Obrigadas a cobrar un 23% menos por ser mulleres

Mobilización feminista CC-BY-NC-SA CIG

Nin con crise nin sen crise. Nin saíndo dunha recesión nin no medio doutra. Nin en pesetas nin en euros. Os avatares da economía axitan países e mesmo continentes enteiros mentres os estudos especializados prognostican que nada vai volver ser como era antes. Pero en todo este mar de cambios hai un elemento que permanece inmutable e que está intimamente ligado a moitas das reivindicacións contra a violencia machista que se lembran con especial intensidade cada 25 de novembro. A fenda salarial de xénero ou, o que é o mesmo, a imposición da marxinación salarial ás mulleres polo mero feito de selo leva varios lustros practicamente intacta, sen que o 23% actual sexa o resultado de grandes variacións.

Unha ollada á información peneirada polo Instituto Galego de Estatística dende as bases de datos da Axencia Estatal Tributaria permite coñecer que ao final do ano 2012 -último dato dispoñible- o soldo medio dos homes galegos era de 19.865 euros anuais  e o das mulleres, de 15.227, isto é, 4.600 euros menos. Estas cifras son o resultado da caída salarial que, malia ser negada polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, reflicten os datos do seu propio ministerio. No ano 2010, cando os salarios tocaron teito por última vez en Galicia, os homes cobraban de media 20.408 euros por ano e as mulleres, 15.704, isto é, o mesmo 23%.

As mulleres galegas cobran case 5.000 euros menos ao ano que os homes

A discriminación salarial das mulleres non entende, á luz dos datos, de crises nin tampouco de períodos expansivos. Así, en 1999, un ano antes da chegada de José María Aznar ao poder no Estado e, con el, das reformas para entrar no euro, un home galego cobraba 13.902 euros de media anual e unha muller, 9.704, un 26% menos. En 2001, derradeiro ano completo con pesetas nos petos, as mulleres cobraban 10.378 euros e os homes, un 27% máis.

Nos anos da gran expansión e das alegrías inmobiliarias todos os soldos subían pero os dos homes máis que os das mulleres; así, por exemplo, 2003 rematou cun salario medio masculino de 15.333 euros e co feminino situado nos 11.216 euros, o mesmo 27%. Os soldos aínda seguirían variando á alza durante sete anos máis sen que isto influíse na redución da marxinación feminina. Deste xeito, en 2008 os homes rachaban por primeira vez a barreira dos 20.000 euros anuais, situándose en 20.271 e as mulleres aínda viñan de rachar a dos 15.000, cuns 15.594 que as mantiñan un 23% por baixo, o mesmo que na actualidade.

As causas

Vistos os datos, cales son as causas? As múltiples análises existentes sobre a cuestión coinciden en sinalar que as razóns son múltiples pero que todas parten dunha: a marxinación por razón de xénero. "Non debemos esquecer que as mulleres teñen unha dobre fenda: un salario medio por hora inferior ao dos homes" e "máis traballo a tempo parcial", dous factores "que, sumados, dan un salario medio anual inferior ao dos homes", explica a Secretaría da Muller da CIG.

Os sindicatos advirten de que as mulleres cobran menos por hora, traballan máis a tempo parcial e teñen máis "dificultades" para acceder a postos directivos

Dende a central sindical explican ademais que os permisos parentais ou as interrupcións da vida laboral "por motivos relacionados coas responsabilidades familiares" seguen a ser factores a ter en conta nun panorama no que, non obstante, abonda con "revisar os informes de diagnose dos plans de igauldade negociados en pequenas, medianas e grandes empresas" para "percibir que seguen a existir sistemas de retribución arbitrarios, individualizados" e que "non son negociados nin identificados no convenio". "Aínda -conclúen- se dá unha tendencia á desvaloración do traballo realizado por mulleres".

Pola súa banda, nun informe recente  UGT tamén daba por "constatado" que "na mesma categoría profesional, desempeñando traballos de igual valor", a "fenda salarial" entre mulleres e homes é "moi elevada". Para o sindicato cómpre ten en conta, adicionalmente, que estes datos "deixan fóra as retribucións en especie, que aumentarían estas diferenzas". A xuízo de UGT o machismo salarial pervive, entre outros aspectos, porque "a lexislación non é suficiente" nun contexto no que, por exemplo, persisten as "dificultades" para que os "postos de dirección" teñan nome de muller. E mesmo "unha vez alcanzados, as diferenzas entre mulleres e homes persisten".

Mobilización feminista CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.