Alemaña: "os parados deberían aforrar en carne e vender os seus mobles"

Unha oficina de emprego en Alemaña © El Diario

A oficina da axencia nacional de emprego na cidade alemá de Pinneberg acaba de publicar unha guía onde ensinan a aforrar a persoas en paro. Entre os consellos do caderno aparecen recomendacións sobre como deixar para comer carne unha semana ou vender mobles nos mercadiños. Beber soamente auga da billa e ducharse rapidamente son outros dos consellos que poden lerse na devandita guía. Tamén recomendan mudarse a unha vivenda menor e máis barata.

Entre os consellos do caderno aparecen recomendacións sobre como deixar para comer carne unha semana ou vender mobles nos mercadiños

Non pasaría de ser unha recomendación desafortunada dunha oficina de emprego local nunha pequena cidade alemá se o subdirector da axencia nacional de emprego alemá Heinrich Alt non a cualificara como “unha guía estupenda" na súa conta de Twitter.

Os parados de longa duración, é dicir, a partir do segundo ano, así como aquelas persoas que non traballasen nunca, teñen dereito en Alemaña a unha axuda non contributiva que contempla o pago do aluguer e unha pequena suma de subsistencia que rolda os 350 euros. As persoas poden, así mesmo, traballar até gañar 100 euros máis.

Para acceder a estas axudas non contributivas non se pode posuír ningún tipo de bens ou aforros. Aqueles que teñen unha casa en propiedade, por exemplo, vense en moitos casos obrigados a vendela. Xoias e outras posesións que sexan susceptibles de ser vendidas deixan de pertencer ao parado. Tampouco se pode recibir diñeiro de familiares ou amigos. A axencia de emprego pode mandar a casa do desempregado un controlador que ten dereito a revisar toda a casa na procura de obxectos inapropiados na súa nova situación vital.

Tamén se oíron casos na prensa de traballadores da oficina de emprego que controlan os parados na rúa, no supermercado ou que vixían a súa caixa de correos para comprobar se realizan gastos fóra do normal ou se marchan de vacacións sen pedirlle permiso á axencia nacional de emprego. Unha das poucas cousas que poden posuír os perceptores das devanditas axudas son os seus mobles orixinais e o diñeiro resultante da venda dos mesmos no caso de que se desfagan deles.

Para acceder a estas axudas non contributivas non se pode posuír ningún tipo de bens ou aforros. Aqueles que teñen unha casa en propiedade, por exemplo, vense en moitos casos obrigados a vendela

Este sistema de axuda social a cambio de prestacións que han de realizar os parados en forma de traballo e con sancións no caso de que non cumpran o que dite a oficina de emprego foi denunciado en numerosas ocasións. Unha das súas detractoras máis coñecidas é Inge Hannemann, traballadora dunha oficina de emprego no barrio de Altona en Hamburgo. Ela cre que o sistema é anticonstitucional porque a carta magna asegura no seu primeiro artigo a todas as persoas unha “dignidade” que ela ve pisada mediante este sistema. Hannemann foi retirada temporalmente do seu traballo e pretende levar a cuestión ao tribunal de dereitos humanos da Unión Europea.

Unha oficina de emprego en Alemaña © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.