O conselleiro Javier Guerra asume a designación dos altos cargos do Igape

O exdirector xeral do Igape, Joaquín Varela, en primeiro termo © Xunta

O 3 de xuño do ano pasado, o Igape viuse na obriga de publicar unha disposición no Diario Oficial de Galicia (DOG) ante a "suspensión temporal" de funcións do exsecretario xeral do organismo, Joaquín Varela de Limia, imputado no Caso Campeón. Un regulamento no que se pretendía "evitar a paralización das actividades do Instito" e que supuxo a asunción de maiores competencias para o presidente da institución pública (o conselleiro Javier Guerra) e dos distintos directores de área. O responsable de Economía e Facenda negou en diversas ocasións que houbese crise no Igape malia que, con posterioridade, tamén se destituiu ao número dous no organismo, Javier Álvarez Barbeito.

Unha nova resolución do Igape, recentemente publicada no DOG, consolida a nova reorganización do ente público. Nel, o presidente asume directamente a contratación de persoal de alta dirección. O resto de contratos serán competencia do director xeral, cargo que agora desempeña Javier Aguilera Navarro. O conselleiro Guerra asumirá unha maior responsabilidade no que se refire á supervisión da actividade ordinaria do instituto público, cun conseguinte maior control sobre a dirección xeral.

Moitas das áreas de decisión de Aguilera estarán delimitadas ou contraladas polo Consello de Dirección do Igape coa intención, segundo fontes próximas ao organismo, de que haxa maior "control" sobre o traballo dun ente "prexudicado polos escándalos" e cunha inmensa capacidade en materia de subvencións, axudas ou acordos de colaboración.

Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria © Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.