"Máis do 80% das ofertas de emprego non están en internet ou non son visibles"

Captura de pantalla da web Dominio Público Galejobs

Hai uns meses naceu Galejobs, un portal de emprego, formación e consultoría que busca "mellorar a situación laboral de Galicia, potenciándoa como unha comunidade produtora e xeradora de riqueza". Dende o inicio, a iniciativa presentouse cunha serie de valores e unhas características coas que buscaban diferenciarse do resto de portais e redes de oferta e demanda de traballo.

Por unha banda, o seu ámbito exclusivamente galego, destacando o seu coñecemento directo do mercado laboral galego: "Coma ti, vivimos en Galicia e comprendemos a idiosincrasia da nosa comunidade", sinalan. Así mesmo, enfocan o seu labor de forma especial ás pequenas e medianas empresas e tamén aos autónomos e autónomas. Igualmente, queren ocupar espazos non urbanos, que adoito son esquecidos noutros portais de emprego, máis centrados nos postos de traballo existentes nas cidades.

En canto aos seus valores, subliñan que non queren "vender o que non podamos asumir", nin "cobrar o que non traballemos", nin "asumir tarefas contrarias á nosa ética profesional". Queren, así mesmo, "potenciar o emprego e comercio galego" pois "unha rede de consumo entre as empresas de Galicia fomentará a mellora económica da nosa comunidade". Falamos co equipo que impulsa e xestiona Galejobs.

Por que botades a andar Galejobs?

Galejobs xorde a comezos do 2015, mais creo que é algo que fomos construíndo na cabeza nos últimos anos ata que tomou forma. Fomos tanto parte dunha empresa coma candidatos e coñecemos as dificultades nos dous ámbitos. Por iso, cremos que un dos problemas máis grandes que hai é a falta de comunicación.

"Hai empresas pequenas que non saben o que precisan ou que non saben como atopalo e acaban poñendo un cartel na porta, esperando que o candidato ideal pase por diante"

Temos visto empresas pequenas que non saben o que precisan ou que non saben como atopalo e acaban poñendo un cartel na porta, esperando que o candidato ideal pase por diante. E aínda que non é imposible que pase, queriamos ofrecer unha opción que empregue as ferramentas tecnolóxicas coas que a maioría da xente conta e visibilizase todas esas ofertas que antes quedaban nesa porta.

Por outro lado, consideramos que esa visibilización non só é positiva para a empresa –que ten acceso a máis candidatos sen pagar por elo e ademais mellora a visibilidade da súa marca- senón tamén para amosarlles aos candidatos que hai máis traballo do que semellaba e non só nas grandes cidades nin nas grandes empresas.

Que é o que vos diferencia doutros portais de oferta e demanda de emprego?

O principal é que somos un portal totalmente centrado en Galicia; e cando dicimos Galicia, falamos de toda a comunidade. En moitos portais, tiñamos visto ofertas en A Coruña e arredores ou Vigo e arredores, pero que pasa se só procuras traballo en Oleiros ou en Boiro porque non podes achegarte a outra zona? Por iso en Galejobs permitimos segmentar a busca por concello.

"Máis do 80% das ofertas de emprego non están en internet ou non son visibles"

Temos que ter en conta que máis do 80% das ofertas de emprego non están en internet ou non son visibles, ben por custes ou por descoñecemento. Desde Galejobs, orientamos, ensinamos e mesmo colgamos nós mesmas ofertas de emprego para facilitarlle o traballo á empresaria ou empresario.

Ademais, non somos só un portal de emprego senón que queremos potenciar o #talentogalego que sabemos que hai. Galicia é unha comunidade rica en materias primas e recursos humanos con xente formada que ten que escapar para buscar un futuro. O que nós plantexamos é: e se construímos un bo futuro aquí?

Que servizos ofrecedes?

No noso portal de emprego, as empresas poden publicar as súas ofertas de forma gratuíta. Ademais, somos unha Consultoría de RRHH e Formación na que as empresas poden externalizar todas as tarefas propias de Recursos Humanos, coma selección de persoal, creación do plan de acollida ou a descrición de postos de traballo, entre outros.

"Buscamos darlle unha orientación á Peme galega, e romper coa imaxe entraxada e engravatada das consultorías"

Buscamos darlle unha orientación á Peme galega, e romper coa imaxe entraxada e engravatada das consultorías. Humanizamos o noso traballo e achegámonos ás empresas para que nos falen dos seus problemas coa maior proximidade posible. Por outro lado temos á área de Formación, na que ofrecemos a creación dun plan de formación para os seus empregados, a organización de cursos InCompany e bonificados ou calquera servizo de formación continua que precise a empresa.

De cara aos profesionais en búsqueda activa de emprego, poden entrar na nosa web para buscar as ofertas que máis lles interesen no seu concello e filtralas por salario, tipo de contrato, tipo de xornada… E ademais poden buscar nas nosas empresas aquelas nas que lles gustaría traballar e premer no botón seguir a esta empresa. Ese botón permítelle saber á empresa que esa persoa está interesada en traballar na súa organización cando teña un proceso de selección aberto. Ademais, poden seguir mellorando o seu Curriculum Vitae grazas aos cursos que temos na nosa sección de Formación.

