As mobilizacións continúan contra os recortes en Benestar

CC-BY-SA Praza Pública

Continúan as mobilizacións contra os recortes e a privatización de servizos que está a aplicar a Consellería de Traballo e de Benestar. Máis de cen traballadores concentráronse ante a Xefatura Provincial, ao carón do mercado de Elviña da Coruña, e denunciaron a eliminación de setenta postos de traballo. Como último exemplo, os afectados censuran a eliminación do servizo de cociña no centro de menores San José de Calasanz de Palavea, así como a implantación de vixilancia privada nalgunhas instalacións. 

Na concentración participou o músico e escritor Xurxo Souto, que leu o manifesto en apoio dos traballadores e contra os recortes. José Manuel Viqueira, presidente do comité de Traballo e Benestar, denunciou o despido dos interinos e o aumento da xornada nos traballadores para cubrir as baixas provocadas polos recortes, ademais de denunciar "a atención máis mermada" que terán os beneficiarios e residentes nos centros. Case ao mesmo tempo, a conselleira, Beatriz Mato, tamén na Coruña, manifestou que a privatización destes servizos, desde a xestión pública, "acóllese á lei" e engadiu que "aínda que se amortizaron postos de traballo tamén se crearon outros novos".

Os sindicatos alertan da deterioración que se pode producir na calidade asistencial aos usuarios da Residencia Torrente Ballester, a de asistidos de Oleiros, do antigo Santiago Apóstolo e dos menores do centro de Palavea, debido ao recorte dos seus persoais.

Concentración en Elviña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.