Ferrol fica fóra do leve incremento do emprego nas cidades no remate de 2014

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Galicia seguiu a destruír emprego en 2014. Así o amosan os datos da Enquisa de Poboación Activa de decembro, estudo que retrata un minguante mercado laboral galego no que a emigración, malia ás versións oficiais, segue a ter unha relevancia nada desdeñable. Así e todo, e malia ás evidencias de precarización, o 2014 foi, nalgúns puntos do país, o ano do rebote, experimentando unha lixeirísima recuperación en indicadores como a afiliación á Seguridade Social. Este é o caso das cidades galegas, aínda que cunha excepción: en Ferrol a afiliación seguiu a tendencia á baixa que se mantén dende o inicio da crise económica.

Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE) a finais de 2014 as sete grandes cidades do país sumaban 335.137 persoas afiliadas á Seguridade Social, un 14,16% menos que a finais de 2009 pero 3.300 máis que no remate de 2013, o que se traduce nun incremento interanual do 1%. A cidade que máis viu incrementada a súa afiliación neses doce meses foi Lugo, cunha suba do 1,84%, seguida por Santiago (1,71%) e Ourense (1,51%. Tamén hai máis persoas afiliadas en Pontevedra (1,2%), Vigo (0,77%) e A Coruña (0,71%). Mentres, Ferrol rematou decembro con 18.035 persoas cotizando, unha caída do 0,7%.

Ferrol perdeu case unha cuarta parte de cotizantes na Seguridade Social dende finais de 2007

A cidade departamental é tamén a que experimentou un maior retroceso de cotizantes dende o inicio da crise. Así, o IGE certifica que Ferrol perdeu case unha cuarta parte da súa afiliación, o 21,34%, dende decembro de 2007. A segunda maior caída é a de Vigo (18,06) e a continuación está Pontevedra, cun 13,28% de cotizantes menos. Na Coruña a perda de persoas afiliadas á Seguridade Social nestes anos está por riba do 13%, mentres que en Ourense quedou no 11,92%, e en Lugo e Santiago, arredor do 8,70%.

Un mercado laboral aínda máis centrado nos servizos

Esta evolución das cifras de afiliación nos grandes centros urbanos do país certifica, ademais da mingua de cotizantes, que as cidades galegas están cada vez máis envorcadas ao sector servizos. Esta terciarización máis agudizada prodúcese nun contexto no que todos os sectores perden cotizantes, pero o servizos gañan peso en relación ao total. Así, en todas as cidades agás Vigo as persoas que cotizaban no sector servizos xa eran máis do 80% do total a finais de decembro e nalgunhas como Santiago ou A Coruña a proporción xa se achegaba ao 90%.

Cinco anos antes -o IGE ofrece estes datos a partir de 2009- o sector servizos xa era o preponderante pero outros, como a industria ou a construción, tiñan máis relevancia. Isto é especialmente significativo nos que, a priori, deberan actuar como pulmóns industriais entre as cidades galegas: Vigo e Ferrol. Nesta media década a cidade viguesa perdeu máis de 4.000 persoas cotizando no sector industrial e, no caso ferrolán, as saídas do sector foron unhas 800.

No caso da construción o impacto do axuste foi dispar pero o punto de chegada é semellante nos grandes municipios urbanos. En 2009 a cidade na que a construción tiña máis peso no conxunto da afiliación era Pontevedra, cun 10% que en 2014 caera ata o 6%. Esa mesma caída de 4 puntos é a experimentada por Ferrol, do 9% ao 5%. O 9% era o que pesaba tamén a construción entre os cotizantes de Lugo, onde agora é igualmente o 6%, como en Ourense, que caeu dende o 8%. Na Coruña e Vigo o retroceso foi inferior, de dous puntos en ambos casos, ficando no 5% coruñés e no 4% vigués, rexistrados a finais de 2014.

O sector naval ferrolán é un dos máis damnificados nestes anos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.