A Novagalicia Banco, entidade beneficiaria da segregación financeira de Novacaixagalicia, tampouco lle sentarán ben as novas esixencias de saneamento que aprobou o Ministerio de Economía. O responsable desta carteira, Luis de Guindos, cre que a banca española deberá acometer provisións por 52.000 millóns de euros, tal e como afirmou no Congreso dos deputados. Máis de 2.300 corresponden ao banco que preside José María Castellano. Malia este novo revés, a entidade asegura que estas necesidades adicionais de saneamento quedarán "integramente cubertas" ao longo de 2012.
NGB mantén así, unha vez máis, que pode levar a cabo o seu proxecto en "solitario" malia que o propio De Guindos anunciou a saída do Goberno do capital da entidade para "o antes posible". José María Castellano e o seu equipo contan con ter de prazo ata setembro para lograr investidores que prorroguen a vida do banco máis alá dos doce meses. O reto, como insisten fontes financeiras, é hercúleo. "Máis alá dos investidores que xa chegaron, chamados por un compromiso máis patriótico que de rendabilidade, é moi difícil captar capital estranxeiro, máis aínda para unha entidade nacionalizada", apuntan en declaracións a Praza. Polo de agora o único que está claro é que a caixa única, resultado da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, desaparecerá para converterse nunha fundación tutelada por Madrid.
Saneamento
As provisións totais que deberá realizar Novagalicia Banco pola súa exposición ao risco inmobiliario ascenden a 1.600 millóns. Ata 395 millóns pola aplicación xenérica dunha provisión do 7% sobre os activos sans relacionados coa construción, 595 millóns por créditos dubidosos (ou debedores á vista) e outros 610 millóns para activos adxudicados. Sorprende a provisión que NGB debe realizar en solo ou promocións inmobiliarias en curso: 740 millóns de euros. A suma de ambas as dúas partidas sitúa NGB como unha das empresas crediticias que máis esforzo ten que realizar para sanear o seu balance.
Para NGB a estratexia para dar cumprimento a estas esixencias pasa por tres pasos diferentes: a xeneración de beneficios (o saneamento ten que ir contra resultados, non contra fondos propios), a venda de inmobles e a captación de investidores.