Nin do 1 nin do 1,5%. As previsións do Banco de España e do FMI, respectivamente, para a economía española en 2012 son incluso optimistas de máis a ollos do Goberno de Mariano Rajoy. O Consello de Ministros aprobou hoxe o teito de gasto da administración e presentou o cadro de previsións macroeconómicas, no que se inclúe unha contracción do PIB do -1,7%. Unha caída da actividade que, segundo o ministro Luis de Guindos, será especialmente acusada na primeira metade do exercicio.
Con este panorama económico, e ante unha situación complexa nos países do entorno, nin sequera as exportacións, que estaban a dar un pouco de alento á actividade económica, van servir de moito. De aí que o Executivo alerte que a taxa de paro superará o 24% ao finalizar o exercicio, unha porcentaxe que conlevará a destrución de, cando menos, outro medio millón de postos de traballo. Se se toman os datos da EPA como referencia, a cifra de desempregados coqueteará perigosamente cos seis millóns de persoas. Son 3,7 millóns de cidadáns máis que en xaneiro de 2008.
2010 | 2011 | 2012 (p) | |
---|---|---|---|
PIB Real | -0,1 | 0,7 | -1,7 |
Gasto das AAPP | 0,2 | -2,2 | -11,5 |
Emprego | -2,6 | -2 | -3,7 |
Taxa de paro | 20,1 | 21,6 | 24,3 |
Dos indicadores que conforman o cadro do Goberno só hai cinco en positivo, alén do da taxa de paro. Un dos que máis deixa patente o proceso de austeridade emprendido desde Madrid baixo supervisión europea é o do gasto público. O gasto en consumo final das administracións públicas caerá máis dun 11%, moi lonxe do -2,2% do ano que vén de rematar. Ademais do deterioro da construción, que seguirá agudizándose, a industria tamén amosará datos en negativo. A formación bruta de capital fixo, no apartado dos bens de equipo, padecerá unha contracción do 5,3%.
Todos os ministerios terán menos cartos dispoñibles, cunha redución global do 12,5% para todos os departamentos. O teito de gasto quedou fixado en 118.565 millóns de euros, un 4,7% menos que nas contas para 2011.
A evolución do emprego será aínda máis negativa en 2012 que nos dous exercicios precedentes, como recoñece o ministro De Guindos. Cómpre ter en conta que o ano pasado a destrución de emprego afectou a 600.000 persoas e houbo unha taxa de PIB positiva (0,7%). Reduciuse o déficit corrente, como explicou Praza, en 8.000 millóns de euros. Mais aínda faltan outros 36.000 millóns máis, á que se suma a redución da taxa de déficit, unha contracción da actividade e un entorno económico como é o europeo en graves problemas.
Obxectivo de déficit
Así as cousas, o Goberno vén de anunciar que o obxectivo de déficit non será do 4,4% como exixía Bruxelas, senón do 5,8%. Son case tres puntos porcentuais a recortar, o que requerirá dun recorte de 30.000 millóns de euros. A suba do IRPF anunciada en decembro non cubrirá ese buraco. En comparecencia de prensa Mariano Rajoy recoñeceu que non informou aos mandatarios europeos da súa decisión, que supón en todo caso un incumprimento do mandado do eurogrupo. Asegura que tomou a decisión en uso da "soberanía" que ten España.
O obxectivo de déficit marcado para a administración central será de 42.576 millóns (4%). As comunidades autónomas deberá recortar esta taxa nun 1,4%, un esforzo titánico de máis de 10.000 millóns de euros. Galicia deberá recortar tamén para poder finalizar o ano cun déficit do 1,5%. A austeridade continuará sendo unha guía para Rajoy: mantén que pechará 2013 cun déficit do 3%, tal e como está establecido no Pacto de Estabilidade da Unión Europea.