O veto ao dique flotante dá un novo golpe ao naval, ao que Feijóo encomenda a México

Protesta de traballadores do naval CC-BY-SA CIG

Por cada media boa noticia, o naval recibe outro duro golpe. Os responsables de Navantia e da SEPI veñen de poñer freo á posible construción do dique flotante que se reclama para Ferrol. Segundo a empresa estatal, construír esta infraestrutura iría contra as normas comunitarias, xa que as axudas estatais para o financiamento público necesario serían consideradas como ilegais pola UE.

Navantia veta a construción do dique flotante porque as axudas estatais serían consideras ilegais pola UE

Así o confirmou o voceiro do comité de empresa de Navantia logo da comisición de seguimento do dique flotante, que se reúne logo de meses de atraso para determinar a viabilidade económica, técnica e xurídica dunha infraestrutura que se afasta da ría ferrolá. Ignacio Naveiras fixo pública a decisión do estaleiro estatal, pero censurou que a SEPI acudise a Galicia para botarlle a culpa a Bruxelas do rexeitamento ao dique flotante, sete meses despois de que se creara este organismo de control, e reclamou dimisións. "Sospeitabamos que o PP acabaría facendo iso, que acabaría escorrendo o bulto", dixo.

Sete meses despois de crear a comisión de seguimento, a SEPI asegura agora que o dique non é posible

Mentres a reunión continuaba, traballadores dos estaleiros protestaban contra Navantia e os estaleiros no exterior, ao tempo que lembraban que o prometido flotel de Pemex non arranxará o problema da falta de carga de traballo nas gradas das instalacións. Varios operarios do naval teñen previsto desprazarse este martes ao Hórreo para reclamar carga de traballo para os estaleiros e, malia o veto de Pilar Rojo aos convites cidadáns ao Parlamento, teñen previsto entrar na Cámara. Ademais, traballadores manifestaranse diante do hemiciclo.

Nun comunicado, a Xunta manifestou a súa "decepción" pola noticia e botou a culpa á Comisión Europea, tras "reiterar" a "postura do Goberno galego, que segue a ser a mesma" así como o seu "compromiso co naval de Ferrol". Noutra nota de prensa, AGE denunciou "as mentiras de Feijóo" sobre o dique flotante e anunciou que esixirá "responsabilidades" ao Goberno.

Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitouse por que "frutificasen" as xestións entre os gobernos de España e México no cumio de Chile e que terían lograda "desatascar" a futura construción de dous buques para a petroleira mexicana por parte de Navantia en Ferrol e de Barreras en Vigo. Todo, malia que o Executivo galego leva meses dando por feito o encargo e a pesar de que nunca se asumiron atrancos que si se asumían desde o país azteca.

Feijóo celebra que se "desatasque" a futura construción dos buques de Pemex, malia non recoñecer nunca os atrancos

Ademais, Feijóo alegrouse tamén polo avance nas negociacións entre México e España para que os estaleiros galegos poidan construír para a Armada daquel país "oito embarcacións integramente" no país e "ata un total de 25" coa colaboración de empresas aztecas. O xefe do Executivo galego agradeceu a "acción diplomática" de Mariano Rajoy, logo das súas peticións.

Por outra banda, a Xunta destacou tamén que outro dos obxectivos das xestións era solicitar "facilidades" para un estaleiro galego de Vigo "que ten a adxudicación dunha flota" poida "comezar" a traballar, malia as "dificultades" para obter un "aval".

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia
Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.