En Bangladesh, 223.000 persoas traballan indirectamente para Inditex. É o mesmo país onde hai só uns días faleceron máis de 100 traballadores no incendio de dúas fábricas téxtiles. Esa traxedia volveu pór de relevo a falta de seguridade laboral no segundo produtor mundial de pezas téxtiles por detrás de China.
Inditex non desvela que empresas traballan para ela nin en Bangladesh nin en ningún outro país. Non publica nin o nome dos seus provedores, nin cales son as condicións dos seus traballadores subcontratados. Pero abonda un dato para comprobar a relevancia que Bangladesh ten no seu modelo de abastecemento. O persoal en nómina da multinacional galega era de 109.000 empregados ao peche de 2011, practicamente a metade de persoas que traballan para ela no país asiático. En Bangladesh, o salario medio dun traballador téxtil é de 31 euros ao mes, segundo destacaron os sindicatos locais tras o incendio do pasado sábado.
Para a empresa propietaria dona de Zara, Bershka ou Massimo Dutti, a súa presenza en Asia é esencial, como o é para o resto de multinacionais téxtiles como H&M, GAP ou C&A. Todas aproveitan os baixos custos de produción en China, India, Paquistán ou Cambodia para poder manter a súa competitividade e os seus prezos de venda o máis reducidos posibles, máis aínda en tempos de crises de consumo.
A empresa fundada por Amancio Ortega ten nese continente 625 dos seus 1.398 provedores. Esas sociedades deben cumprir un requisito: elaborar para ela máis de 20.000 pezas anuais
O 44,7% dos provedores de Inditex son asiáticos. A empresa fundada por Amancio Ortega ten nese continente 625 dos seus 1.398 provedores. Esas sociedades deben cumprir un requisito: elaborar para ela máis de 20.000 pezas anuais. En total, a cadea de subministración abrangue máis de 40 países. Trátase de provedores a grande escala que, segundo sinala a compañía, deben cumprir o código de conduta e os estándares de produción fixados desde a sede de Arteixo.
Na súa memoria anual, a matriz de Zara engloba os seus provedores por áreas xeográficas (Asia, Unión Europea, Europa non comunitaria, América e África) e só detalla o número de traballadores subcontratados en sete países: Bangladesh, China, India, Turquía, Marrocos, Brasil e India. Neles traballa a través dunha figura denominada clúster. Trátase dun modelo de asociación integrado por provedores, patronais e sindicatos co obxectivo de producir baixo estándares de produción “sustentables” e cumprindo “dereitos laborais fundamentais”. Segundo un portavoz da compañía, “o conxunto dos clústers representa case o 90% da produción total de Inditex”.
Grazas a estas asociacións coñecemos que en Bangladesh contaba a 31 de xaneiro de 2012 (data na que pecha o seu exercicio) con 150 fabricantes, en China alcanzaba os 761, pero con menos traballadores subcontratados, 166.000. En India, os fabricantes que traballan para a empresa española teñen 51.600 empregados, cifra que se reduce aos 48.000 tanto en Marrocos como en Turquía, a algo máis de 15.000 en Portugal e a preto de 10.000 en Brasil.
Menos fabricantes na Unión Europea
Mentres Inditex traballa cada vez máis con empresas asiáticas reduce progresivamente o número de fabricantes dentro da Unión Europea. En 2009, traballaban para ela 512 provedores que deben cumprir os estándares de fabricación comunitarios. A finais de 2011 esa cifra reduciuse até as 457 sociedades. Non sinala cantos deles eran españois. Mentres, en Europa do Leste (fóra da UE e incluída Turquía) traballaba con 130 provedores.
En canto a África e América o seu volume de produción é menos relevante. No continente africano conta con 122 provedores, mentres que en toda América traballa con 64 empresas. A compañía presidida por Pablo Isla xustifica esta distribución pola necesidade de abastecerse en “áreas de proximidade ás sedes das súas cadeas, onde se atopan os equipos de deseño e loxística, o que permite unha rápida e flexible reposta ao mercado”.
