O último informe da Organización Internacional do Traballo (OIT) sinalaba España como o estado desenvolvido onde máis creceu a desigualdade nos últimos anos a causa do paro e a perda de poder adquisitivo dos sectores con menos ingresos. Contén tamén unha nova forma de medir a brecha salarial entre mulleres e homes que achega unha conclusión pouco explorada até o de agora: a brecha salarial debería ser favorable para as mulleres, é dicir, son as traballadoras as que de media terían que cobrar por riba dos traballadores se se atendesen aos factores que determinan a produtividade dos individuos, como a educación ou a experiencia. Unha das autoras do informe, a experta da OIT Rosalía Vázquez-Álvarez, explica as conclusións do informe.
Cal foi a tendencia dos salarios nos últimos anos?
Hai diferentes tendencias no mundo, podemos distinguir entre os países emerxentes e en vías de desenvolvemento e os países desenvolvidos. Nos primeiros, como poden ser os de América Latina, houbo un aumento moi importante dos salarios por dúas razóns: porque o salario en si aumentou pero tamén porque aumentou o número de individuos que pasaron da economía informal á economía formal e iso fixo aumentar o salario medio. En cambio, nos países desenvolvidos, como os de Europa ou os EUA, os salarios estancáronse ou aumentaron pero pouco significativamente. Isto fixo que se produza unha converxencia.
"O incremento da produtividade non se reparte de forma equitativa dentro das empresas"
O último informe mostra ademais que a evolución dos salarios foi moi diferente á da produtividade, até que punto chegou esa diferenza e por que?
O que vemos é que desde 1999 a produtividade, é dicir, o valor engadido por traballador en media, aumentou en aproximadamente un 16%. En cambio, os salarios creceron un 5% ou un 6%. É dicir, que aínda que aumenta o valor engadido, a remuneración que reciben os traballadores está moi por baixo dese aumento. Por tanto, o incremento da produtividade non se reparte de forma equitativa dentro das empresas. Hai diferenzas entre sectores, pero en media o que vemos é que o traballador recibe pola súa produtividade un incremento que está por baixo do que el repercute en positivo ao valor engadido da súa empresa.
Pode iso ter algo que ver co modelo que se fomentou nalgúns países como España de baixar os salarios para competir desa forma?
Se vemos estas tendencias algo terán que ver coas políticas que se están a aplicar hoxe en día nos países europeos. En España o que observamos é que desde 2009 os salarios baixaron bastante de forma que...
Xa hai moitos informes que sinalan España como o estado onde máis aumentou a desigualdade. En función do seu estudo, cales son os motivos que fixeron que isto suceda?
O que vemos é que aumentou a desigualdade entre os fogares, é dicir, nos ingresos totais que reciben os fogares que están nos estratos máis altos e máis baixos, sobre todo a través do mercado laboral. Aqueles individuos que son asalariados nos estratos máis baixos perderon poder adquisitivo e son tamén os individuos que perderon máis posibilidades de participación no mercado laboral. En cambio, se miramos aos estratos máis altos, o que vemos é que perderon un pouco de poder adquisitivo pero para nada é comparable cos salarios dos máis baixos. Estas perdas no mercado laboral, que non son equitativas entre os fogares con máis ingresos e con menos, fan que aumente a desigualdade. É dicir, é a partir do mercado laboral onde crece a desigualdade e, polo tanto, as políticas que poderiamos pensar para que diminuíse terían que ter impacto no mercado laboral, tanto para promover traballos de calidade e duradeiros, como para promover salarios máis axustados á produtividade.
"É a partir do mercado laboral onde crece a desigualdade; as políticas para diminuíla terían que ter impacto neste mercado laboral"
E que distingue a España doutros países que sufriron tamén a crise e as políticas de recortes e onde non creceu tanto a desigualdade?
