- Lista de premios do Sorteo Extraordinario de Nadal
- Para que dan 520 millóns: as autovías de Ferrol e o Cantábrico ou o canon eólico deixaron en Vilalba menos que a lotaría
O Gordo da Lotaría de Nadal vén de deixar en Vilalba máis de 500 millóns de euros en premios. O 71.198, cantado ás 11.54 horas e premiado con 400.000 euros ao décimo, foi vendido en gran parte na administración de lotaría existente na céntrica rúa da Pravia da capital da Terra Cha.
O 71.198, premiado con 400.000 euros ao décimo, foi vendido en gran parte na administración de lotaría da céntrica rúa da Pravia
Segundo a propietaria da administración, en Vilalba dispuxo de 130 series do número gañador que foi vendendo de xeito moi repartido desde o mes de xullo e non ten constancia de que quedaran décimos sen vender, polo que os premios repartidos poderían ascender a 520 millóns de euros dos 680 totais asignados ao Gordo. Parte do número foi vendido tamén a través de participacións no Bar Cascudo, situado na saída sur de Vilalba da Autovía do Cantábrico (A-8). A última vez que parte do Gordo caeu en Galicia deixando máis de cen millóns foi en 2003, cando deixou 120 millóns en Rianxo.
Xunto co Gordo, o segundo premio dotado con 125.000 euros ao décimo, o 51.244, deixou un millón de euros entre os oito décimos vendidos en Xinzo de Limia, Baiona, Culleredo, Santa Comba, Monforte e O Grove. Un cuarto premio, o 13.378, deixou outros 200.000 euros, a razón de 20.000 euros o décimo, a través dunha serie completa vendida en Vigo.