"Os líderes do centroesquerda son os aliados perfectos de Davos"

Andy Robinson © Marigot Murillo

O xornalista Andy Robinson (Liverpool, 1960) repasa o estado da economía e a súa evolución durante o último século a través da súa mirada de reporteiro nos corredores dun dos encontros máis elitistas que se celebran no mundo, o Foro Económico de Davos. No seu libro recentemente publicado, Un reporteiro na montaña máxica, fai unha chiscadela á novela de Thomas Mann que situou a súa obra cume no mesmo lugar dos Alpes suízos. Robinson participa nesa cita desde 2007 como xornalista. No seu libro relata as peripecias dunha elite económica que se divirte nas pistas de esquí e goza de grandes festas mentres mostra unha fachada de debate e aparente conciencia social. Con todo, Robinson afirma que esta elite é, precisamente, a culpable desta recesión da que trata de recuperarse o mundo.

"O que quere Davos é asimilar a crítica, e convertela en algo que non os ameace. Davos ten que dar a sensación de que non é defensor do pensamento único"

Que é realmente o Foro Económico Mundial que se celebra en Davos?

Davos é o grande escaparate de influencias e relacións públicas que teñen as elites económicas. Un lugar onde cada mes de xaneiro se reúnen as grandes fortunas e os políticos máis influentes ademais dalgunhas estrelas mediáticas. Nos anos noventa, Davos estaba orgulloso de mostrarlle ao mundo o seu modelo capitalista que triunfaba e para o que non existía outro pensamento posible, pero isto cambia a partir de 2008: socializáronse as perdas das grandes empresas e a gran banca. Agora non están nun momento en que poidan estar tan orgullosos do seu pensamento como para non incorporar discursos discordantes. O que quere Davos é asimilar a crítica, e convertela en algo que non os ameace. Davos ten que dar a sensación de que non é defensor do pensamento único.

Ou sexa, que trataron de moderar a súa actitude.

O discurso si, pero non a súa actitude. Só en 2009 houbo certa contención. Por exemplo Dick Fuld de Lehman Brothers, que ese ano non foi, acababa de cobrar unha pensión por 12 millóns de euros, despois do gran fracaso económico desatado pola súa corporación. En xaneiro de 2009 Goldman Sachs dixo que as festas de Davos deberían ser máis austeras. Nese momento sentían a presión da nova administración de EEUU encabezada por Barack Obama e a vergoña polo que sucedera, que estivo preto dunha depresión económica e houbo que rescatar a banca de EEUU por 700.000 millóns de dólares. Tiveron que adaptar o seu discurso nese momento pero só foi ese ano. En 2010 as festas e o luxo volveron igual que antes. E agora mesmo xa volvemos ao estado anterior a 2008. É coma se non pasara nada.

"Cando preguntas a alguén en Davos polo colapso de 2008 para eles é coma se estiveses a falar dun tsunami, un acto de Deus, coma se eles non tiveran culpa en todo o que pasou"

Esquecéuselles o que pasou en 2008?

Cando preguntas a alguén en Davos polo colapso de 2008 para eles é coma se estiveses a falar dun tsunami, un acto de Deus, coma se eles non tiveran culpa en todo o que pasou. Falan daquilo coma se fose o que sucedeu en Xapón. En 2011 Bob Diamond, o home de Barclays, dixo “the time for remorse is over” (o tempo do remorso xa pasou).

"O problema é que agora é coma se todas estas elites económicas esqueceran o longo prazo. Dá a sensación de que a economía funcionase con ciclos dun gran crecemento especulativo que termina cunha gran picada que leva a un colapso que pagamos entre todos"

Seguen entón igual que antes de que se desatase a crise? Así non hai solución posible.

Si a hai. Se miramos a historia do capitalismo nos anos 30 eses movementos volátiles de subas e baixadas da economía viron que aquilo non era bo para as elites no longo prazo. Nin os Rockefeller nin os Carnegie querían aquilo. Cos controis posteriores que se aplicaron e as medidas de Keynes púidose crecer e crecer até chegar á chamada golden age -anos 50 e 60- con niveis de pleno emprego; baixaron as taxas de pobreza e en todo aquilo houbo un consenso para que o sistema funcionase no longo prazo. O problema é que agora é coma se todas estas elites económicas esqueceran o longo prazo. Dá a sensación de que a economía funcionase con ciclos dun gran crecemento especulativo que termina cunha gran picada que leva a un colapso que pagamos entre todos. Agora o que sucede é que se te podes facer cos cartos no próximo trimestre, igual non che importa como acaba todo.

