O Santander lanza as súas redes sobre Novagalicia. O presidente do maior banco de España, Emilio Botín, xa dá por feito que haberá unha "poxa" de NCG Banco e non nega que estudará "con todo detalle" tanto a operación da entidade galega como a que afecte a Catalunya Caixa.
"Producíronse unha serie de fusións e poxas; faltan aínda algunhas poxas, como sabe todo o mundo; falta a poxa de Catalunya Caixa e falta tamén a poxa da galega, de Novacaixagalicia", aclarou Botín, que considera as dúas entidades como "grandes franquías, moi boas franquías”, polo que o banco estudará "con todo detalle estas operacións".
Botín dá por feito que haberá poxa por Novagalicia malia os plans da entidade galega
Botín aclara, no entanto, que o Santander “non ten necesidade de adquirir entidade ningunha”, ao ter xa “unha franquía moi boa no sistema español” e gozar “de amplas posibilidades de crecemento orgánico”. Aínda así, encargouse de matizar que esa situación “non quere dicir” que non vaia estaudar as posibilidades que se presenten a partir de agora, en alusión a Novagalicia e a Catalunya Caixa.
As declaracións de Botín chegaron tras a súa participación na XII Xunta Xeral de Accionistas de Universia e logo de que louvara a reestruturación “moi ben orientada” das caixas de aforros en España. Así, o presidente do Santander dá por feita a poxa de NCG Banco e Catalunya Caixa, malia que Novagalicia aspira a evitala a través dun concurso público para parte do seu capital, no que o Estado aínda sería propietario da metade.
Para levar adiante ese proxecto, os fondos de investimento cos que negociou o presidente do banco galego, José María Castellano, esixen a concesión dun esquema de protección de activos (EPA), que non é visto con bos ollos polo Banco de España e ao que o Ministerio de Economía explicitou tampouco o seu apoio nun caso que non sería unha poxa.