O financiamento das comunidades autónomas, ao igual que o que sucede no caso da Administración central, revelouse no último exercicio como un dos problemas que máis afogan a capacidade de acción dos gobernos. Amais da caída dos ingresos procedentes de taxas propias ou transferidas (impostos directos, indirectos, transferencias), os executivos autonómicos teñen que contar co encarecemento das condicións financeiras á hora de elaborar os orzamentos. A Xunta de Galicia, cun déficit reducido -en comparación con outras comunidades-, tivo que facer fronte a un gasto acumulado de máis de 131 millóns de euros en xuros pola débeda á que recorreu para financiar a súa actividade.
O incremento do custe polos xuros da débeda é moi superior á media estatal, situada nun 57%
En concreto, segundo os datos recompilados por Fedea, foron 131,135 os millóns que, entre xaneiro e setembro, se consumiron só no capítulo de gastos en xuros. Este montante total é un 122% superior ao contabilizado no mesmo tramo do ano anterior, dacordo cos cálculos do mesmo instituto económico. O incremento do custe polos xuros da débeda é moi superior á media estatal, situada nun 57%. Unha suba considerable, en todo caso, que a institución relaciona directamente tanto coa crise europea de débeda como co progresivo e constante incremento do endebedamento autonómico.
Para o total do ano 2011, e segundo a presentación dos Orzamentos para 2012 elaborados pola Consellería de Facenda, o custe total por pasivos financeiros ascenderá a 416,5 millóns de euros. Para o presente ano, e sempre que se cumpran as estimacións do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a Xunta adicará a este capítulo máis de 547 millóns de euros. Isto é, un 31,5% máis que o ano que vén de rematar (131,1 millóns máis). Esta suba contraponse coa caída xeneralizada nas partidas de gasto programadas polo Executivo galego.