Pero a xente, a sociedade, está a comezar a reaccionar, aí está os movementos de 2011: a Primavera Árabe, o 15M ou o movemento Occupy Wall Street que vostede sinala no seu libro.

En 2011 mentres seguían coas súas grandes especulacións e negocios a grande escala, de súpeto viron en xaneiro desde Davos nos seus iPads o que estaba a pasar en Exipto. Notábase certo desacougo entre os asistentes ao cumio. Non hai que esquecer que Hosni Mubarak, ao que agora todos tachan de cruel ditador, era un Davos Man (nome utilizado para os asistentes influentes do Foro Económico Mundial de Davos). Levara a Exipto o capitalismo desregulamentado que lles interesaba ás grandes corporacións habituais en Davos.

"Os banqueiros están encantados de mostrar compaixón; de dar esa imaxe. Hai que sospeitar se un conselleiro delegado mostra compaixón, non é un bo sinal"

Pero a xente sabe o que é Davos en realidade?

Coñécese o escaparate, a fachada todas as celebridades: Bono (U2), Mick Jagger ou Angelina Jolie. Esa idea de que estas estrelas van a Davos a presionar a todos eses banqueiros polo ben da humanidade. É un discurso totalmente equivocado. Os banqueiros están encantados de mostrar compaixón; de dar esa imaxe. Hai que sospeitar se un conselleiro delegado mostra compaixón, non é un bo sinal. Unha gran parte da súa estratexia empresarial e de imaxe consiste precisamente nisto, na súa suposta filantropía, en pór preto destes banqueiros a xente como Bono, que ten moita ascendencia sobre outro tipo de colectivos, afastados ideoloxicamente de Davos. Esta é a gran trampa, a gran hipocrisía que existe en Davos e isto fai un gran dano, porque a xente asocia este tipo de actividades filantrópicas e estes personaxes como Bono con algo que non é real. Eles mostran a imaxe de Bono con Bill Clinton promocionando fondos para axudar as vítimas da sida en África, isto véndese case coma se Davos fose un encontro de ONG, e isto non é así. A realidade é que por exemplo Clinton, segundo The New York Times, está a utilizar estes fondos de filantropía para financiar a campaña electoral de Hillary Clinton de 2016.

E que culpa teñen os xornalistas nesa imaxe do Foro de Davos que vostede sinala?

Para min, son responsables directos. Davos necesita a cooptación de xornalistas para mandar a súa mensaxe ao mundo.

"Dáse a circunstancia de que algúns propietarios de medios poden acceder a lugares e reunións que os xornalistas deses mesmos medios non están acreditados a entrar. Por exemplo Juan Luís Cebrián"

Vostede tamén foi cooptado?

Eu non me inclúo. En Davos existe unha discriminación atroz entre os medios. Existen diferentes acreditacións de distinto rango. Dáse a circunstancia de que algúns propietarios de medios poden acceder a lugares e reunións que os xornalistas deses mesmos medios non están acreditados a entrar. Por exemplo Juan Luís Cebrián (conselleiro delegado do Grupo Prisa). El ten un acceso practicamente libre e os reporteiros do seu xornal e outros coma min non podemos entrar nesas reunións. A clase máis alta de xornalistas, as celebridades dos medios aceptan o off the record a un altísimo nivel e xúntanse coa elite económica. No momento en que o aceptas, tragoute a máquina. Isto é o que pasou en Rebelión na Granxa de Orwell. Cada vez os porcos parecíanse máis aos que supostamente eran os seus inimigos. Isto é o que pasa co xornalista que está alí metido, vaino asimilando. É moi maquiavélico todo. Agora mesmo se ven que escribín un libro en contra de Davos, poida que me dean a acreditación máis alta, de Media Leader, para dar a sensación que diciamos antes de que aceptan os discursos discordantes, quizais me ofrezan moderar un par de sesións e este é o primeiro paso para atraparte.

E aceptaría esa acreditación de estrela mediática?

