Máis de 20.000 nas rúas polo Día da Clase Obreira Galega

Manifestación en Ferrol do 10 de marzo © Susete Ferrol

Milleiros de persoas, máis de 20.000 segundo os sindicatos, saíron este domingo, Día da Clase Obreira Galega, ás rúas das principais cidades do país. Por unha banda, UGT e CCOO mobilizaron 15.000 cidadáns "contra o desemprego e pola rexeneración democrática", mentres que a CIG sacou unhas 7.000 a diversas localidades para conmemorar o 10 de Marzo e berrar “contra a pobreza e a explotación" e pola salvación "dos nosos convenios".

Unha vez máis, e lembrando o asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla en 1972 a mans da Policía franquista durante unhas protestas laborais, Ferrol volveu ser o centro das manifestacións duns sindicatos, que destacaron a situación crítica dunha comarca cunha taxa de paro achegada ao 30% e cunha grave crise no sector naval.

Unhas 15.000 persoas mobilizáronse con CCOO e UGT, mentres 7.000 acompañaron as marchas da CIG en todo o país

Logo dunha ofrenda institucional, na que foi asubiado o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, unhas dúas mil persoas marcharon da man de UGT e CCOO. En toda Galicia, foron unhas 15.000 persoas as que participaron nas diferentes marchas convocadas para "esixir un cambio nas políticas para saír da crise", contra o desemprego e pola rexeneración da democracia. As marchas enmarcáronse, ademais de no Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de reivindicación á que chamou tamén o Cumio Social en todo o Estado e que forma parte dunha campaña máis ampla que impulsa a Confederación Europea de Sindicatos.

Os secretarios xerais dos dous sindicatos en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO) e José Antonio Gómez (UGT), acudiron á marcha de Ferrol, pero houbo manifestacións tamén na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, ademais dunha concentración en Burela.

"Hai 300.000 razóns en Galicia para dicir que esta situación cada vez e máis dramática e insustentable"

Así, Sánchez Aguión lembrou que "hai seis millóns de razóns e 300.000 en Galicia para dicir que esta situación cada vez é máis dramática e insustentable" e que, cando "non hai ningunha familia que non estea afectada o paro", "as políticas de axuste só empobrecen máis e levan a un túnel sen saída".

Ademais, denunciou a situación de "incerteza" que vive o sector naval e que podería xerar unha "situación sen saída". Así, reclamou ao Goberno "que non xogue cos traballadores" e que "pase das palabras ás accións", tanto na carga de traballo como na construción do dique flotante.

As protestas do 10 de Marzo coincidiron coas mobilizacións celebradas en contra das políticas de axuste, unhas medidas que José Antonio Gómez cualificou de "inútiles", "fracasadas" e "estériles", porque só traen "máis miseria, pobreza e desigualdade", como reflicten as cifras de paro. "300.000 persoas en Galicia dos que case 120.000 xa non reciben prestacións", resumiu. Ante isto, pediu "políticas que impulsen o crecemento" e defendeu "un pacto económico e social na UE" para evitar que a recesión dos países europeos do sur esténdase "como unha mancha de aceite ao conxunto de Europa".

Manifestacións da CIG

Pola súa banda, a CIG manifestouse en Ferrol nunha protesta que se iniciou ás 12.30 horas na Avenida de Esteiro e finalizou ante o monumento ao 10 de marzo e que estivo secundada por preto de 800 persoas.

"As políticas non están pensadas para beneficiar a maioría social, senón a unhas minorías, os banqueiros e os especuladores"

O seu secretario xeral, Suso Seixo, lamentou que "a situación cada vez vai empeorar máis no canto de mellorar" debido a unhas políticas "que non están pensadas para beneficiar a maioría social senón a unhas minorías, os banqueiros e os especuladores", que "seguen tendo beneficios" cando "os demais só teñen máis pobreza e máis exclusión social". É por iso que avogou por "a mobilización" como resposta a esta situación.

En clave local, lamentou as "malas perspectivas" do sector naval e atribuíunas a que o PP en Galicia e no Executivo estatal "nunca quixo afrontar a situación do sector, porque sempre apareceron grandes plans de diversificación que nunca levaron adiante". "O sector naval de Ferrol é punteiro e tería moitas posibilidades de ser competitivo na UE se tivese un apoio que non ten da Xunta e o Goberno", observou.

Por outra banda, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dun comunicado, defendeu que a clase obreira galega segue loitando polos mesmos obxectivos que en 1972, entre os que citou "o dereito á negociación colectiva de ámbito galego", "condenada á morte" pola última reforma laboral. Así mesmo, advertiu dun "retroceso na calidade de vida e nos dereitos dos traballadores" que sitúan "á clase obreira preto dos niveis dos anos 80".

Malia que os actos centrais se celebraron en Ferrol, a de Vigo volveu ser a manifestacióno máis multitudinaria das convocadas pola CIG, que tamén xuntou milleiros no resto de cidades galegas.

Manifestación de CCOO e UGT en Ferrol Dominio Público @ccoogalicia
Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.