Críticas pola súa falta de transparencia
“Falta transparencia, é unha vella demanda no caso de Inditex, que non fai pública a listaxe de provedores, como si fan outras empresas téxtiles”
Estes datos son insuficientes para a ONG que perseguen a mellora das condicións laborais dos traballadores téxtiles. “Falta transparencia, é unha vella demanda no caso de Inditex, que non fai pública a listaxe de provedores, como si fan outras empresas téxtiles”, asegura Eva Kreisler, coordinadora estatal da Campaña Roupa Limpa, coordinada pola ONG Setem, unha das organizacións máis críticas co modelo de produción de Inditex.
O xigante español afirma que todas as empresas que traballan para ela deben cumprir un código de conduta que a compañía supervisa a través de auditorías. “Aplicamos unha política de tolerancia cero con determinadas prácticas, como pode ser o traballo de menores, o traballo forzado ou o incumprimento de políticas salariais adecuadas”, afirma Inditex. O ano pasado realizou 2.739 auditorías que, segundo a empresa, pon de manifesto que case o 90% dos seus provedores cumpren o seu código de conduta ou incumpren algún aspecto do mesmo considerado “non relevante”.
O ano pasado, o Ministerio de Traballo de Brasil denunciou as condicións laborais dunha das empresas subcontratadas por Inditex, onde detectou “deficiencias nas instalacións que supuñan un risco de saúde e seguridade no traballo e irregularidades no rexistro laboral dos seus empregados”
Con todo, para Eva Kreisler, as medidas correctivas cara aos provedores prodúcense case sempre a posteriori. Por exemplo, o ano pasado, o Ministerio de Traballo de Brasil denunciou as condicións laborais dunha das empresas subcontratadas por Inditex, onde detectou “deficiencias nas instalacións que supuñan un risco de saúde e seguridade no traballo e irregularidades no rexistro laboral dos seus empregados”, segundo asume a propia compañía. O provedor asegurou entón que Inditex era alleo ás irregularidades na subcontratación. A dona de Zara pechou o asunto a través dun acordo co Goberno brasileiro para financiar a ONG locais que amplíe a supervisión das fábricas subcontratadas nese país.
Tamén hai pasos na boa dirección. En maio deste ano, Inditex chegou a un acordo coa Federación Internacional de Traballadores do Sector Téxtil (agora rebautizada como IndustriALL) co obxectivo de reforzar o control da súa cadea de produción e recoñecer a liberdade sindical dos seus provedores directos e subcontratados.
Os incendios de Bangladesh volveron pór sobre a mesa o traballo aínda pendente. Nese país, as melloras pasan por un proxecto de reforma estrutural da industrial téxtil para mellorar as condicións laborais de forma consensuada entre fabricantes e multinacionais. O proxecto, impulsado pola Campaña Roupa Limpa, conta co respaldo dos sindicatos pero require o apoio de, polo menos, catro das grandes empresas téxtiles que producen no país.
Os incendios de Bangladesh volveron pór sobre a mesa o traballo aínda pendente. Nese país, as melloras pasan por un proxecto de reforma estrutural da industrial téxtil para mellorar as condicións laborais de forma consensuada entre fabricantes e multinacionais
Polo momento, só o apoiaron a alemá Tchivo e a estadounidense PVH, matriz de Calvin Klein e Tommy Hilfiger. Inditex non valora esta proposta. Asegura que xa traballa con asociacións locais que tratan de mellorar os dereitos dos traballadores e que, por exemplo, o ano pasado visitou e formou a 116 fabricantes locais. Tamén o ano pasado finalizou o pago de indemnizacións polo accidente ocorrido en 2005 nunha fábrica bangladesí chamada Spectrum Garments, cuxo derrubo provocou máis de 60 mortos e que, entre outras compañías, fabricaba para Inditex.