Non sei que faría nese caso. Por unha banda queres estar dentro e saber de todo pero doutra banda síntome máis san, xornalisticamente falando, fóra. É a esencia do libro. No momento no que entras no xogo e aceptas, xa estás con eles, xa te compraron.

Vostede fala no seu libro de que se vende unha serie de ideas sobre as elites económicas, moi asimiladas entre a sociedade, que son falaces.

Tentan vender que eles son máis ricos que nunca porque así son as leis do mercado e chegamos até aquí de maneira natural. A suposta meritocracia. Os casos de homes feitos a si mesmos que chegaron a multimillonarios partindo da nada son excepcións, quixeron convertelo en algo natural que provoca a economía desregulamentada, pero isto non é real, a maioría das grandes fortunas mundiais foron herdadas. Ademais chegar ao cume sen ningún tipo de control o que fai é fomentar a cultura do asecenso. Eles queren facer crer que o mercado os remunera cada vez máis e máis e que non poden facer nada contra isto. Tentan convencernos de que merecen as cantidades que cobran, dinse a si mesmos "eu traballo 12 horas ao día e merezo o sete millóns de libras que cobro". Hai unha desconexión total coa realidade, por iso o título do libro, viven nunha montaña máxica. 

"Eles queren introducir no seu discurso palabras como emprendedor social, cohesión social. É o vocabulario do centroesquerda socialdemócrata"

E como conseguiron vendernos toda esta historia?

Véndese a imaxe de Davos a través do centroesquerda. Os protagonistas principais máis poderosos de Davos son de centroesquerda, é o aliado perfecto. Tony Blair ou Bill Clinton. Schaub (o fundador de Davos) non é un neoconservador. Se vai José María Aznar a Davos, dálles o mesmo porque o seu discurso é demasiado obvio e conflitivo. Eles queren introducir no seu discurso palabras como emprendedor social, cohesión social. É o vocabulario do centroesquerda socialdemócrata. Comprometidos por mellorar o mundo é o slogan de Davos. Unha vez que puxeron todos estes eslógans, pois entón teñen marxe para volver ao status quo anterior para volver a un capitalismo salvaxe no cal unha elite ten a maior porcentaxe de PIB mundial. Parece mentira que haxa moita xente que crea todo isto da filantropía e a meritocracia que se vende en Davos.

E os políticos?

Son totalmente influenciables. Hai dúas maneiras de ser o monicreque do poder. Ir a Harvard e facer un MBA e crelo. Acaban crendo a tese dos mercados eficientes a pesar de que é un disparate. E a outra forma trátase simplemente dun intercambio de favores. É unha porta xiratoria enorme. Mira os casos de Salgado, Blair. Nin sequera é excepcional. Para os políticos a porta xiratoria é unha maneira de garantir o seu futuro. Hai tal descontento coa política que saben que van estar só catro anos porque despois bótanos. E así se aseguran un futuro.

"En España subiu tres puntos o coeficiente Gini (indicador que mide a desigualdade) en tres anos de crises, segundo Eurostat. É un aumento da desigualdade case imposible"

E todo isto do capitalismo salvaxe desregulamentado, como lle afectou a España?

En España subiu tres puntos o coeficiente Gini (indicador que mide a desigualdade) en tres anos de crises, segundo Eurostat. É un aumento da desigualdade case imposible. Eu díxenllo a Richard Wilkinson, autor de The Spirit Level, un libro moi famoso sobre desigualdade en Inglaterra que Cameron incorporou á súa bibliografía de campaña electoral. El dicíame que non o podía crer. Como pode ser que aceptásemos ter maiores desigualdades que nos anos 20.

E que panorama nos agarda para o futuro? Seguirán crecendo as desigualdades?

Si, estou convencido, desde a miña opinión de reporteiro. Non son un líder de opinión. Baséome no que me contan. As fontes que consulto din que a sociedade seguirá sendo a máis polarizada desde os anos 20. Boston Consulting Group fixo unha análise de patrimonio e eles din que na era postcrise os ricos seguirán facéndose máis ricos. Segundo as súas estimacións, desde 2008 o patrimonio das grandes fortunas, durante a peor crise económica do século, creceu un 8%. Canto subiu o salario medio desde 2008 a 2013?

Andy Robinson © Marigot Murillo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.