Falciani chega a Bélxica para axudar na loita contra o branqueo de capitais

Hervé Falciani © El Diario

Falciani ten unha nova etapa dentro do seu periplo contra a evasión fiscal. Despois de axudar as xustizas estadounidense e española, o ex empregado do HSBC Hervé Falciani pasou uns días en Francia, onde supostamente iniciaría a súa colaboración coa xustiza gala, e esta mesma semana aterra nun novo destino: Bélxica.

A pesar do seu reducido tamaño, o enclave belga é fundamental nas tramas de branqueo de diñeiro en Europa. Antuerpen é coñecida como a capital internacional do diamante, un dos produtos máis utilizados pola banca suíza para branquear diñeiro

Falciani foi citado nos próximos días a declarar como testemuña por un xuíz de primeira instancia de Bruxelas nun caso de evasión fiscal, segundo publica o diario local Le Soir. Até agora, a coñecida como lista Falciani non pasara por un proceso xudicial en Bélxica, onde se chegou simplemente a acordos fiscais cunha gran parte dos clientes que aparecían na primeira listaxe que chegou en 2009 (no mesmo proceso que a España chegou a información da familia Botín) con datos extraídos da filial suíza do banco HSBC.

Tras a vista de extradición en España, que devolveu a Hervé Falciani ao foco mediático en Europa, a fiscalía francesa reabriu as causas pendentes no país galo e agora Bélxica fixo o mesmo. A pesar do seu reducido tamaño, o enclave belga é fundamental nas tramas de branqueo de diñeiro en Europa. Antuerpen é coñecida como a capital internacional do diamante, un dos produtos máis utilizados pola banca suíza para branquear diñeiro, segundo algunhas fontes coñecedoras destes procesos.

Precisamente, a información sobre HSBC foi clave para que a fiscalía española puidese desenmarañar a rede de branqueo de capitais de Gao Ping, a que se coñece como Operación Emperador. Un dos cerebros da trama de Gao Ping é o cidadán belga Francois Leiser que xa fora detido nos anos oitenta por branqueo de capitais con diamantes.

Leiser leva axudando as fortunas españolas a comprar diamantes con diñeiro negro desde 1977. Máis de 35 anos de dedicación que lle supuxeron a confianza dunha tupida rede de ricos, entre os que figuran familiares do rei

Segundo publicou a prensa en 1986, Leiser protagonizou unha rechamante fuxida de Antuerpen despois de depositar unha fianza de 150.000 dólares da época. Leiser, que aparentemente rexentaba unha casa de cambio en Antuerpen, ofreceuse mediante dous xornais belgas a regresar ao país a cambio de que liberasen os seus colaboradores e de que lle ofrecesen un trato xusto. Sobre a súa casa de cambios pendía unha multa de 50 millóns de dólares (de 1986) por evasión fiscal. Leser chegou a recoñecer que branqueara cartos de polo menos 800 marchantes de diamantes por valor de 1.000 millóns de dólares.

Segundo as hemerotecas, Leiser leva axudando as fortunas españolas a comprar diamantes con diñeiro negro desde 1977. Máis de 35 anos de dedicación que lle supuxeron a confianza dunha tupida rede de ricos, entre os que figuran familiares do rei.

O informático insiste en todo momento en que as fiscalías traballen xuntas para desactivar este tipo de redes, do mesmo xeito que o fan os que as conforman

O francés, que ofreceu unha serie de entrevistas a eldiario.es a principios de mes, encadea con Bélxica o quinto país co que colabora na súa fuxida cara a adiante. Así, despois de fuxir de Suíza a Francia, Falciani logrou axudar co seu coñecemento as fiscalías estadounidenses, que multaron a HSBC con case 2.000 millóns de dólares por branqueo de capitais, española, francesa, italiana e agora belga. A Falciani tocoulle fuxir para atopar asilo, fuxindo da orde de busca e captura de Suíza. O informático insiste en todo momento en que as fiscalías traballen xuntas para desactivar este tipo de redes, do mesmo xeito que o fan os que as conforman.

A semana pasada, a Comisión Europea chamoulle a atención a Bélxica por non traspoñer á súa directiva local os mecanismos necesarios para evitar a evasión fiscal. Bélxica non aplica os criterios de transparencia financeira e intercambio de información mínimos que se lles esixen aos países da UE.

Hervé Falciani © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.