Noutros países todos os fogares de todos os estratos sufriron os efectos da crise. De feito, en Portugal diminuíu a desigualdade porque o efecto da crise tivo máis impacto a través do mercado laboral nos estratos máis altos que nos máis baixos e polo tanto houbo unha contracción da distribución dos ingresos dos fogares. Non é o caso de España: vemos que os estratos máis baixos perderon considerablemente mentres que os máis altos perderon unha marxe tan pequena que a desigualdade creceu moito. Noutros países tamén sucedeu isto pero as políticas sociais han paliado esta diferenza.
"En España as claseis máis baixas perderon tanto que a desigualdade creceu moito; non foi así en Portugal"
En canto cifra a brecha salarial entre mulleres e homes e por que?
A brecha salarial entre homes e mulleres en España rolda o 17%, é dicir, os homes reciben un 17% máis en xeral. O que tamén observamos cando tentamos explicar por que un home recibe máis que unha muller é que aqueles atributos do mercado laboral que terían que explicar esa brecha salarial, non o fan. Cando comparamos a educación, a experiencia, o sector, a posición ocupacional, en que ámbito se traballa... que son os factores que deberían determinar a produtividade do individuo vemos, mesmo, que as mulleres teñen unha capacidade que está marginalmente por encima da dos homes. Tomando esa diferenza en consideración vemos que a brecha salarial debería ser cero ou que as mulleres deberían recibir un pequeno aumento en relación á súa capacitación laboral. É dicir, a brecha salarial existe, pero non está explicada polos factores que obxectivamente poderían explicala.
"As mulleres deberían cobrar máis cós homes se temos en conta a produtividade"
E iso é así en todos os países?
Se miramos a brecha dicimos que España está situada na metade da táboa dos países desenvolvidos. Os países que menos brecha salarial teñen son Suecia ou os países nórdicos en xeral, onde é un 4% ou un 5%, e onde máis hai é nos Estados Unidos, onde chega ao 35%. O que observamos tamén é que en países onde hai unha brecha salarial relativamente pequena, como os nórdicos, as mulleres están moito máis capacitadas que os homes na súa posibilidade de participar no mercado laboral, e con todo, teñen posicións que están peor pagas que os homes. É un reverso da brecha salarial: as mulleres deberían cobrar por riba dos homes de forma obxectiva, tomando en consideración os parámetros que miden a produtividade do individuo. Tamén sucede en España, pero o reverso é máis pequeno.
Daquela, se non hai factores obxectivos que expliquen a brecha salarial, pode dicirse que se debe á discriminación, ao machismo?
Pódese dicir que non está explicada por aqueles parámetros obxectivos, ou que está explicada por parámetros que non teñen que ver coa produtividade, así que parte poida que sexa discriminación, si.
E ese reverso negativo segundo o cal as mulleres, de media, deberían ter un salario algo superior ao dos homes sucede mesmo a pesar da feminización do tempo parcial que hai en España?
Exacto. Non hai factores obxectivos que expliquen a brecha salarial en España, toda a brecha é non explicada. Hai outros países, como os EUA, cunha brecha do 35% onde o 8% da brecha si está explicada.
E que ten en conta esta nova forma de medir a diferenza de salarios entre mulleres e homes?
Medimos tomando en consideración características que determinan a produtividade do individuo e que é o que debería recibir cada persoa nunha posición coas súas características. Tomamos a idade, a experiencia, o nivel e anos de educación, a ocupación, o sector, a intensidade do traballo, os meses traballados por ano, se se vive nun ámbito rural ou urbano... Con todo iso medimos que é o que reciben os individuos cos mesmos parámetros.
"Os inmigrantes cobran un 10% menos do que deberían pola súa capacidade"
Pola contra, en canto á brecha salarial entre inmigrantes e nativos, o informe sostén que gran parte está sustentada sobre factores obxectivos, por que?
Si, no caso dos inmigrantes observamos que a brecha é do 30% e cando tentamos quitar desa brecha aquilo que non se explica, segue sendo bastante alta. É dicir, neste caso si podemos dicir que hai unha diferenza, por exemplo, educativa. Aínda así o 10% da brecha non está explicada, é dicir, reciben un 10% menos do que deberían segundo a súa capacidade para participar no mercado laboral.