Aguión: "Vai haber folga xeral, pero cando teñamos os suficientes apoios"

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO. en Galicia CC-BY-SA S.N. de CC.OO. en Galicia

Haberá folga xeral en Galicia. Que sexa unitaria (coa CIG) ou non dependerá dos apoios que UGT e CCOO recaben nas vindeiras semanas. Esta é a mensaxe principal que traslada o secretario xeral de Comisións en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, en declaracións a Praza Pública. Desde esta central queren estar seguros de que haberá suficiente respaldo da cidadanía, tanto da que ten un posto de traballo como da que non. "O fácil é chamar á folga ás primeiras de cambio", constatou a este diario.

Aguión enfría así as declaracións que esta mañán fixeron os responsables de CCOO e UGT en Vigo nunha rolda de prensa que aventurou a posibilidade factible de chamar á folga á cidadanía "a finais do mes de marzo". O día 29 é cando a central nacionalista xa ten convocado un paro xeral na comunidade, ao igual que sucederá no País Vasco. Polo de agora, desde a secretaría xeral de CCOO prefiren continuar co traballo de explicación polos centros de traballo e centrarse en accións como a de este mércores. 

Non imos facer a folga cando diga Rajoy, senón cando esteamos listos

Este mércores xa teñen programadas numerosas mobilizacións por todo o Estado. Que relevancia teñen estas protestas?

É moi importante porque é unha xornada de mobilizacións a nivel europeo, convocada por todos os sindicatos en conxunto que, por primeira vez, condenan de xeito unánime as políticas económicas da Comisión Europea. Estamos radicalmente en contra da gobernanza económica que hai en Bruxelas e queremos criticar a forma e o fondo en que os Executivos están afrontando esta situación de crise.  A forma é clara, porque hai un déficit evidente na Unión Europea en materia de gobernaza. As decisións, basicamente, son as que se impoñen desde Francia e Alemaña. E todos os plans perseguen o mesmo con ese patrón: o axuste por riba de calquera outra cousa, por riba do Estado do Benestar.

A reforma laboral española foi ditada claramente por Bruxelas. E aquí dicimos que si, e que somos uns campións por facer caso ao que mandan

A acción menciona directamente á banca...

Porque se prioriza a débeda que teñen os bancos sobre as condicións de vida da cidadanía. Aí temos o exemplo clarísimo de Grecia e Portugal. Europa vai volver entrar en recesión económica pola asunción dunhas políticas do neoliberalismo económico máis puro. Isto está afectando ás condicións de traballo e provocan reformas legais e laborais que atentan directamente contra a clase traballadora. A reforma laboral española foi ditada claramente por Bruxelas. E aquí dicimos que si, e que somos uns campións por facer caso ao que mandan. 

As protestas do día 19 de febreiro foron moi concorridas. Como ven á cidadanía: chega coas mobilizacións ou requiren algo máis?

Nós vemos que a xente reclama accións. O modelo do Estado de Benestar está en entredito, están desmantelándose os servizos públicos. Por iso digo que nós estamos aí, defendendo estas dúas cousas. Cada sindicato ten a súa maneira de actuar, e CCOO é un sindicato de clase que non antepón os seus intereses aos da xente que representamos. É preciso buscar cantos máis apoios mellor para recabar máis forza. Por iso seguimos neste proceso de explicación dunha reforma laboral indecente e que desprotexe aos traballadores.

 Vai haber folga xeral. Pero o fácil é chamar á folga

A explicación baséase entón na reforma...

Exactamente, que é un novo marco legal que dá todo o poder a quen xa tiña o cazo polo mango. Non vai xenerar emprego, vai abaratar o despedimento. E isto hai que explicalo. Canto máis fortes sexamos máis efectividade vai ter. Digámolo claramente, falamos dunha folga xeral. Pero non imos facer a folga cando diga Rajoy, senón cando esteamos listos e teñamos o suficiente número de apoios. Non queremos chamar só aos que están traballando, senón ao conxunto da cidadanía. Esta reforma ten un gran contido ideolóxico que cómpre explicar. 

Vai haber...

Vai haber folga xeral. Pero o fácil é chamar á folga. Eu comprendo que nos medios... Vai habela, pero cando teñamos os suficientes apoios.

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO. en Galicia CC-BY-SA S.N. de CC.OO. en Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.