"Blindar". É un dos verbos máis empregados polo Goberno galego, a comezar polo seu presidente, ao falar das partidas sociais nos Orzamentos Xerais da Xunta. Ano tras ano, Alberto Núñez Feijóo e a conselleira de Facenda, primeiro Marta Fernández Currás e despois Elena Muñoz, deron por "blindado" o gasto social en tempos de crise aferrándose, esencialmente, a un indicador: o peso da sanidade, da educación e dos servizos sociais no total do Orzamento, isto é, a porcentaxe dos cartos dispoñibles que se dedican a estas partidas. Así, nos últimos anos os discursos oficiais deixaron de falar de cifras absolutas para facelo de porcentaxes: "oito de cada dez euros" do erario van a políticas sociais, insistiron Feijóo e Muñoz nos últimos meses. O Ministerio de Facenda vén de desmentir este argumentario.
O departamento que dirixe Cristóbal Montoro, cuxa intervención é frecuentemente aludida por Feijóo para insistir na veracidade dos datos orzamentarios que el publicita, vén de publicar o resumo executivo dos orzamentos de todas as comunidades -agás Navarra, que aínda non as aprobou-, un documento que lle permite ao Estado presentar as contas autonómicas de maneira homoxenea. No que atinxe a Galicia o Ministerio ratifica que é a autonomía que mellor equilibra ingresos e gastos, pero desmonta non o slogan vinculado ao suposto incremento do peso do gasto social.
As partidas sociais pasan do 66,33% ao 60,59%, segundo o Ministerio
Sempre segundo esta análise estatal, os que a Xunta definiu como "orzamentos máis sociais da historia da autonomía" dedícanlle a "Sanidade, Educación e Servizos Sociais e Promoción Social" o "60,59% do orzamento, porcentaxe inferior ao rexistrado no exercicio anterior, no que acadou o 66,33%", sinala o informe. Polo tanto, nin pesa máis que en 2013 nin absorbe "oito de cada dez euros". Nesta liña, abonda o estudo ministerial, "en relación ao exercicio 2013 hai que citar a diminución do 1,99% experimentada na función de Servizos Sociais e Promoción Social, do 0,97% en Educación que xunto coa baixada do 0,61% en Sanidade fai que a suma destas políticas experimente unha redución de 56,07 millóns de euros".
O informe desmente que Galicia sexa a autonomía con maior peso do gasto social no seu orzamento
Unha vez confirmado o recorte relativo e absoluto nas partidas sociais, o mesmo informe deixa tamén en mal lugar outra das afirmacións da Xunta, esa segundo a cal "estamos á cabeza de España en políticas sociais, sanitarias e educativas", como afirmou Muñoz. Volvendo de novo aos datos do informe, o devandito 60,59% fai que Galicia sexa a duodécima comunidade autónoma no que atinxe ao peso do investimento social no total do orzamento, tendo por tras só a Aragón, Balears, Extremadura e Catalunya nun panorama no que unicamente en Murcia, Andalucía e Canarias estas partidas pesan máis que nas contas de 2013.
Autonomía | Porcentaxe | Variación |
---|---|---|
Murcia | 68,87% | + |
Asturias | 68,68% | - |
Andalucía | 68,12% | + |
Euskadi | 65,55% | - |
Canarias | 65,11% | + |
Comunitat Valenciana | 63,36% | - |
Castilla-La Mancha | 63,03% | - |
La Rioja | 62,90% | = |
Castilla y León | 62,73% | - |
Madrid | 61,48% | - |
Cantabria | 60,62% | - |
Galicia | 60,59% | - |
Aragón | 58,61% | - |
Balears | 54,54% | - |
Extremadura | 54,00% | - |
Catalunya | 50,88% | - |
Menos investimento e máis débeda
Á marxe do gasto social o informe do Goberno de España evidencia tamén outro dos trazos que vén caracterizando a política orzamentaria do gabinete de Feijóo: a rebaixa nos investimentos e o incremento da débeda pública. Así, Facenda certifica a caíxa do gasto non financeiro -o destinado a investir- en 88,96 millóns de euros, un 1,06%. Esta diminución, sinala, "débese sobre todo á diminución das operacións de capital e ao levísimo aumento das operacións correntes". As transferencias de capital rebáixanse e tamén as transferencias correntes, que "ven reducido o seu importe en 38,78 millóns de euros, un 1,96%, debido sobre todo á redución nas consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar", abonda.
"O gasto na función de débeda pública aumenta un 86,44%"
No que atinxe á débeda, o Ministerio detalla que "o gasto da función débeda pública aumenta en 920,26 milóns de euros, un 86,44%". O informe contrapón este crecemento exponencial ao "descenso" de todas as demais funcións, entre as que "destaca a caída experimentada en desenvolvemento empresarial, por 54,91 millóns de euros, un 33,17%, así como a función de pesca, por 54,91 millóns de euros, un 28,1%".