Ferrolterra, Eume e Ortegal van á folga xeral exixindo solucións á súa grave crise

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

As comarcas de Ferrolterra, Eume e o Ortegal están convocadas este mércores 12 de xuño a unha xornada de folga xeral ante a "dramática" situación laboral e social pola que pasa esta zona, azoutada polo paro, o peche masivo de empresas e unha crise económica da que tira, especialmente, o desmantelamento do sector naval e eólico, claves neste territorio.

Será a cuarta folga xeral unitaria na comarca, tras as provocadas polas graves crises do naval dos 80

Todos os sindicatos maioritarios (CIG, CCOO, UGT e USTG) uníronse desta vez na convocatoria dun paro xeral que será o cuarto nestas comarcas, logo das tres folgas unitarias que a grave crise dos anos 80 provocara tamén en toda a zona. Ferrolterra exixe solucións é o lema elixido polas centrais sindicais para unha manifestación que sairá desde a Praza do Inferniño ás 12 do mediodía e que reclamará medidas urxentes para unha comarca en clara "situación de emerxencia social".

Os datos non deixan lugar a dúbidas nunha comarca, a de Ferrolterra, que sitúa a súa taxa de paro por riba do 30%, a máis alta de Galicia e unha das máis elevadas do Estado e de Europa. Segundo as cifras que achega o Instituto Galego de Estatística (IGE) na comarca de Trasancos había a finais do pasado ano 46.246 traballadores dados de alta na Seguridade Social. Tan só tres meses despois, a cifra sitúase nos 45.386 afiliados, o que supón 860 traballadores menos nun trimestre, un ritmo de destrución de emprego difícil de ver en calquera outro territorio.

A situación nas comarcas de Eume e o Ortegal non é moi diferente, xa que a primeira perdeu 107 traballadores neses tres meses, mentres que a segunda destruíu 68 nese mesmo período, unha constante que leva xa anos producíndose e que se acentúa aínda máis de engadírselle o elevado número de cidadáns que optaron xa pola emigración.

A taxa de desemprego en Ferrol é do 32%, unha das máis altas de Europa, tras duplicarse nos últimos tres anos

Ferrol é tamén unha cidade que bate marcas nesta estatística negativa, ao posuír a taxa de desemprego máis elevada de toda Galicia, co 32%, case o dobre que hai só tres anos, cando a porcentaxe de parados era do 16,7%. Este incremento, de máis de quince puntos, non admite comparación con ningunha das grandes urbes de Galicia, malia os malos de datos de, por exemplo, Vigo, cunha taxa do 24,7% e un aumento de algo máis de sete puntos no mesmo período.

A crise do naval e do sector eólico, con todas as consecuencias que dela se derivan noutros sectores, explican boa parte desta dramática situación en Ferrolterra e as súas comarcas achegadas. Segundo datos do comité de Navantia, desde a metade de 2011 destruíronse máis de 2.300 postos de traballo en empresas auxiliares do naval, que segue esperando por carga de traballo, que continúa sen ter noticias do prometido flotel de Pemex que o PP comprometeu na campaña electoral e que non ten resposta nin case esperanza sobre o dique flotante.

No naval destruíronse 2.300 empregos en empresas auxiliares en dous anos; no eólico, máis de 1.500 en cinco anos

En canto aos muíños de vento, tan só en Ferrolterra, e segundo datos da Asociación Eólica Galega, perdéronse nos últimos cinco anos máis de 1.500 empregos nun sector que continúa asistindo ao peche de empresas e ao despedimento de todos ou boa parte dos seus traballadores, como recentemente vén de ocorrer en Alstom ou anteriormente en Gamesa.

Por todas estas razóns, os catro sindicatos convocantes da folga agardan que o paro sexa un éxito e destacan xa que se estean adherindo a el sectores moi diversos que van desde a industria ata a hostelería, pasando polos autónomos. A oposición parlamentaria en Galicia (PSdeG, AGE e BNG) xa se ten manifestado a favor da folga e incluso corporacións municipais como a de Fene, onde goberna o PP, non dubidaron en apoiala. De feito, os alcaldes da Mancomunidade de concellos aseguraron compartir os motivos do paro, así como trasladar a grave situación que viven os estaleiros da ría e a "indiferenza" de Navantia á hora de atopar solución.

O éxito ou non do paro xeral será clave para determinar a resposta sindical na comarca de Vigo

O éxito ou non da folga xeral será tamén importante de cara a futuras convocatorias, como a que a CIG propón para a comarca de Vigo, cuxa situación laboral e económica parécese á que está a sufrir Ferrolterra, tamén afectada gravemente pola crise do naval. O sindicato nacionalista reclamou a CCOO e UGT o apoio a unha futura convocatoria de paro xeral, aínda que as dúas centrais estatais apostan por un paro sectorial nos estaleiros de todo o Estado.

Sexa como for, a CIG xa ten convocada para este mesmo mércores 12 unha manifestación comarcal en defensa do emprego en Vigo e para rexeitar "as políticas que provocan fame e miseria". A marcha sairá ás 20 horas desde Vía Norte.

Manifestación dos traballadores de Navantia en Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.