As principais partidas contra o desemprego caen en máis de cen millóns en dous anos

Beatriz Mato, conselleira de Traballo, nunha visita a Lalín © Xunta

Os cartos para as políticas activas de emprego volven minguar. Malia que o Goberno galego prevé un crecemento do 0,8% do PIB e que a taxa de paro se manteña case idéntica en 2014, situándose no 21,7%, os fondos contra o desemprego seguen caendo. Segundo se tira do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta a pasada fin de semana, as tres principais partidas neste ámbito volven caer un chisco con respecto ao ano pasado e acumulan un descenso de máis de cen millóns de euros nos últimos dous exercicios. Todo isto unido ao axuste orzamentario aplicado polo Executivo central a estas políticas activas de emprego, que quedan reducidas ao mínimo. 

Advertiuno xa o grupo do PSdeG no Parlamento, que considera as contas "continuístas", especialmente en materia de desemprego, e destaca que a partida destinada á loita contro paro volve baixar un 9% e acumula un descenso de máis de 200 millóns en cinco anos. E advírteno tamén AGE e BNG.

As tres principais partidas para políticas activas de emprego acumulan un descenso de máis de cen millóns de euros nos últimos dous exercicios

Unha análise aos principais programas da Dirección Xeral de Traballo para as políticas activas de emprego deixan claro este descenso. As partidas destinadas á Mellora e Fomento da Empregabilidade, Promoción do Emprego, do Emprego Autónomo e do Mercado de Traballo Inclusivo e á Formación Profesional de Desempregados suporán para 2014 147,5 millóns de euros, fronte aos 156,4 de 2013. Case nove millóns menos e un descenso do 5,7% nun ano. Unha diminución nestas tres partidas que é moito máis acentuada de compararse cos fondos para destinados a estes tres programas en 2012 e que ascendían a 252,7 millóns, 105,2 menos dous exercicios despois, -41,6%.

Así, a maior redución de fondos chega no programa para a Formación Profesional de Desempregados, que baixa en 4,2 millóns ao pasar dos 72,5 de 2013 aos 68,3 para o vindeiro exercicio 2014. Un descenso do 5,8% con respecto ao ano pasado e do -31% con respecto aos 98,9 millóns que a Xunta achegaba a esta partida hai dous anos.

En canto á Mellora e Fomento da Empregabilidade, os fondos caen un 7% ao pasar dos 40,6 millóns de 2013 aos 37,7 do vindeiro anos. Con respecto aos 99,8 millóns cos que este programa contaba hai dous anos, o descenso é de máis de 62 millóns, o que supón unha caída de máis do 60%. Tamén sofre unha redución, aínda que menos importante en perspectiva, a Promoción do Emprego, do Emprego Autónomo e do Mercado de Traballo Inclusivo, cuxa partida se reduce en 1,8 millóns de euros (de 43,3 a 41,5) nun ano, o que supón un descenso de 12,5 milllóns respecto aos fondos de 2012, unha caída de máis do 23%. Todo isto sen incluír os fondos do programa de Intermediación e Inserción Laboral, que non aparece entre as partidas da Dirección Xeral de Traballo e que para 2013 contaban con case 8 millóns.

Xa que logo, o departamento que dirixe a conselleira Beatriz Mato contará de novo con menos fondos para atacar o principal problema que sofre Galicia. Durante os 4 anos e medio de xestión do Goberno de Núñez Feijóo, o desemprego non deixou de crecer en Galicia, mentres a falta de expectativas levou a ducias de milleiros de mozos a marchar a outras zonas de España e a distintos puntos de Europa. Aínda que a taxa de paro en Galicia segue sendo máis baixa que a media do Estado, o diferencial recurtouse, e dende o ano 2009 o paro crece en Galicia máis que no conxunto de España. Segundo os últimos datos das oficinas de emprego, no país hai 260.733 desempregados. No entanto, a conselleira de Traballo, hai agora un ano, manifestara que "as políticas activas de emprego non crean nin un só posto de traballo". Abofé que con menos cartos, tampouco.

Núñez Feijóo, xunto a Beatriz Mato © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.