"O rescate non está pechado, a banca segue tendo problemas de solvencia"

Lourdes Lucía © Miguel Ángel Ruiz-Larrea

Lourdes Lucía é avogada, editora e activista, e foi unha das fundadoras en España do movemento Attac. Coordinou o libro Qué hacemos con los bancos, escrito xunto a Alberto Garzón, Ana Martín e Julio Rodríguez. O libro é unha análise da orixe financeira da actual crise, especialmente no caso español: como un sistema financeiro que presumía de ser o máis sólido e saneado de Europa acabounos arrastrando a un rescate financeiro. Falamos con ela do sucedido co sector financeiro, a liquidación das caixas ou o rescate con diñeiro público, así como da proposta de creación dunha banca pública que fan no libro.

Como pasou a banca española de ser a máis sólida do mundo (Zapatero, 2008) a necesitar un rescate?

A banca española non era a máis sólida do mundo. Esta afirmación de Zapatero, que foi coreada por todos os poderes mediáticos financeiros e económicos, non se sostiña, como demostrou a realidade. As boas notas da banca española eran unha falacia sustentada na falta total de control dos organismos encargados de facelo, como se demostrou despois.

"As boas notas da banca española eran unha falacia sustentada na falta total de control dos organismos encargados de facelo, como se demostrou despois"

Dicides que o sistema financeiro español cumpría todos os requisitos para unha tormenta perfecta en canto cambiase a situación do mercado de vivenda. Quen fallou en anticipar ese risco?

Non cremos que o fallo en anticipar o risco fose inocente. Estaban a ocultarse demasiadas cousas. Fallaron todos: o Ministerio de Economía  e Facenda, o Banco de España, a CNMV. Todos sabían que a situación era insustentable, pero ninguén quería ser o que apagase a luz da festa. Non querían nin foron capaces de pór freo á orxía crediticia.

"Todos sabían que a situación era insustentable, pero ninguén quería ser o que apagase a luz da festa. Non querían nin foron capaces de pór freo á orxía crediticia"

Foi inevitable rescatar á banca? Cal era a alternativa?

O rescate á banca produciuse pola insolvencia desta e responde a unha política baseada en beneficiar os grandes poderes financeiros, que, como se demostrou, prexudicou ao conxunto da poboación. Déronse moitos miles de millóns de euros aos bancos españois, a través do BCE, a un interese moi baixo (menos do 1%) e non utilizaron ese diñeiro para dar préstamos ás empresas pequenas e medianas nin ás familias. Utilizárono para comprar débeda a un interese moito maior (do 4%, 5% ou 6%), co que obtiveron grandes beneficios, mentres que a economía do país foi retrocedendo. O BCE debería comprar directamente débeda pública aos países e non beneficiar os bancos privados. Esa normativa europea debe ser modificada con urxencia. A alternativa tería que vir dun goberno que en lugar de defender os intereses dos grandes bancos e poderes financeiros, gobernase mirando polos intereses da poboación. Non se lles pode regalar diñeiro aos bancos sen esixirlles nada a cambio. 

Que balance facedes do rescate bancario? Está terminado e pechado, como presume o Goberno?

Cos datos que temos, pensamos que o rescate aos bancos nin moito menos está pechado. A banca española non está saneada, e segue tendo problemas de solvencia. A proba é que o Goberno segue metendo axudas pola porta de atrás para apontoar a solvencia do sector (activos fiscais). Para entender o que está a pasar hai que ter en conta o papel que están a xogar mundialmente os bancos desde hai unhas décadas. Non actuaron como banca comercial, coa función tradicional de depósito e préstamo. A súa actividade principal foi a de banca de investimentos. A quebra de Lehman Brothers puxo ao descuberto as prácticas especulativas da banca mundial, baseadas na transacción de sofisticados produtos financeiros (derivados) moi sobrevalorados e postos no mercado mundial coa suficiente maquillaxe como para facelos pasar por produtos rendibles, como vimos coas hipotecas subprime. Esta práctica estendeuse a outros moitos países, entre eles España, que se aproveitou do boom inmobiliario para conceder créditos hipotecarios a pisos taxados moi por encima do seu valor real. Coa crise e o aumento do paro moitas persoas non puideron facer fronte a estas hipotecas, agravadas polas cláusulas abusivas da lexislación española na materia, e foron vítimas dos inxustos desafiuzamentos que estamos a ver cada día, mentres os bancos obtiveron grandes beneficios cunhas prácticas especulativas que nunca foron controladas polos organismos encargados de facelo, e que atoparon o apoio e a colaboración necesaria das axencias de cualificación (a maioría das veces coaccionistas dos grandes bancos) e, por suposto, a vista gorda e a complicidade dos gobernos e dos poderes públicos.

"Ao 31 de decembro de 2012 esas axudas (á solvencia e á liquidez) ascendían a 589.073 millóns de euros, incluíndo o diñeiro público achegado, a protección de activos asegurando os riscos asumidos polas entidades financeiras"

Canto custou rescatar á banca en España? Di a verdade Linde cando asegura que todo se recuperará (aínda que engade que non sabe cando)?

