O Goberno propón unha reforma das pensións que non garante o seu poder adquisitivo

Santamaría e Báñez anuncian a non actualización das pensións © Goberno de España

Foi o pasado 1 de xaneiro cando entrou en vigor a reforma das pensións que o Goberno de Zapatero pactou con sindicatos e patronal. Con todo, o Executivo de Mariano Rajoy está a traballar nunha nova reforma, que desbaratará algúns dos principios sobre os que se sostivo a anterior, e que endurecerá a xubilación. Esta volta de porca é unha das imposicións máis imperiosas de Bruxelas. A ministra de Emprego, Fátima Báñez, iniciou o curso o 1 de setembro presentádolles a súa proposta aos axentes sociais, unha iniciativa que pivota sobre dous eixos: por unha banda, desligar a revalorización das pensións do IPC e, por outro, pór en marcha un factor de sustentabilidade que teña en conta a esperanza de vida para calcular a pensión.

Aínda non hai concrecións nin fórmulas. Será cando as haxa cando se poderá comprobar até que punto o Goberno fai súas as recomendacións do comité de expertos ao que encargou un informe sobre o factor de sustentabilidade e que xa presentou as súas conclusións. De momento, o Executivo ten intención de desligarse dunha: os sabios pedían que os cambios se aplicasen xa o próximo ano; con todo o Goberno porá en marcha só un deles en 2014 -o novo indicador segundo o cal se actualizarán as pensións- mentres que agardará a 2019 para introducir o factor de sustentabilidade, isto é, un factor que en función de diferentes parámetros axuste automaticamente as pensións. O máis destacado, a esperanza de vida.

O Executivo propón que, xa desde o ano próximo, as pensións crezan en función dun índice de nova creación que terá en conta a inflación pero tamén outros factores, como os ingresos e gastos do sistema ou o superávit ou déficit do sistema de pensións

A proposta que Emprego lles fixo aos sindicatos si ten, con todo, similitudes coa dos expertos. Propón, por exemplo, que as pensións non se revaloricen cada ano en función da inflación, como se facía até agora. O Goberno xa deixara caer en varias ocasións que esta fórmula é moi custosa e Báñez insistiu nesta tese: asegura que o 27% do gasto en pensións corresponde a esta actualización.

Por iso, o Executivo propón que, xa desde o ano próximo, as pensións crezan en función dun índice de nova creación que terá en conta a inflación pero tamén outros factores, como os ingresos e gastos do sistema ou o superávit ou déficit do sistema de pensións. Habería tamén un tope máximo e un chan mínimo de crecemento: como pouco, as pensións terían que crecer un 0,25% cada ano e, como máximo, poderían facelo a inflación máis o 0,25%.

Habería tamén un tope máximo e un chan mínimo de crecemento: como pouco, as pensións terían que crecer un 0,25% cada ano e, como máximo, poderían facelo a inflación máis o 0,25%

Báñez insistiu en que esta fórmula garantirá que as pensións xamais baixen ou se conxelen, pero na práctica a realidade sería menos optimista. Por exemplo, se un ano o IPC crece un 1,7% pero o novo índice determina que a revalorización debe ser de só o 0,25%, os pensionistas perderían máis de punto e medio de poder adquisitivo que logo nunca recuperarán. Con todo, o Executivo non quere pasar á historia como o que lexislou unha baixada nominal das pensións, polo que instalou esta cláusula solo como colchón electoral.

Con todo, a perda de poder adquisitivo será máis que frecuente se se ten en conta que o novo índice de actualización terá en conta o estado das contas da Seguridade Social, que arrastran un importante déficit. Ademais, o tope máximo de crecemento suporía pouco máis que a inflación, é dicir, na práctica o teito marcado polo Goberno supón simplemente o mantemento do poder adquisitivo. A ministra non concretou como será a fórmula que determine cada ano cal ten que ser o crecemento das prestacións.


Factor de sustentabilidade

O Executivo propón tamén aplicar un factor de sustentabilidade a partir de 2019, en lugar de en 2027, como contempla a reforma actual aprobada cos axentes sociais e que está en vigor

O Executivo propón tamén aplicar un factor de sustentabilidade a partir de 2019, en lugar de en 2027, como contempla a reforma actual aprobada cos axentes sociais e que está en vigor. Precisamente esta é a data pola que apostou o experto designado por Comisións Obreiras no comité de sabios. Miguel Anxo Rodríguez apostou por 2019 como ano de aplicación do factor. A cesión do Goberno a este consello do sindicalista pode ser unha chiscadela para gañar o favor da central.

Segundo a proposta do Ministerio, o factor tería en conta a esperanza de vida: as pensións variarían en función dunha fórmula que tivese en conta a esperanza de vida e un coeficiente redutor. A fórmula revisaríase cada cinco anos.

Este factor aplicaríase só aos novos pensionistas e só unha vez. É dicir, será no momento de acceder á xubilación cando a unha persoa se lle calcule a súa pensión en función deste factor. Báñez insistiu en que en ningún caso esta fórmula implicará unha ampliación da idade de xubilación, aínda que non descartou outras "reformas paramétricas" do sistema.

Isto suporía que os pensionistas padecerían varios factores correctores á vez: aos que xa contemplaba a anterior reforma sumaríanselles estes novos

En calquera caso isto suporía que os pensionistas padecerían varios factores correctores á vez: aos que xa contemplaba a anterior reforma sumaríanselles estes novos. Por exemplo, a unha persoa que se xubilase en 2020 afectaríalle a ampliación gradual da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cómputo para calcular a súa pensión, pero tamén o novo factor de sustentabilidade e, polo tanto, a esperanza de vida que existise nese momento e que tamén condicionaría a súa prestación.


Os sindicatos piden datos

Os sindicatos móstranse escépticos e auguran un proceso de negociación "difícil e complexo", en palabras do secretario de Protección Social e Políticas Públicas de CCOO, Carlos Bravo. As centrais non comparten a urxencia coa que o Goberno quere sacar adiante a reforma, piden separar as necesidades conxunturais do sistema -golpeado pola crise- das estruturais, e reivindican a validez da reforma actual. A secretaria de Políticas Sociais de UGT, Carmen López, pide ademais "papeis" e "documentación" ao Goberno para poder analizar as súas propostas sobre datos concretos.

Os sindicatos móstranse escépticos e auguran un proceso de negociación "difícil e complexo"

Tanto UGT como CCOO foron moi críticos co informe elaborado polo comité de expertos. Ademais, a pesar das boas declaracións do Goberno, o diálogo social foi máis ben escaso durante a lexislatura. Os sindicatos queixáronse repetidamente da falta de consulta e debate do Ministerio de Fátima Báñez. No caso da reforma laboral, Báñez telefonou o mesmo día da súa aprobación aos secretarios xerais de CCOO e UGT para anunciarlles as súas principais liñas.

O diálogo social foi máis ben escaso durante a lexislatura. Os sindicatos queixáronseda falta de consulta e debate do Ministerio de Fátima Báñez

En calquera caso, esta proposta do Executivo ten que pasar tamén polo filtro do Parlamento mediante o Pacto de Toledo. Esta institución caracterízase por chegar a grandes reformas das pensións en democracia e o Partido Popular mostrouse partidario de respectar este ámbito de debate. É agora esta comisión a que ten a palabra.

Gasto en pensións de xubilación nos países da UE-27, medido en porcentaxe do PIB. CC-BY-SA A furada do trasno
Santamaría e Báñez anuncian a non actualización das pensións © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.