España podería pedir o rescate esta fin de semana

Mariano Rajoy, nun acto público recente © Goberno de España

España pedirá o rescate á UE. O Goberno solicitará activar a axuda para recapitalizar os seus bancos esta mesma fin de semana, segundo asegura Reuters, que cita a dúas fontes oficiais comunitarias e outra alemá. Segundo a axencia, xa está convocada unha teleconferencia dos ministros de Economía da zona euro para artellar o plan, que sería solicitado este dábado á tarde. Un pouco antes, á mañá en TV3, Amadeu Altafaj, portavoz económico da Comisión Europea, aseguraba que o rescate chegaría "en semanas", aínda que no citaba unha data concreta. "Farase tan pronto como se poida", aseguraba.

Un voceiro económico da Comisión asegura na TV3 que o rescate chegará "en semanas"

O Ministerio de Economía, segundo conta El País, non desmente a noticia, malia que o presidente Rajoy asegurara hai tan só dez días que España non solicitaría rescate ningún. Pero o ministro de Economía, Luis de Guindos, dicía o mércores que agardaría aos exames realizados polo FMI e as auditorías sobre a banca para decidir sobre o devandito rescate. O ruxerruxe fala de 40.000 millóns necesarios para as entidades españolas.

A posibilidade de rescate semella máis que factible. Agora a cuestión está en saber se será un rescate suave a través do FROB, como parece que quere Alemaña, ou o que suxeriu Amadeu Altafaj, que fala dunha axuda que só obrigaría a reformas financeiras, pero non no resto da economía. 

No entanto, a secretaria de Estado de Orzamentos, e ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, negou "rotundamente" que España vaia a pedir o rescate á Unión Europea este sábado. "Non, rotundamente non", dixo, tras insistir en qeu o Estado "non necesita ser rescatado". "Basicamente, creo que temos moitas manifestacións respecto diso", asegurou en referencia ás declaracións do comisario europeo de Asuntos Económicos, Olli Rehn, e as do presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso.

"Confirman que España está facendo o que ten que facer e está seguindo a folla de ruta en consonancia coas decisións e recomendacións capitais ao respecto", engadiu Fernández Currás, logo de defender que "o coñecemento" da idiosincrasia da economía estatal tense en Españae que o Executivo "está cumprindo con todas e cada unha das reformas". "Polo tanto, non é necesario", rematou. 

Mariano Rajoy, nun acto público recente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.