"O mercado galego ten unha particularidade: hai moito emprego pequeno que pasa desapercibido porque os ofertantes do posto acaban por cubrilo entre a xente do seu arredor"

Que particularidades ten o mercado galego de traballo?

O mercado galego ten unha particularidade: hai moito emprego pequeno que pasa desapercibido porque os ofertantes do posto acaban por cubrilo entre a xente do seu arredor. Moitos deles fano así porque sempre o fixeron así. Ás veces, o empregador non atopa o que busca e moitos empregados non chegan a saber dos traballos que teñen preto. O que nos queremos é poñer as novas tecnoloxías ao servizo desa xente para que empregadores e empregados poidan atoparse.

Que consellos lles poderiades a dar ás persoas que están a buscar un traballo? Cales son os principais erros que detectades e que se poderían solucionar?

Un dos principais erros que temos visto está no mesmo comezo do proceso de busca: o CV. Resulta curioso, pero moita xente abre un perfil na nosa web e coméntanos que precisa urxentemente traballar, pero despois deixa o perfil baleiro ou non enche recadros de información importante. Outros mándannos emails co asunto busco traballo, pero no corpo do email non hai información de onde vive, dos seus estudos ou experiencia, do que busca…

Buscar emprego é unha tarefa dura pero moi importante, na que se ten que visibilizar o interese do candidato ou da candidata. Aqueles que mandan un email baleiro transmiten unha serie de características negativas sobre as súas cualidades profesionais. Non poden dicir que son traballadores porque non fixeron un curriculum para contar a súa vida laboral, non poden dicir que son detallistas porque non comprobaron que temos unha web na que deben darse de alta, non poden afirmar que teñen moito interese en traballar porque non nos dixeron onde nin de que.

E no noso caso non é tan negativo porque actuamos como conselleiras e intermediarias desa xente. Mais deberían pensar: que pensará a empresa ofertante do posto se lle mando un email baleiro? Que cualidades amoso? Non se trata de contar as vantaxes que tes coma profesional, senón de amosalas dende o minuto un.

"Hai empresas que procuran unha persoa con características ou coñecementos moi concretos e imprescindibles para o posto, pero á hora de publicar ofertas quedan curtos na información facilitada"

E que consellos lles podedes ofrecer aos empregadores, ás empresas, de xeito que poidan atopar as persoas axeitadas para a súa actividade?

No caso dos empregadores, prodúcese un paralelismo referente aos que comentábamos dos empregados: falta información. Hai empresas que procuran unha persoa con características ou coñecementos moi concretos e imprescindibles para o posto, pero á hora de publicar ofertas quedan curtos na información facilitada, o que provoca que se anote xente na oferta que non vai cumprir coas características que buscan. Por iso, sempre insistimos en dar o máximo de información posible e diferenciar entre os coñecementos imprescindibles para o posto e aqueles que achegan valor engadido, para esixir os primeiros e valorar coma un extra os segundos.

"Non lle imos dicir á xente que ter traballo é doado. Pero non cremos que unha actitude negativa axude a atopar emprego, senón todo o contrario"

Salientades as ideas e o talento que hai en Galicia, que ás veces non atopa vías para desenvolverse. Que falta? Como se pode mellorar neste aspecto?

"Por parte das empresas, seica faltan cabeza e valor: cabeza para imaxinar, soñar e crer en novas ideas, e valor para apostar por esas ideas e tentar facelas realidade"

Por parte das empresas, seica faltan cabeza e valor: cabeza para imaxinar, soñar e crer en novas ideas, e valor para apostar por esas ideas e tentar facelas realidade. Por parte dos empregados, falta a ilusión de pensar que é posible atopar o que buscan, pero hai que loitalo unha, dúas e mil veces. Non lle imos dicir á xente que ter traballo é doado, porque sería ir en contra da realidade na que vivimos, amosada con datos diariamente nos xornais. Pero non cremos que unha actitude negativa axude a atopar emprego, senón todo o contrario. E, se non axuda, para que tela?

Suxerides igualmente os beneficios que tería a creación de redes de consumo en Galicia. Como se poderían estruturar e que efectos terían?

Os beneficios do consumo de produtos locais permiten dinamizar a comunidade na que se pon en marcha. Se nós consumimos onde vivimos, a xente que vende ese produtos terá unha empresa exitosa e con beneficios e máis carga de traballo. Ao vender máis e ter máis traballo, precisará contratar máis persoal e, se ese persoal é da zona, estará dándolles traballo aos veciños. Se eses veciños mercan co seu salario os produtos que precisan de tendas locais, o fluxo de cartos será circular e creará unha comunidade local sostible na que todos mercan e venden.

"Os beneficios do consumo de produtos locais permiten dinamizar a comunidade na que se pon en marcha"

Esta idea non é nosa, é de moita xente que pensou nela antes que nós. Nós non descubrimos nada, só lembramos que é posible e que non só ten implicacións sobre onde merco, senón tamén sobre onde busco emprego ou empregados. Como ten pasado tantas veces ao longo da historia, temos a solución nas nosas mans, mais non a vemos.

Captura de pantalla da web Dominio Público Galejobs
Galejobs ofrece servizos de portal de emprego, consultoría e formación © Galejobs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.