E que pasará agora co cadro de persoal de Novagalicia? O anuncio da venda da entidade galega ao grupo venezolano Banesco non tranquiliza, nin moito menos, os empregados dun banco que conta practicamente coa metade de traballadores que tiñan as dúas caixas galegas antes da fusión. Máis de 4.500 persoas -uns 3.800 só en Galicia- están agora pendentes do seu futuro, logo de que o mantemento do emprego non fose unha das condicións que se valorase na poxa e despois de que, porén, o xigante suramericano, e a propia Xunta, insistisen en que se manterá o actual cadro de persoal e a rede de oficinas.
Máis de 4.500 traballadores, 3.800 deles en Galicia, están pendentes agora do seu futuro
Pero os sindicatos non se fían. Delegados sindicais de CIG, UGT e ASCA celebraron este xoves a primeira das mobilizacións previstas -a próxima será o sábado en Compostela- diante da sede do Banco de España na Coruña e amosaron a súa preocupación por unha venda que sitúan entre a incertidume, o mal menor e a nefasta noticia económica que supón para o país. "O que compra tamén debe comprometerse co mantemento do emprego", rezaba unha das pancartas.
Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, advirte de que os traballadores están pendentes do "novo plan laboral" que imporá Banesco pero pide xa que "deixe sen efecto o ERE" actual, o que suporía "a maior garantía de emprego". "Solicitamos que só sigan adiante as medidas voluntarias para aqueles traballadores que reiteren a súa intención de acollerse a elas", aclara, tras insistir en que "quede sen efecto" o expediente de regulación que nace do plan de reestruturación e da resolución ordenada bancaria. "Se o FROB anuncia que xa non estamos nesa reestruturación, o ERE non debería continuar", engadiu.
A CIG pide que se retire o ERE actual, o que suporía "a maior garantía de emprego" para o cadro de persoal
No pasado mes de febreiro, Novagalicia acordou un ERE para 1.850 empregados, dos que un máximo de 455 poden acollerse a prexubilacións cobrando o 80% do soldo. O resto do recorte realizaríase a través de baixas incentivadas, con indemnizacións de 30 días por ano, un máximo de 22 mensualidades e unha prima de 2.000 euros por cada tres anos de antigüidade, aínda que en caso ningún a indemnización pode superar os 250.000 euros.
Foi un axuste máis que se engadiu aos que xa provocara a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, cun primeiro ERE para 1.200 traballadores -feito maioritariamente a través de prexubilacións dos maiores de 55 anos- e outro ERE en xullo de 2011 para 350 ao que logo se engadiron ouros 700 empregados e cunhas indemnizacións mellores que as actuais. Dos case 8.000 empregados que tiñan as caixas galegas, quedan aproximadamente a metade.
UGT cre que as intencións de Banesco "soan ben" pero non se fía ata coñecer oficialmente "as verdadeiras intencións"
Pola súa banda, José Ramón del Pliego, representante de UGT en Novagalicia, di estar tamén "pendente" do plano laboral futuro, pero cre que o que xa se sabe "soa ben" porque as declaracións dos xestores de Banesco parecen "garantir os postos de traballo". Aínda así, o sindicato segue a esperar novas da entidade para coñecer "a verdadeira intención" do grupo venzolano. Para esta central, a opción do banco suramericano foi o mal menor porque, en definitiva, "quen compra é un banco, cuxa actividade é gañar cartos" e non un fondo ou incluso unha entidade española, o que despexaría as posibles intencións de "despedezar e vender" a entidade.
O sindicato ASCA, pola súa banda, prefiriu "non facer valoracións" ata coñecer oficialmente as intencións de Banesco, aínda que asistiu a unha concentración na que, non obstante, non estiveron nin CCOO nin Csica. Ademais, CIG-Banca advertiu tamén da "preocupación" polas intencións de "vender activos a fondos", uns activos "xestionados por compañeiros da entidade e dos que queremos saer o seu futuro". Por iso, insiste en que "o futuro do emprego non está garantido ata que exista un compromiso claro por parte do FROB e da entidade de que se vai manter".
"Apostamos polo desenvolvemento do país galego, que é o noso mercado de orixe e de principal actividade", di o presidente do grupo venezolano
Ao tempo, Banesco insiste en que conservará emprego, obra social e oficinas, agás casos concretos por duplicidade ou por situacións específicas de mercado. O seu presidente, Juan Carlos Escotet, insiste en que respectará o capital humano da actual entidade, con independencia de que se incorpore algún cargo concreto ao organigrama, e asegura que ratifica a súa "vocación de longo prazo" e a súa "aposta de permanencia e de desenvolvemento do país galego, que é o noso mercado de orixe e o de principal actividade".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amósase convencido de que Banesco manterá o emprego, pero tampouco o asegura. Aínda así, cre que "nestes momentos, os traballadores poden estar contentos e os clientes, moi tranquilos":