeas. O éxito deste proxecto basearase maiormente neste modelo a definir. Dependerá por un lado, das ferramentas coas que se dote a Comisión para controlar e garantir o cumprimento da lexislación adoptada. Pola banda dos estados, a cooperación entre os 28 reguladores enerxéticos (se non se acaba creando un común), a capacidade dos Estados Membros de traballar xuntos, adoptar as directivas comunitarias, ceder soberanía e a súa resolución para tomar accións concertadamente serán esenciais. De momento, posibles negociacións con terceiros estados en conxunto fica como algo voluntario e sen regular.

A seguridade enerxética, a promoción das renovables, o mercado interno da enerxía, a investigación e o desenvolvemento serán os alicerces do proxecto

En definitiva e pese a estar a Unión Europea da Enerxía aínda por deseñar, a crise de Ucraína e o empeoramento das relacións con Rusia teñen fortalecido a iniciativa da UE para actuar no eido da enerxía. A seguridade enerxética, a promoción das renovables, o mercado interno da enerxía, a investigación e o desenvolvemento serán os alicerces do proxecto. Queda por ver en que grao se materializa o seu posible éxito, que dependerá coma sempre da vontade das capitais.

Gasodutos entre Rusia e a UE CC-BY Samuel Bailey
A promoción das enerxías renovables será unha das bases do proxecto © ecotipsblog.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.