O comité de Navantia pide a dimisión da dirección da empresa

Mobilización en Santiago CC-BY-SA CCOO Galicia

Os comités de empresa e a CIG pediron este venres a dimisión dos responsables de Navantia por "incompetentes" logo de que o presidente da SEPI, Ramón Aguirre, anunciase un plan de axuste que suporía reducións salariais do persoal. Nun comunicado, o comité que preside CCOO contesta así as afirmacións realizadas por Aguirre o pasado xoves no Congreso e nas que vinculaba a viabilidade de Navantia a esa redución de salarios.

O comité rexeita a pretensión da compañía de reducir os salarios do cadro de persoal

Os representantes sindicais entenden que estas declaracións e as realizadas nos últimos días polo presidente da empresa, José Manuel Revuelta, "tentan confundir o conxunto dos traballadores" e interprétanas como un "sinal" de que se está "no bo camiño, conseguindo a unidade sindical e o apoio da cidadanía".

O comité responsabiliza da situación de Navantia á dirección e piden a súa dimisión. "Os culpables e os incompetentes son eles, polo tanto teñen que dimitir, xa que teñen a responsabilidade de conseguir carga de traballo para o conxunto de Navantia", sinala. Neste sentido, o comité asegura que os traballadores deron "mostras bastantes" da súa "responsabilidade, profesionalidade e esforzo para que o traballo se fixese en prazo e con calidade".

Así que, como "primeira medida", o comité pide ao conxunto dos traballadores da empresa a súa "nula colaboración naquelas tarefas que non sexan estritamente as obrigas do convenio". Anuncia unha "unha reflexión" e propón "accións a nivel de grupo sen perder o obxectivo da carga de traballo" que se complementarán con distintas iniciativas en Ferrol.

"Estas declaracións só poden unir aínda máis os traballadores"

"Estas declaracións unicamente poden unir aínda máis os traballadores para conseguir os nosos obxectivos e afianzar as nosas conviccións", conclúe o comunicado. Para a próxima semana xa se anunciou unha nova acción de protesta, o mércores día 27. Segundo avanza o comité, realizarase unha "procesión" reivindicativa polas principais rúas de Ferrol.

Tamén o sindicato CIG pediu a dimisión dos responsables de Navantia. Nun comunicado, en resposta á intervención realizada por Ramón Aguirre e as declaracións nunha entrevista de José Manuel Revuelta, aos que acusa de "incompetentes", afirma que pretenden "pór a opinión pública en contra dos traballadores de Navantia, do mesmo xeito que xa o fixeron antes cos empregados públicos".

"Xa non estamos a falar da carga de traballo, da construción do dique flotante ou dos contratos de Pemex, estamos a falar dos salarios dos traballadores de Navantia. Non caiamos na trampa. O debate e a loita principal ten que seguir pola consecución da carga de traballo", sosteñen.

A CIG remarca que mentres a unidade produtiva da ría de Ferrol tivo ocupación non se produciron perdas e se replica a Aguirre que desde o ano 2009 produciuse unha diminución do poder adquisitivo do convenio de case vinte puntos. "Se hai que facer axustes que se apliquen eles o conto", remárcase, porque "non se observou esa mesma diminución nos salarios do equipo de dirección", expoñen.

Protesta de traballadores do naval CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.