O deputado que vendía preferentes

O deputado e ex director dunha sucursal de CaixaNova, nun mítin do PP © El Diario

Ten 59 anos, é mariñeiro e chámase Santos Saborido. En 2002 meteu os aforros de toda unha vida (90.000 euros) en obrigacións subordinadas de Caixanova. Do outro lado da mesa desta sucursal bancaria e vendéndolle as vantaxes do investimento, sentaba Antonio Pérez Insua, hoxe deputado no Congreso polo Partido Popular.

O caso deste mariñeiro xubilado é rechamante, xa que a autoridade arbitral lle devolveu a totalidade do seu investimento. Para que isto ocorra, o árbitro debe advertir que durante a venda houbo mala praxe, produciuse engano ou non se lle explicou ao cliente o tipo de produto complexo que estaba a adquirir. Aínda que este investidor involuntario tivo sorte, agora participa como coordinador na plataforma de afectados da súa comarca. Segundo denuncia coas súas declaracións, a persoa que tentou enganalo ocupa agora unha cadeira de brazos no Congreso dos Deputados.

Segundo Santos Saborido, a decisión de investir nun produto bancario "que nin entendía" debeuse á confianza que lle transmitía o hoxe deputado, a quen coñecera tras solicitar un préstamo para o desenvolvemento da súa actividade no sector pesqueiro. Conta o mariñeiro do deputado que a operación "foi a iniciativa súa, a finais de 2002. Eu tiña uns cartos en efectivo da venda da miña parte do barco. El ofreceume un produto que eran obrigacións subordinadas que eu non sabía nin que eran". E asegura: "El díxome que as obrigacións eran a catro anos, pero que se podía retirar os cartos en calquera momento, avisando cunha semana de prazo. Iso tamén era unha trampa, porque buscaban a outro cliente e a ti dábanche o capital".

O agora deputado nega participar na operación de venda de 90.000 euros en subordinadas, que denuncia Santos Saborido. Segundo a súa argumentación, na primavera de 2003 abandonou a entidade bancaria na que se produciu esa venda. Con todo, os documentos achegados por este mariñeiro retirado levan data de decembro de 2002.

 

"Preferentes baixo ningún concepto, non sei eu se subordinadas"

As obrigacións subordinadas son produtos de renda fixa a longo prazo con baixa liquidez e alto risco. Moi parecidos ás preferentes, non son depósitos, xa que só están garantidos polo banco emisor. Neste caso, a entidade era Caixanova, que acabou aglutinada na hoxe intervida NovagaliciaBanco. Este deputado do PP, en conversa con eldiario.es, comezou negando a súa participación na venda de produtos bancarios dubidosos. "Non, con toda seguridade", sinalou. Conforme avanzan as súas explicacións, o seu discurso cambia para quedar nun: "Preferentes baixo ningún concepto, non sei eu se subordinadas".

Cal é a diferenza entre preferentes e subordinadas? Ambos os dous produtos son practicamente idénticos e o Banco de España ofreceulles para todos os efectos o mesmo tratamento polas súas características complexas e arriscadas. En definitiva, non aptos para investidores particulares. 

Antonio Pérez Insua chegou ao Congreso en 2012 en substitución de Arsenio Fernández de Mesa, a quen Rajoy lle encargou a dirección xeral da Garda Civil. Pérez Insua, home de confianza de Núñez Feijóo, iniciou a súa carreira política no mundo municipal chegando a ostentar a alcaldía de Noia entre 2003 e 2007. Até ese momento, a súa ocupación estivera relacionada coa dirección de sucursais bancarias, mundo ao que volveu tras perder as eleccións municipais.

Na súa declaración de rendas do Congreso dos Deputados, os seus últimos ingresos refírense precisamente ao seu traballo en banca. Con data de 2010, Pérez Insua recibe de NovacaixaGalicia a suma de 63.674 euros anuais. Dáse a circunstancia de que durante o seu labor como deputado, Pérez Insua tivo que asistir a numerosos debates sobre o conflito das preferentes e participou nas votacións nas que se aprobaba a quita que corresponderá aos investidores que se senten estafados.

O deputado e ex director dunha sucursal de CaixaNova, nun mítin do PP © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.