O FROB esixirá que na poxa por Novagalicia Banco as ofertas sexan polo 100% da entidade, segundo publica El Confidencial.com. Isto botaría abaixo a opción preferida por José María Castellano e Alberto Núñez Feijoo, consistente en que algún fondo de investimento merque o 51%, para manter a galeguidade do banco, o que ademais foi unha promesa electoral de Feijoo que agora sería moi lonxe de cumprir. A poxa tamén esixirá un período mínimo de permanencia no capital do banco. La Caixa é o mellor situado para facerse co 100%.
Botaría abaixo a opción pretendida por Castellano e Feijoo, consistente en que algún fondo de investimento merque o 51%, para manter a galeguidade dao banco, o que ademais foi unha promesa electoral de Feijoo
Dende hai dous anos Castellano mantense en contacto con varios fondos de investimento para promover a súa entrada no capital do banco: Guggenheim, JC Flowers, Anchorage, Elliot, WL Ross... Porén, estes fondos só estarían dispostos a facerse co 51% de NGB. En paralelo, intentou negociar en varias instancias para evitar a poxa, até que o Banco de España a aprobou definitivamente o pasado mes de novembro. A pesar de sufrir varios adiamentos, a poxa celebrarase finalmente á volta do verán.
O FROB ten de prazo para vender a entidade até 2017, pero quere desprenderse xa do banco, e ademais quere facelo completamente, descartando a posibilidade de quedar co 49%. Todo indica que na poxa participarán Santander, BBVA e La Caixa, e esta última é a mellor situada para facerse coa entidade galega. A súa cota de mercado en Galicia é do 6,7% fronte ao 14,6% de media no Estado. As posibilidades de que Novagalicia Banco siga sendo unha entidade galega diminúen.