O FROB leva á Fiscalía operacións irregulares das caixas por 600 millóns

Feijóo, con Méndez e Gayoso en novembro de 2009 © Conchi Paz

O FROB vén de enviar á Fiscalía Anticorrupción sete operacións das antigas caixas galegas polos prexuízos que causaron ás entidades que se fusionaron en Novacaixagalicia e que tras a súa conversión en Novagalicia Banco -e logo da súa nacionalización e venda posterior, consumiron máis de 9.000 millóns de euros públicos no seu rescate.

O FROB informa á Fiscalía de sete operacións irregulares das antigas caixas entre 2005 e 2008

Esta decisión do FROB xa fora anunciada a semana pasada polo ministro de Economía, Luis de Guindos. Agora, a Fiscalía determinará se esas operacións irregulares son consideradas delito ou non, así como os seus responsables. Na información facilitada polo FROB aclárase que estas irregularidades correspóndense con créditos, refinanciamentes, cancelacións de débeda ou vendas de inmobles comprendidas entre os anos 2005 e 2008, etapa final de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso como dirixentes de Caixa Galicia e Caixanova respectivamente e que se corresponden co período do goberno bipartito na Xunta.

Segundo os datos que achega o FROB, o prexuízo que estas operacións terían provocado nas entidades foi de 600 millóns de euros. Ademais destes casos, tamén se remitiron outros 16 de Catalunya Caixa, que terían provocado un prexuízo de 900 millóns e que tamén abranguen o período entre 2005 e 2008, período que coincide case na súa totalidade cos gobertos tripartitos en Cataluña.

O FROB aclara que as accións investigadas son "operacións que deron lugar a importantes perdas para as entidades e representan indicios de irregularidade ou non responden a unha finalidade económica lóxica". Até o de agora, o Fondo inciou ou está personado en 19 causas penais relacionadas con operacións financeiros ou inmobiliarias de entidades nacionalizadas.

 

Feijóo, con Méndez e Gayoso en novembro de 2009 © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.