Máis de sete de cada dez galegos e galegas chegan a final de mes 'con dificultades'

Billetes de euro CC-BY Alegri

O 72,3% dos galegos e galegas recoñecen dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos publicados esta semana polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida. A porcentaxe supera en máis de cinco puntos á media española (67%) e sitúa a Galicia entre as comunidades autónomas máis golpeadas pola crise económica. Tan só Andalucía (75,4%), Canarias (74,5%) e Extremadura (73,9%) teñen unha proporción máis importante da súa poboación con estas dificultades. A porcentaxe de galegos e galegas con dificultades económicas, en maior ou menor grao, increméntase nove puntos dende o ano anterior, no que era do 63%, un nivel semellante á media do Estado (63,1%).

A evolución é especialmente negativa para aquelas persoas que din chegar con "moitas dificultades" a final de mes. Neste caso a porcentaxe incrementouse dende o 13% do 2012 até o 17,1% de 2013. Tamén crecen, pero en menor medida, os grupos de persoas que din facelo con "dificultade" (do 17,9% ao 20,6%) ou con "certa dificultade" (do 32,1% ao 34,6%).

  Moitas dificultades Dificultades Certas dificultades Certa facilidade Facilidade Moita facilidade
2013 17,1 20,6 34,6 21,8 5 0,9
2012 13 17,9 32,1 27,3 8,7 1
2011 12,1 17,1 32,8 26,6 10,2 1,2
2010 13,4 16,5 30,8 26,4 12,5 0,4
2009 13,1 19,5 27,8 26,6 12,2 0,7
2008 9,9 17,5 34,4 26,8 10,9 0,5
2007 9 16,9 36 25,5 12,2 0,5
2006 10,8 21,7 34,8 25,1 7,4 0,2
2005 8,5 18,6 31 30,9 10,3 0,7
2004 8,6 16,9 33,5 28,9 10,5 1,2

A porcentaxe de galegos e galegas con dificultades económicas, en maior ou menor grao, increméntase nove puntos dende o ano anterior, no que era do 63%

A renda anual media dos galegos e galegas sitúase en 2013 nos 10.106 euros, por debaixo da media española (10.531) e a unha gran distancia das comunidades autónomas máis ricas: Euskadi, Navarra, Madrid e Catalunya, todas por riba dos 12 mil euros. Galicia está en concreto no décimo posto entre as 17 comunidades autónomas polo nivel de renda dos seus habitantes.

O pasado ano incrementouse a pobreza en Galicia. A taxa de risco de pobreza situouse no 17,2%, por riba do 16,8% do 2012, aínda que se mantén en niveis inferiores á media española (20,4%), que en cambio descende dende o 22,2% dos dous anos precedentes. Máis elocuente é a evolución da porcentaxe de galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social analizados cos criterios da Estratexia Europa 2020, que inclúe máis elementos de carencia material e de benestar alén da simple percepción de ingresos monetarios. Neste caso a taxa galega elévase até o 24,3%, practicamente a cuarta parte da poboación, ascendendo máis dun punto dende o 2012 (23,2%). Ao igual que no outro indicador, Galicia sitúase por debaixo da media estatal (27,3%), pero tamén neste caso mentres a evolución galega é negativa, no conxunto de España a pobreza redúcese lixeiramente (cae dende o 28,2%).

Case catro de cada dez fogares galegos (o 38,5%) non pode asumir gastos previstos e que o 5,5% ten atrasos nos pagamentos relacionados coa súa vivenda principal. Do mesmo xeito, o ingreso medio anual neto por persoa en Galicia  é menor á media estatal, ao situarse nos 10.106 euros fronte aos 10.531 do conxunto do Estado. Máis de 500 euros menos por ano. Por outra banda, en Galicia case seis de cada cen fogares (5,7%)  non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, unha cifra que tamén é superior á media estatal (3,4%) e que multiplica por máis de cinco a porcentaxe de hai un ano, cando se limitaba ao 0,8% da poboación galega. Só nas Canarias e en Melilla este dato é peor. Pero Galicia aínda é a peor situada noutra variable: o 13,3% dos fogares galegos non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada, unha carencia enerxética máis de cinco puntos superior a media estatal (8%).

 

Datos "negativos" e "preocupantes"

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia destaca que “o límite que marca o risco de pobreza diminuíu” e que en termos absolutos, “a día de hoxe hai máis persoas pobres que hai un ano”

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vén de avaliar como “moi negativa e certamente preocupante” a Enquisa de Condicións de Vida. Para a presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social, Marta Capeáns, “non poden vendernos os datos como mellores, xa que a o descenso de catro décimas a respecto das cifras do ano pasado non responde a unha mellora da situación, senón á diminución de ingresos das familias”. Neste senso, Capeáns apela a que “o límite que marca o risco de pobreza diminuíu”, e que en termos absolutos, “a día de hoxe hai máis persoas pobres que hai un ano”. 

Dende o COTSG insístese en que “a política económica da austeridade non é o camiño”, e que “a blindaxe dos servizos sociais é máis preciso que nunca”, e debe ser unha prioridade das institucións. Neste sentido, Capeáns reclámalle á Xunta de Galicia a loita contra a pobreza e a desigualdade, “dun xeito máis claro e contundente”, aplicando políticas transversais e outras máis directas para a redución da pobreza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.