No libro hai cadros que explican con detalle as axudas públicas recibidas polos bancos españois. Ao 31 de decembro de 2012 esas axudas (á solvencia e á liquidez) ascendían a 589.073 millóns de euros, incluíndo o diñeiro público achegado, a protección de activos asegurando os riscos asumidos polas entidades financeiras, avais, adquisición de activos, a subscrición por parte do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) de emisións realizadas polas entidades a un prazo de cinco anos e a adquisición de activos tóxicos por parte da SAREB. Dubidamos moito de que este diñeiro se recupere.

Nas axudas públicas á banca incluídes os préstamos do BCE e outras axudas que non adoitamos contabilizar, e sorprende comprobar que todas as entidades recibiron algún tipo de axuda, incluídos os grandes como Santander e BBVA.

No libro tamén se detallan as axudas recibidas por máis de 30 entidades bancarias, incluídos os grandes bancos, unhas dirixidas a apoiar a solvencia dos bancos e outras á liquidez.

Propondes realizar auditorías públicas ás entidades. Non é o que xa fai o Banco de España? Desconfiades das probas de tensión?

O propio Banco Central Europeo non se fiou dos reguladores españois, o guión estaba escrito de antemán e as premisas preestablecidas. A elección da auditora debería ser democrática e a súa actividade esixe transparencia total, cousa que non se deu. Lembremos que en 2006 Oliver Wyman (encargado do test á banca española) cualificou o Anglo Irish Bank como o mellor banco do mundo e tres anos despois tivo que ser nacionalizado por Irlanda dando lugar ao rescate do país. Moitas destas empresas auditoras (lembremos o caso de Deloitte con Bankia) son xuíz e parte e desa maneira os resultados das súas análises non son fiables.

"Moitas destas empresas auditoras (lembremos o caso de Deloitte con Bankia) son xuíz e parte e desa maneira os resultados das súas análises non son fiables"

Como valorades a SAREB, o chamado banco malo?

A SAREB, o banco malo, é a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, foi creada para soster os prezos dos inmobles (impagados) e trata de evitar que esborralle o prezo dos activos en poder da banca. É unha sociedade de propiedade mixta: 55% privada e 45% pública, que xa adquiriu inmobles (vivendas, hoteis, anexos e solo urbano), converténdose na principal empresa inmobiliaria de España e unha das máis importantes da Unión Europea. En definitiva, a SAREB levou fondos públicos para paliar a desastrosa xestión da banca privada. Foi unha imposición da UE, incluída no MOU (Memorándum de Entendemento)  para recibir o rescate. Na actualidade os fondos voitre están a aproveitarse comprando a prezo de saldo moitos deses activos e as perdas están a cubrirse con fondos públicos. A outra cara da moeda son as persoas desafiuzadas ou os miles de familias que non teñen acceso a unha vivenda.

Que acabará pasando cos bancos nacionalizados (Bankia, NCG, Catalunya Banc)?

Pasará que despois de ser saneados serán privatizados e isto non é unha opinión, senón que está  regulado por un Real Decreto. É dicir, volta ao mesmo: utilizarase o diñeiro público para beneficiar entidades privadas. E, como sucedeu até agora con empresas  privatizadas convertidas hoxe en multinacionais, veremos como algúns dos políticos que decretaron estas medidas formarán parte dos consellos de administración ou serán asesores destas entidades bancarias.

"Unha vez que está xa nacionalizado parte do sector e o seu capital está composto por fondos públicos o lóxico é que se converta nunha banca pública que poida cumprir unha boa función social"

Sodes críticos co proceso de fusións, pero que alternativa había?

A alternativa dunha banca pública sería o consecuente. Unha vez que está xa nacionalizado parte do sector e o seu capital está composto por fondos públicos o lóxico é que se converta nunha banca pública que poida cumprir unha boa función social

Un dos efectos máis visibles da crise e o rescate é a concentración bancaria, pasando de 50 entidades a só 14, con 5 delas controlando a metade do mercado. Reforzouse o poder da gran banca? É unha consecuencia, ou era o obxectivo?

Sen dúbida, era un obxectivo. O dos grandes bancos too big to fail (demasiados grandes para deixalos caer) é unha política mundial de concentración bancaria. Moitos bancos pequenos ou medianos foron absorbidos ou eliminados e unha das consecuencias foi o importante número de traballadores da banca que se quedaron na rúa, outra é a eliminación de sucursais en pequenas poboacións, especialmente rurais, que se ven agora obrigadas a percorrer decenas de quilómetros para poder facer calquera operación bancaria.

Que futuro lles espera á obra social das antigas caixas? Como podería conservarse?

A Obra Social das caixas recollía o 30% dos beneficios das mesmas. Era a maior fundación do mundo, é impensable que os bancos nos que se converteron coa súa privatización doen o 30% nin o 20 nin o 5% dos seus beneficios para unha obra social.

"O sector financeiro hoxe ten menos control que nunca e móvese como peixe na auga en todo o planeta. Agora especúlase tamén cos novos activos procedentes da privatización dos servizos públicos"

Serviu a crise financeira para incrementar o control sobre o sector financeiro? Estamos vacinados contra futuras crises?

