O Goberno e os bancos queren evitar durante dous anos a mala prensa que a ambos lles estaban xerando as informacións de desafiuzamentos a familias en situacións de exclusión social. Tras o decreto aprobado este xoves polo Consello de Ministros, o Executivo ofrécelles a estas familias dous anos máis para abandonar as súas vivendas, non dous anos máis para buscar o diñeiro que lles permita seguir pagándoas.
O decreto que hoxe publica o BOE resume, en linguaxe administrativa, o espírito do comunicado da Asociación Española da Banca
O decreto que hoxe publica o BOE resume, en linguaxe administrativa, o espírito do comunicado da Asociación Española da Banca. O que os banqueiros dixeron o pasado 12 de novembro naquel comunicado é practicamente o mesmo que di o Goberno a través do BOE.
A medida aprobada polo Executivo non ofrece ningunha alternativa para que quen non poida pagar o faga. Durante ese prazo de dous anos, os afectados pola medida terán dereito a quedar nunha vivenda que xa non será súa pola graza dunha entidade bancaria coa que seguirán mantendo a súa débeda.
Ademais o prazo de dous anos de moratoria é discutible. Serán dous anos para quen solicite hoxe acollerse á medida, quen o faga dentro de seis meses, tan só poderá gozar de ano e medio dos beneficios do decreto. O 15 de novembro de 2014 acaba o prazo marcado polo goberno e a partir desa data os desafiuzamentos volverán ser executados con normalidade para todas as familias, á marxe do delicado da súa situación. O Goberno aproba o seu decreto despois de tres días negociando co PSOE, sen chegar a ningún tipo de acordo. Segundo o texto que recolle o BOE, a moratoria de dous anos "será de aplicación unicamente para aqueles que xa perdesen a súa casa cando esta se adxudicou ao acredor".
Ambigüidade
O BOE non ofrece ningunha cifra relativa ao número de inmobles que se destinarán a aluguer social e apenas ningún detalle sobre o prezo deses alugueres
Ademais, o Executivo prometeu este xoves a creación dun parque social de vivendas. Sobre esa iniciativa, o BOE non ofrece ningunha cifra relativa ao número de inmobles que se destinarán a aluguer social e apenas ningún detalle sobre o prezo deses alugueres. A vaguidade do BOE limítase a aludir a "contratos de arrendamento con rendas asumibles en función dos ingresos que perciban".
Segundo o BOE, "esta norma será de aplicación aos procesos de execución que se iniciaron á entrada en vigor deste real decreto-lei, en caso de que non se executara o lanzamento". A medida polo tanto non ten carácter retroactivo.