O comezo de ano non adoita ser unha época especialmente favorable para o emprego. Con todo, en febreiro os datos deron un respiro pouco usual en tempos de crises: o paro baixou levemente en 1.949 persoas até un total de 4.812.486 de persoas desempregadas e a Seguridade Social gañou 38.694 afiliados. Ambos os datos supoñen unha novidade: no primeiro caso, porque é a primeira vez desde que comezou a crise que o paro baixa nun mes de febreiro; no segundo, porque desde 2008 a ocupación sempre caera en termos interanuais (é dicir, que en comparación co ano anterior sempre se destruía emprego) e neste caso creceu un 0,38%, tal e como se encargou de adiantar o presidente do Goberno a semana pasada.
En Galicia o número de persoas en paro descendeu en febreiro en 1.006 e en termos interanuais o descenso é de 12.752
En Galicia o número de persoas en paro descendeu en febreiro en 1.006 (un 0,36%) e en termos interanuais, o descenso é de 12.752, un 4,35%, lixeiramente inferior ao descenso que nos últimos doce meses se produciu en toda España (un 4,52% e 227.736 persoas menos). O número de galegos e galegas afiliadas á Seguridade Social creceu en febreiro en 1.613 persoas, pero en termos interanuais, dende febreiro de 2013, a cifra é negativa, con 6.299 persoas afiliadas menos.
O dato de paro desestacionalizado é aínda mellor: baixa en 55.353 persoas no conxunto do Estado. No caso da ocupación, se se eliminan os efectos do calendario, a cifra reséntese levemente: a Seguridade Social gaña 34.246.
No caso dos datos ofrecidos polo Ministerio de Emprego, é a afiliación á Seguridade Social a que agora mesmo ofrece unha fotografía máis exacta do estado do mercado laboral. Nos últimos meses, o paro rexistrado sufriu vaivéns e baixou en varias ocasións, pero moi impulsado pola perda de poboación activa: os datos mostran as persoas rexistradas nas oficinas de emprego, pero non se as baixas se deben a que atoparon un emprego ou a outros motivos.
Por esa razón, a baixada do rexistro por si soa é insuficiente para saber se o mercado laboral dá signos de reanimación. A Seguridade Social, en cambio, dá unha idea de se o emprego segue destruíndose ou non. Neste sentido, febreiro foi o primeiro mes desde que comezou a crise no que España comezou a crear postos de traballo en termos interanuais: hoxe hai case 62.000 afiliados máis que hai un ano, un 0,38% máis. No entanto, o número de afiliados está en niveis similares aos de 2002, é dicir, que a última década está perdida en termos de emprego. Foron a educación, a construción, a hostalaría, e as actividades inmobiliarias os sectores que en febreiro tiraron do mercado laboral.
Febreiro foi o primeiro mes desde que comezou a crise no que España comezou a crear postos de traballo en termos interanuais: hoxe hai case 62.000 afiliados máis que hai un ano, un 0,38% máis
A evolución dos datos é diferente entre homes e mulleres: o aumento da afiliación é parecido (un número similar de homes e de mulleres atoparon emprego), con todo, o paro feminino creceu moi lixeiramente en febreiro mentres que o masculino se reduciu. O número de mulleres paradas segue sendo maior que o de homes en desemprego: 2.477.864 fronte a 2.334.622.
Que contratos se crearon?
En febreiro rexistráronse 1.090.879 contratos, un 14,8% máis que hai un ano. Esta suba interanual débese, sobre todo, ao aumento dos temporais: estes creceron unha 15,7% fronte ao aumento do 6,8% dos estables. Entre os novos contratos, os indefinidos só representan o 9% (97.804 dos 1.090.879). Aumentan máis os estables a tempo parcial, que crecen un 9,3%, mentres que os de tempo completo aumentan un 4,9%.
Tanto os contratos de formación coma os de prácticas rexistran aumentos moi significativos respecto ao ano pasado: os primeiros crecen un 49,5% e os segundos, un 44,7%
Tanto os contratos de formación coma os de prácticas rexistran aumentos moi significativos respecto ao ano pasado: os primeiros crecen un 49,5% e os segundos, un 44,7%. Precisamente, no último ano o Goberno aprobou varias medidas para flexibilizar o uso deste tipo de contratos, que están tamén fortemente bonificados.
Menos prestacións
O número de persoas beneficiarias de prestacións non deixa de caer: en xaneiro (o dato publícase cun mes de atraso respecto ao de paro rexistrado) había 2.805.275 perceptores, un 8,4% menos que no mesmo mes do ano anterior. A cobertura do sistema de protección social tamén baixa, un 4,8%, até o 61,4%. A outra cara desta diminución da protección é a baixada do gasto que supón o desemprego para o Estado: 2.382 millóns en xaneiro, un 14,2% menos que en 2013.