As administracións poderán despedir persoal laboral se os seus ingresos caen o 5%

Manifestación en defensa dos servizos públicos Dominio Público @bretemas

Desde este martes, as administracións públicas xa contan con todas as instrucións para levar a cabo despedimentos colectivos do seu persoal laboral. Poderán facelo, do mesmo xeito que as empresas, alegando causas económicas, técnicas ou organizativas, o que implica indemnizacións de 20 días por ano traballado, grazas á última reforma laboral.

"Entenderase que concorren causas económicas cando se produza unha situación se insuficiencia orzamentaria sobrevinda e persistente para o financiamento dos servizos públicos correspondentes", di o novo regulamento de despedimentos colectivos publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), e que desenvolve o contido da reforma laboral aprobada polo Goberno de Rajoy o pasado febreiro.

Abondaría con que os ingresos da administración se reducisen un 5% ou cando se dea "unha situación de insuficiencia orzamentaria"

O texto considera que a insuficiencia orzamentaria é persistente cando se produza durante tres trimestres consecutivos. En calquera caso, abondará con que no exercicio anterior, a administración pública na que estea integrado ese ente, departamento, organismo ou entidade presentase unha situación de déficit orzamentario, unha situación moi estendida agora entre as administracións debido aos recortes e pola cal practicamente todas poderían levar a cabo despedimentos colectivos.

Tamén será causa económica que a redución das transferencias ou achegas patrimoniais a un organismo se reducisen un 5% no exercicio actual (no borrador presentado no verán contemplábase un 10%) ou nun 7% nos dous exercicios anteriores. É dicir, que a propia administración terá a chave para facer os seus propios expedientes de regulación de emprego, posto que son as administracións as que deciden o orzamento do seu organismo, entes e departamentos.

A nova regulación afecta a preto dun millón de cidadáns, persoal laboral ou asalariados de empresas públicas con máis do 50% do capital público

Estas modificacións afectan o persoal laboral -unhas 700.000 persoas en toda España- e aos asalariados de empresas con máis do 50% de capital público -preto de 140.000 persoas-, que poderán ser despedidos por estas causas. Non así ao funcionariado, que se rexe polo Estatuto da Función Pública, e non polo Estatuto dos Traballadores. En caso de despedimento colectivo, terá prioridade de permanencia o persoal laboral fixo que adquirise esta condición a través "dun procedemento selectivo de ingreso convocado ao efecto".

As administracións terán que achegar documentación xustificativa para acreditar as causas económicas, como unha memoria explicativa da súa situación, os orzamentos dos dous últimos exercicios, onde consten os gastos de persoal, ou o Plan de Ordenación de Recursos Humanos, entre outros. O organismo afectado terá tamén que comunicar o inicio do procedemento do despedimento colectivo ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou á autoridade equivalente nas comunidades autónomas. Esta autoridade poderá remitir unha resolución na que estableza cal debe ser a prioridade de permanencia dos traballadores.

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.