Os galegos recuperan confianza na economía malia o agravamento da crise

Xente paseando pola rúa en Vigo CC-BY Iván PC

No medio dunha crise constante, cos índices de desemprego aumentando a cada mes e coa produción industrial caendo paseniño, Galicia semella non saír do pesimismo. No entanto, unha ollada aos últimos datos da Enquisa conxuntural dos fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) demóstranos que os galegos son agora máis optimistas que hai tres meses...Ou que teñen tocado fondo e pensan que o único posible agora é mellorar. 

Por estraño que poida parecer, o Índice de Confianza do Consumidor (ICC), así como todos os seus compoñentes, mellorou durante estes tres primeiros meses do ano 2012, logo de alcanzar nos últimos días de 2011 os seus indicadores máis baixos. Todo malia que a percepción xeral é que a sociedade, tanto no país como no Estado, é cada vez máis consciente da gravidade da situación económica.

A confianza do consumidor e a perspectiva sobre a capacidade de aforro mellorou no último trimestre

Segundo os datos do IGE, a confianza do consumidor galego aumentou nuns sete puntos (de -36 a -29) en marzo de 2012 con respecto a decembro de 2011 e logo de acadar o seu punto máis baixo nese último trimestre do pasado ano, cando a devandita confianza descendera de golpe en case 23 puntos. “A peor non podemos ir”, semella ser a reflexión dos galegos se temos en conta a enquisa, da que se tira tamén o aumento da confianza na capacidade futura de aforro, na perspectiva sobre a evolución da situación económica en Galicia, así como na do emprego.

Así, e en canto á capacidade futura de aforro, os galegos melloraron as súas expectativas nuns seis puntos (de -34 a -28), ao igual que no que se refire á perspectiva dos cidadáns sobre o futuro económico do país. Segundo este último dato, os galegos son máis optimistas agora que hai tres meses (dez puntos por riba, de -43 a -33), aínda que é ben certo que o descenso na confianza sobre a evolución económica descendera en 36 puntos no último trimestre de 2011 con respecto ao anterior.

As perspectivas sobre o desemprego mantéñense case igual que a finais de 2011

Ademais, os galegos tamén semellan ter tocado fondo no que as súas perspectivas sobre o desemprego se refire. Con preto de 300.000 parados no país, a enquisa do IGE revela que as expectativas da sociedade en canto á recuperación de postos de traballo segue igual que hai tres meses (mellorou tan só nun punto, de -42 a -41), logo de que a confianza baixase dez puntos no último ano.

A cuestión radica agora en saber cal será a resposta dos galegos no vindeiro trimestre, logo de coñecer os duros recortes aprobados polo Goberno e tras comprobar, se se cumpren as expectativas do Executivo, que o desemprego, a capacidade de aforro e a situación económica xeral vai a peor. 

Dominio Público IGE
Xente paseando pola rúa en Vigo CC-BY Iván PC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.