E se a obra social das antigas caixas queda en nada?

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

Con Novagalicia apurando a súa venda ao mellor postor e o FROB apostando pola entrada de investidores estranxeiros na entidade bancaria, a obra social das antigas caixas segue nun limbo. Malia que o presidente da Xunta insiste en que a "mellor oferta" será aquela que "garde maior vinculación con Galicia" e "manteña e apoie" esta obra social, o persoal da Fundación Novacaixagalicia non se fía. Tampouco das promesas dos xestores do banco nin do conselleiro de Economía, Francisco Conde. O silencio do Goberno central e do propio FROB sobre o tema é o que fai temer o peor a un persoal que vén de emitir un comunicado no que exixe que o comprador asuma o mantemento desta obra social e que esa sexa unha condición que o Estado debe asumir como "compromiso firme".

O persoal da Fundación Novacaixagalicia exixe ao FROB que lle impoña ao comprador do banco o mantemento da obra social

Así, os traballadores da Fundación Novacaixagalicia lembran que a sociedade galega xa sufriu "o espolio do patrimonio das caixas de aforro" que supuxo tamén "deixar a obra social sen participación accionarial" en Novagalicia Banco. Cren que xa foi dabondo e reclaman ao FROB e ao Ministerio de Economía "a devolución dese patrimonio á cidadanía", unha petición antiga que "non foi atendida" polo Goberno central.

Por todo isto, e ante a inminente compra do banco, o persoal exixe "que se estableza como condición sine que non" para a venda da entidade que o banco ou fondo de investimento que se faga con Novagalicia (sexa BBVA, Caixa Bank, Santander ou calquera outro) "retribúa cos seus beneficios ao conxunto da cidadanía galega e asuma un compromiso financeiro a longo prazo co mantemento da obra social para continuar así coa traxectoria histórica das caixas".

"O pobo xa pagou un rescate de nove mil millóns de euros para que agora o Goberno privatice un banco saneado; é de mínima xustiza que os beneficios deste negocio revirtan nunha obra social ao servizo de Galicia", conclúe o comunicado dos traballadores, que levan meses reclamando unha solución.

"Non nos fiamos porque cada paso dado supuxo un avance cara ao desmantelamento da obra social", di un voceiro dos traballadores

Roberto Rodríguez, representante de UGT no persoal da Fundación, insiste en que os traballadores "non se fían" de que se manteña esta obra social "porque cada paso que se dou supuxo un avance cara ao seu desmantelamento". "Desde converter a caixa nun banco, ata a valoración fraudulenta que a Xunta ten recorrida, pasando pola operación acordeón que acabou coa participación da Fundación en Novagalicia Banco", explica.

Este voceiro dos traballadores lembra que a obra social das antigas caixas "xa é irrecuperable", pero agarda que polo menos se manteña "digna e comprometida co territorio". Para logralo, e segundo os propios datos achegados pola xerencia da Obra Social de Novacaixagalicia, serían necesarios arredor de sete millóns de euros.

O propio xerente, Pedro Otero, asegurara durante a comisión de investigación das caixas que a Fundación dispoñía ao peche de 2012 de fondos para continuar o seu labor durante "sete anos máis". Daquela aclarara que no volume de actividade, a Obra Social rebaixara o déficit de sete a cinco millóns e que iso era precisamente o que se terían que conseguir para "non ter que tocar o esencial" da súa actividade.

"O problema non o temos cos xestores da Fundación, senón cos gobernos que lexislan contra o modelo de caixas e a obra social"

Tamén hai un compromiso por parte da dirección da Fundación de manter o máximo emprego posible. No plan de actuación presentado aos traballadores conservábanse os postos de traballo, arredor de 250. "Porque o problema non o temos na nosa empresa, senón fóra dela; non é un conflito coa xerencia, senón co goberno anterior, que fixo a primeira lei que obrigaba a separar os negocios, e co actual, que regala un banco que pagamos todos cando xa empeza a dar beneficios", explica Roberto Rodríguez. "Cada lexislación que se aproba vai en contra do modelo de caixas e da obra social", insiste.

O representante laboral da Fundación asegura que a perda da obra social, da que xa se perdeu o fundamental, sería "un golpe durísimo e incalculable". Xa o foi, segundo Roberto Rodríguez. "Non somos conscientes do que supón perdela porque estaba tan metida en nós e era tan cotiá que iso nos fixo perder a consciencia do valor que ten", di. "En cada cousa que faciamos os galegos diariamente había unha axuda das caixas detrás, desde unha carreira pedestre, ata o pavillón polideportivo a onde iamos, pasando por asociacións de minusválidos ou os actos culturais que eran subvencionados en tantos concellos", explica. "Estaba e colaboraba con todas as institucións e eidos da nosa sociedade", remata.

"Non somos conscientes do que supón perder a obra social; estaba tan metida en nós que perdemos a consciencia sobre o valor que ten"

En canto á ampla colección artística de máis de 4.000 obras ligadas ás antigas caixas, a Xunta iniciou os trámites para protexela coa delcaración de Ben de Interese cultural (BIC). A titularidade destas obras está repartida entre a Fundación Novacaixagalicia - a parte legada por Caixanova - e Novagalicia Banco, que foi quen quedou coa colección da antiga Caixa Galicia. A obra social, da que dependen milleiros de galegos, é o outro gran patrimonio a protexer agora.

Antiga oficina de Caixa Galicia, en Ferrol © Escoge Casa
Antiga oficina de Caixanova, en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.