A Xunta ingresa un 60% máis por impostos indirectos que polos que gravan a renda

Ilustración da Xunta sobre os Orzamentos de 2014, na que mantén que baixa os impostos © Xunta

O presidente da Xunta asume dialecticamente dende hai tempo o principio segundo o cal deben "pagar máis os que máis teñen". Para Alberto Núñez Feijóo a tradución práctica deste precepto consiste en, por exemplo, rematar co sistema de préstamo universal de libros de texto ou modificar á alza as tarifas dos comedores escolares: "Non lle cobramos a quen o necesita e si lle cobramos a quen pode". Non obstante, esa consideración "cos que menos teñen" que preside o argumentario dos conservadores desaparece ao ollar a política tributaria do Goberno galego e, nomeadamente, a diferenza existente entre os ingresos por impostos directos e indirectos, xa que os segundos son notablemente superiores aos primeiros.

Existe un consenso estendido en torno á idea de que os impostos directos resultan máis xustos e redistributivos, toda vez que gravan a renda e o patrimonio de cadaquén, mentres que os indirectos, como o IVE, obrigan a tributar polo seu consumo a toda a poboación por igual, con independencia dos seus ingresos. Para o vindeiro ano 2014 os Orzamentos Xerais da Xunta prevén uns ingresos por impostos directos de 1.937 millóns de euros, mentres que polos indirectos a estimación é de 3.133 millóns, un 61% máis.

En 2014 a Xunta prevé ingresar 1.900 millóns por impostos directos e 3.133 polos indirectos

A Consellería de Facenda ofrece estas previsións tras calcular que os ingresos polos tributos directos aumentarań un 1,3% a respecto do exercicio económico de 2013, mentres que os indirectos escalarán un 6,4%. A suba está impulsada, entre outros factores, polo incremento do denominado céntimo sanitario, o imposto sobre o carburante que o gabinete de Feijóo vai subir en 3,6 céntimos por litro de gasóleo e en 2,4 céntimos na gasolina.

As subas de impostos dende 2009

Os datos oficiais de Facenda desmenten tamén outro dos slogans máis recorrentes dos discursos gobernamentais, o da preeminencia das "rebaixas selectivas de impostos". Se ben é certo que o Executivo rebaixou certos tributos da súa competencia como o de actos xurídicos documentados e se dispón a baixar moi levemente o treito autonómico do IRPF, non o é menos que, catro anos despois do retorno do PP a San Caetano, os ingresos tributarios da autonomía incrementáronse nunha media do 29%, entre impostos directos e indirectos, que subiron nunha proporción semellante, aínda que lixeiramente superior no caso dos indirectos.

Os ingresos tributarios da autonomía incrementáronse unha media do 29% en catro anos

No ano 2009, derradeiro do bipartito, a recadación prevista por impostos directos era de 1.516 millóns de euros e por indirectos, 2.400 millóns, un 58% máis, polo que a diferenza entre ambos era tres puntos inferior á actualidade. Nas súas primeiras contas públicas, as de 2010, o gabinete de Feijóo recolleu unha caída de ambos tipos de tributos, un 9,4% nos que gravan a renda e o patrimonio e un 21% nos que gravan o consumo. A tendencia foi invertida un ano máis tarde, e nos Orzamentos de 2011 xa se recollía unha notable suba, do 47,8% nos directos e do 46,8% nos indirectos.

Entre 2011 e 2012 a recadación por impostos directos non variou, mentres que a dos indirectos aumentou un 3,6%, no exercicio seguinte os directos achegaron un 2% máis de cartos ao erario e os indirectos, un 3,8% adicional. Segundo consta nos documentos orzamentarios a Consellería atinou con máis ou menos precisión en todos os devanditos anos coa excepción de 2012, cando preveu ingresar 2.030 millóns por impostos indirectos pero só obtivo 1.591, mentres que os 2.598 millóns que estimara para os indirectos chegaron finalmente ata os 2.835.

Feijóo, este luns nun acto público © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.