Serviu para dar máis poder ao Banco Central Europeo (que non está sometido a ningún control político). O sector financeiro hoxe ten menos control que nunca e móvese como peixe na auga en todo o planeta. Agora especúlase tamén cos novos activos procedentes da privatización dos servizos públicos. As necesidades sociais máis importantes: a educación, a sanidade, as pensións, xa son obxecto de contratos privados cos bancos. Onde antes había bolsas agora hai créditos, quen queira estudar terá que pedir un préstamo e pasar despois anos devolvéndoo. A atención sanitaria, que debería ser universal e gratuíta, é obxecto de seguros privados de saúde. Ás novas xeracións, os medios de información xa se están encargando de 'informar/manipular' sobre isto, dicir que se queren ter dereito a unha xubilación terán que pagar un fondo privado de pensións. Os bens comúns, coma a auga, o aire ou a enerxía, serán tamén obxecto de especulación. Sen dúbida haberá novas burbullas producidas pola especulación.

É posible unha banca pública en España? É só cuestión de vontade política, ou hai algún impedimento legal na Constitución, a Unión Monetaria, o MoU?

Desde logo para a súa perfecta operatividade habería que cambiar certas normas da UE, como a lexislación sobre competencia. Na Constitución española non hai ningún impedimento; en efecto, é cuestión de vontade política, que só será posible cunha maioría social que impoña un cambio de rumbo, en España e na UE.

Analizades experiencias actuais de banca pública, e sorprende que os primeiros exemplos estean en Estados Unidos ou Alemaña, países de economía liberal.

Non estamos a falar de utopías inalcanzables. No libro damos exemplos de bancos públicos que xa existen e foron elementos claves para o desenvolvemento socioeconómico de determinadas zonas.

"No libro damos exemplos de bancos públicos que xa existen e foron elementos claves para o desenvolvemento socioeconómico de determinadas zonas"

Podiamos considerar as caixas de aforro como unha forma de banca pública?

As caixas de aforro tiñan outra forma xurídica para lograr os seus obxectivos e o seu labor (sobre todo antes da década de 1980, é dicir antes da súa bancarización). En certa maneira,  si exercían como banca pública.

Esquecemos que en España xa houbo entidades públicas, e en datas non tan afastadas. Por que se liquidaron?

Houbo factores diversos: o interese por favorecer a banca privada, a entrada na UE, en especial a Segunda Directiva de Coordinación Bancaria, a vontade dos gobernantes de emprender privatizacións de todo tipo, como viña ocorrendo noutras zonas do mundo cos gobernos de Reagan ou Thatcher?  No libro falamos, entre outros casos, do proceso de privatización da Caixa Postal convertida nunha entidade bancaria axustada ao estatuto dun banco. En 1991 chegou o nacemento de Corporación Bancaria, que operaba baixo o nome de Argentaria, cabeceira dun grupo que incluía a Caixa Postal S.A., ao Banco Exterior de España e ás entidades do Instituto de Crédito Oficial. Argentaria privatizouse en catro  fases: dúas en 1993, a terceira en marzo de 1996, e a última en 1998. Rodrigo Rato, entón vicepresidente do Goberno, ordenou a venda do 29,2% que aínda estaba en mans do Estado. En 1999 leva a cabo a fusión de BBV con Argentaria, que dá lugar ao BBVA.

En que notarían os cidadáns a existencia dunha banca pública?

Por exemplo, en maiores posibilidades de financiamento, sería unha banca máis próxima, transparente e democrática. Ademais, formaría parte das políticas sociais e económicas das administracións locais e comunitarias. Por último, habería obra social ou tería unha clara función social.

As caixas de aforro, gobernadas por representantes públicos, foron con todo decisivas na formación da burbulla. Como asegurar un control democrático nunha hipotética banca pública?

As caixas foron obxecto dunha xestión nefasta á que non foron alleos os partidos e sindicatos que participaron nos seus consellos de administración. Isto está moi claro, por exemplo en Caixa Madrid. Iso non se pode repetir. Entre outras, hai que establecer estas medidas: máis control, rotación de cargos, transparencia  na xestión. Non pode ser unha banca especulativa nin operar nos paraísos fiscais. Os soldos dos directivos deben ser como os dos funcionarios públicos sen prebendas, bonus, pensións, etc

Como valorades as entidades que se anuncian como banca ética? E as cooperativas de crédito? Son unha alternativa ao sistema financeiro?

A banca ética é unha banca privada con boas intencións pero non esquezamos que son empresas privadas con accionistas que esperan beneficios para os seus investimentos. E as cooperativas buscan o beneficio para os seus cooperativistas. Moitas persoas, que non queren colaborar coa destrutora política dos bancos convencionais, prefiren depositar os seus aforros neste tipo de bancos porque son máis solidarios. Pero a banca ética e a banca pública son dúas cousas totalmente distintas.

Lourdes Lucía © Miguel Ángel Ruiz-Larrea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.