Nin tranquilidade dos omnipresentes mercados nin mera "asistencia" do Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Europea (CE). No primeiro día laborable tras o anuncio do rescate financeiro español e, polo tanto, de batalla da débeda do Estado nos mercados financeiros o desacougo regresou ás poucas horas e, contra o mediodía, a prima de risco volveu superar os 500 puntos tras un inicio de relativa tranquilidade. Mentres a Bolsa de Madrid sobre ao arrecendo dos cartos frescos que recibirá a banca diversos responsables comunitarios púñanlle voz ao desmonte da outra das mensaxes enviadas dende o Goberno de España durante a fin de semana. O papel das institucións internacionais non será unicamente de asesoramento. Haberá "troika" e, polo tanto, a autonomía do gabinete de Mariano Rajoy para decidir sobre o sector financeiro e tamén para cumprir cos compromisos de déficit será aínda menor.
Mentres que tanto o propio Rajoy como o ministro de Economía, Luis de Guindos -parabenizados este luns polo rei, durante a toma de posesión do novo Gobernador do Banco de España-, cinguiron só ao sector financeiro as "condicionalidades" da inxección de cartos foráneos o vicepresidente da CE e comisario da Competencia, Joaquín Almunia, enfatizaba o que o Eurogrupo xa deixou claro no seu comunicado do sábado. Todo préstamo comunitario "leva aparelladas unhas obrigas e compromisos", que son "devolver o préstamo" pero tamén "algún outro tipo de condicións". Só resta "ver cales son esas condicións e que tipo de políticas, decisións e compromisos cobren", pero "por suposto que as haberá", explicou nunha entrevista na Cadena SER.
Haberá compromisos e quen vixiará será unha troika. "Quen dá cartos nunca os dá de balde, quere saber que se fai con eles". Polo tanto, os célebres "homes de negro" de Cristóbal Montoro -expresión "pouco acertada", a xuízo de Almunia- escrutarán como actúa o Goberno e o comisario da Competencia só alberga unha "esperanza": "que actúen ben, de forma honesta, que non crean que veñen a un país bananeiro", algo que está "seguro" de que non ocorrerá. "Veñen aquí comprobar que se utiliza ben un diñeiro que puxeron cidadáns tan europeos como os españois". O mesmo recordatorio sobre a troika chegaba tamén dende Berlín. O ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schaeuble, deu por suposta esa vixilancia, coa única precisión de que "revisarán que o programa se mantén, pero só no que se refire á reestruturación do sector bancario. O resto de consecuencias na política económica de Rajoy serán indirectas, derivadas dos axustes que cumpran para, por exemplo, pagar os xuros que deriven da devolución do préstamo.
En Galicia: o PSdeG pide explicacións e o BNG, un referendo
Feijóo reduce o rescate a un "préstamo" e di que a operación "non é a mellor situación", pero si a "menos mala"
Mentres isto acontecía, en Galicia co inicio da semana chegaron tamén as primeiras valoracións do rescate por parte do presidente da Xunta, que "non é a mellor situación" para Alberto Núñez Feijóo, senón máis ben "a menos mala". Non nunha comparecencia específica, senón interpelado polos xornalistas durante a unha visita a unha escola infantil, Feijóo considerou a operación como a única vía para "evitar a intervención da economía española", reducíndoa a un "preśtamo" que garante que o Estado vai poder "seguir camiñando cara á recuperación económica. Para o Goberno central, di, só había "dous camiños": "contar a verdade, facer unha axenda de reformas e evitar a intervención ou seguir coas políticas anteriores, sen control e sen reformas".
Precisamente á ausencia de explicacións por parte do presidente durante a fin de semana foi criticada con dureza pola oposición galega. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, coida imprescindible "pedirlle ao presidente de Galicia que defensa as galegas e galegos", dado que "os que hai seis meses ían dar seguridade e garantías, tiraron a toalla, foron ver un partido -en referencia á presenza de Rajoy en Polonia- e agora imos ter que resolver esta papeleta entre todos". En Galicia, di Vázquez, "todos os axentes sociais falaron esta fin de semana" pero, "no momento máis dramático, houbo unha ausencia". "o presidente do Goberno galego non abriu a boca, esquivou en todos os actos públicos aos medios de comunicación". "Ten que ser moi duro para el, que pediu a este país o apoio para Rajoy, recoñecer que a súa xestión da economía nos coloca no peor dos escenarios".
O PSdeG advirte de "reunións extraordinarias" na Consellería de Facenda e o BNG esixe que o rescate se decida en referendo
Malia ao silencio, Vázquez non dubida de que "o PP é consciente da gravidade" da situación, e tamén de que as autoridades europeas "non dan nada a cambio de nada". "A débeda que tiñan os bancos acábaa de asumir o Gobenro de España" e iso "significa máis débeda, máis déficit" e iso, argumenta, impacta en todas as administracións públicas. Quizais a iso se deben os "rumores" que, di, estiveron a chegar este luns ao PSdeG sobre "reunións extraordinarias e urxentes da Consellería de Facenda". "Non sabemos que está pasando, pero sabemos que está pasando algo".
Tamén o BNG analizou a situación mediante a convocatoria dunha Executiva extraordinaria. Á petición de comparecencia de Mariano Rajoy no Congreso, xa formulada por Francisco Jorquera na propia fin de semana, os nacionalistas engaden agora a esixencia dun referendo sobre o rescate. "Queremos democracia e queremos debate social", di o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, xa que "ningunha maioría parlamentar, por moi absoluta que sexa, pode tomar decisións que afectan á maioría social sen o necesario debate". Ademais desta petición Vázquez anuncia tamén a convocatorai de concentracións cidadás de protesta contra o rescate, este martes ás oito da tarde nas sete cidades galegas.