Almunia alonga a agonía do naval de Vigo

Manifestación do naval en Vigo, saíndo desde Teis Dominio Público @calveiro

En 2009, o sector naval daba traballo en Vigo a 12.000 persoas. Quedan apenas 3.000 en activo, e pendentes do que Bruxelas decida sobre a devolución dos case 3.000 millóns de euros correspondentes a bonificacións fiscais europeas, o coñecido como tax lease. “Comezamos a prórroga”, resume Ramón Sarmiento, representante comarcal de CCOO en Vigo, en referencia ao último prazo para unha orde de reintegro que se esperaba para este mércores. Pero os tempos engadidos non son o mellor compañeiro de viaxe para un sector atenazado pola incerteza. “Hai moitos meses que non se asinan novos contratos, quen vai encargar obras que duran anos a uns estaleiros que teñen sobre a súa cabeza a espada de Damocles?”, láiase o sindicalista.

Entre 2005 e 2011, o tax lease converteuse nun refuxio de moitas grandes fortunas, que investían no sector naval a cambio duns moi rendibles beneficios fiscais. Ata que hai agora dous anos Bruxelas dixo que xa abondaba, por mor dunha denuncia de Holanda. O sector, que xa languidecía, entrou en barrena, pero a previsible devolución desas axudas suporá directamente “a ruína”, advirte Manuel García, responsable do sindicato do metal de UXT en Galicia. A propia incerteza é unha lastre para un sector que se move por grandes investimentos, superiores na maioría dos casos aos 100 millóns de euros, que requiren dúas cousas: financiamento e seguridade. En total, a devolución ascenderá a 2.800 millóns de euros e afectará a estaleiros do País Vasco, Asturias e, principalmente, Galicia. En concreto, de Vigo, onde se concentran o 65% dos investimentos financiados co tax lease.

Quen coñecen o borrador, e entre eles está o alcalde de Vigo, o tamén socialista Abel Caballero, saben que ese documento é desfavorable para os intereses de España

A pesar das expectativas creadas, onte o colexio de comisarios limitouse a coñecer o borrador elaborado polo responsable de Competencia e vicepresidente da Comisión Europea, o socialista Joaquín Almunia, convertido polo PP na cabeza de turco. Ábrese un período de consultas, e será na reunión da Comisión que presidirá Durao Barroso en xullo, probablemente o día 17, cando, agás sorpresa, a devolución se fará efectiva. Quen coñecen o borrador, e entre eles está o alcalde de Vigo, o tamén socialista Abel Caballero, saben que ese documento é desfavorable para os intereses de España. Por iso é polo que Caballero insistiu nos últimos días en acusar o seu compañeiro de partido de asestar “un golpe de man” contra o naval vigués.

O eurodeputado do PSOE Antolín Sánchez Presedo trata de xustificar a Almunia. “Hai que estudar o borrador con detemento, a baza é que a devolución se fai recaer nos investidores e nos armadores, pero non nos estaleiros”, razoa. Para os sindicatos, a diferenza é nula. Por varias razóns. Porque a maioría dos contratos incluían garantías dos construtores, porque crebaría a seguridade xurídica das operacións, porque a banca pecharía un pouco máis a billa, porque crebarían moitos clientes, que son os armadores... “A devolución dos 2.800 millóns é unha hipótese sinxelamente demoledora, pague quen pague”, replica Sarmiento.

Cando o sector fóra de España empeza a ofrecer síntomas dunha incipiente recuperación, coa crecente demanda de buques do tipo dos que se fabrican en Galicia, a incerteza do tax lease mantén á marxe os estaleiros vigueses

A importancia do pouco que queda do sector naval vigués, auténtica zona cero dos efectos da retirada do tax lease, transcende os 3.000 empregos activos que aínda conserva. A escasa actividade que aínda manteñen dos outrora puxantes estaleiros débese a contratos asinados hai un ou dous anos ou a sectores auxiliares que sobreviven grazas á exportación. Os tres grandes, Barreras, Vulcano e Freire, están completamente parados. Toda a economía que xeraba o naval, coma os transportes especiais, empresas de verificación, a enxeñaría industrial e técnica, caeu con eles. E cando o sector fóra de España empeza a ofrecer síntomas dunha incipiente recuperación, coa crecente demanda de buques do tipo dos que se fabrican en Galicia, a incerteza do tax lease mantén á marxe os estaleiros vigueses. “Imposible callar unha operación nestas circunstancias”, constata Ramón Sarmiento.

O ministro de Industria, José Manuel Soria, afirmou o martes que a devolución sería “profundamente inxusta” e ”prexudicial” para os estaleiros

“Cárgase moito as tintas en Almunia, pero a decisión vana a tomar 27 comisarios, e 20 deles son do Partido Popular Europeo”, advirte Manuel García. É o mesmo argumento que empregou este mércores no Parlamento galego o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, fronte aos ataques continuos do presidente da Xunta ao comisario europeo de Competencia. “Vostede ocúpese de Almunia, que do Goberno ocúpome eu”, replicoulle Alberto Núñez Feijóo. En efecto, o ministro de Industria, José Manuel Soria, afirmou o martes que a devolución sería “profundamente inxusta” e ”prexudicial” para os estaleiros. Pero do éxito das xestións do ministerio, que Feijóo consideraba cruciais cando aínda gobernaba Zapatero, “non se coñecen resultados”, lamenta o sindicalista de UXT.

Manifestación do naval en Vigo, saíndo desde Teis Dominio Público @calveiro
Manifestación polo futuro do naval en Galicia © CIG-Metal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.