O paro baixa en Galicia en máis de 6.500 persoas

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

O paro baixa en Galicia en 6.573 persoas, o que supón un descenso do 2,26% respecto a abril, superior ao 1,97% do conxunto do Estado e que deixa o número de desempregados en 283.886 persoas. Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Emprego, unha vez máis, o mes de maio compórtase de maneira positiva, aínda que desta vez o dato é o mellor deste mes nos últimos dezaseis anos en España, onde hai case 100.000 desempregados menos (-98.265).

Malia o respiro, Galicia ten 7.278 parados máis que hai un ano

Malia este respiro, Galicia comeza o mes de xuño con 7.278 parados máis dos que tiña hai un ano, xa que a taxa interanual chega ao 2,63%, e é unha das dezaseis comunidades autónomas onde descendeu o desemprego, que tan só se incrementou en Canarias e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Baleares é a comunidade onde máis descendeu o paro, cun descenso do 9,42%, o que evidencia a temporalidade e estacionalidade dos novos empregos. Galicia, ao igual que Cataluña, sitúase como a sexta autonomía onde máis baixa o número de desempregados (-2,26%), pero estas cifras son aínda mellores na Rioxa (-3,6%), Castela-A Mancha (-2,48%), Murcia (-2,44%), Andalucía (-2,39%) e Navarra (-2,31%).

En canto aos datos por provincias, Pontevedra é a provincia que lidera a caída do desemprego en Galicia, cun descenso do 2,81%, seguida de Lugo (-2,51%), Ourense (-2,1%) e A Coruña (-1,69%).

Logo deste descenso, o terceiro consecutivo, a cifra do paro rexistrado sitúase no Estado en 4.890.928, o que é unha cifra moi positiva, algo que vén provocado tamén polas esaxeradas cifras de desemprego que se levan acumulando desde o inicio da crise. A media de diminución do paro nos meses de maio desde 1997 foi de 54.450, máis de 43.000 menos, unha circunstancia que destacou a secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, que tamén alude ao descenso de máis de 30.000 parados no mes de maio de 2012, unha caída tres veces menor á experimentada este exercicio.

A taxa interanual reduciuse en case nove puntos, seis deles no que vai de ano, e sitúase no 3,75%, o que significa que en España hai 176.806 parados máis que hai un ano. A diferenza é que doce meses antes, o ritmo de crecemento anual era de máis de medio millón de persoas. Os datos "claramente esperanzadores" dos que advertía o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, eran estes.

 

Un descenso estacionalizado e pouco esperanzador

Os datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego son bos, pero agochan detalles que non deixan lugar a optimismo ningún. As cifras desestacionalizadas, que eliminan o efecto do calendario como o impacto dos festivos ou as vacacións, non son esperanzadoras: o paro rexistrado caeu só en 265 persoas, mentres a Seguridade Social rexistrou un aumento de 6.000 afiliados.

O paro desestacionalizado tan só baixou en 265 persoas

Así, a agricultura é o sector que rexistra a maior caída en termos relativos, precisamente cando a chegada da calor fai que se reactiven moitas campañas. Os servizos e a construción son os outros dous ámbitos que fan diminuír o paro. De feito, un terzo da redución do desemprego dáse en Andalucía, que impulsa agora a actividade agroindustrial temporal, mentres que a maior caída relativa é en Baleares, comunidade eminentemente turística.

Tan só o 7,5% dos novos contratos rexistrados no Estado e en Galicia foron indefinidos

Por outra banda, a contratación no Estado é fundamentalmente temporal, xa que só o 7,5% dos novos contratos rexistrados en maio foron indefinidos, polo que no último ano o número de contratos estables caeu un 24,2%, mentres que os temporais subiron case un 6%. A taxa de cobertura tampouco trae datos positivos, xa que agora é do 61,2%, mentres que hai un ano era do 65,4%.

En Galicia, do total de contratos asinados, os indefinidos só supoñen o 7.56 % (4.258). Con respecto a abril, a contratación temporal aumentou o 8,67 % pero a indefinida baixou en 11,71 % (4.150 contratos temporais máis fronte a 565 contratos indefinidos menos). En termos interanuais, formalizáronse 1.805 contratos máis que en maio de 2012, un 3,31 % de incremento. A contratación indefinida baixa o 29,16 % (1.753 contratos menos) e a temporal aumenta un 7,34 % (3.558 contratos máis).

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.