Galicia lidera un proxecto europeo que busca aproveitar as oportunidades da 'economía azul'

Barcos pesqueiros no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da Universidade de Santiago lidera o proxecto de cooperación transrexional INTERREG ATLANTIC AREA, que traballará nas oportunidades de financiamento da transferencia tecnolóxica na Economía Azul, entendida esta como a economía marítima e pesqueira que se estrutura integrando os postulados da sustentabilidade medioambiental.

"Nun momento no que a economía atlántica trata de reinventarse, chama a atención a idea de Economía Azul, dentro do eido das industrias do Mar, no que Galicia sempre debe estar na vangarda"

O proxecto preséntase este mércores na Facultade de CC. Económicas e Empresariais da USC, nun acto que terá lugar no Salón de Graos a partir das 10 horas. Nesta sesión, aberta a estudantado, profesionais e público en xeral, haberá ponencias temáticas sobre captación de financiamento europeo e xestión de proxectos internacionais, así como relativas á Economía Azul, impartidas por especialistas do Sistema Universitario Galego, Portos e do Sector Privado.

Búscase das coñecer as diferentes oportunidades de financiamento neste subsector emerxente da economía galega e da franxa atlántica.

Dende o grupo de investigación destácase que "nun momento no que a economía atlántica trata de reinventarse, chama a atención a idea de Economía Azul ou crecemento azul, dentro do eido das industrias do Mar, no que Galicia sempre debe estar na vangarda". E sublíñase que este concepto "é fomentado desde e pola Comisión Europea dentro da súa Estratexia Atlántica, na súa aposta pola economía marítima como un dos principais impulsores do crecemento do futuro de Europa.

O grupo lidera o proxecto de cooperación transrexional INTERREG ATLANTIC AREA ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.