Os sindicatos aplauden a expulsión de Sousa de Pescanova, pero temen polo futuro

Traballadores de Pescanova, ante unha das instalacións da empresa © El Diario

Unha sensación de alivio percorreu este xoves o persoal de Pescanova ao coñecer a decisión xudicial de apartar da presidencia a Manuel Fernández de Sousa. Moito cambiaron as cousas nun mes: o 19 de marzo os traballadores leron un comunicado para pechar filas co home que dirixiu a compañía con man de ferro dende 1980. Agora, a entrada definitiva no proceso concursal, acompañada da suspensión de facultades do consello de administración ao completo, despexou o único camiño que os empregados consideran posible para salvar a maior parte dos 1.500 empregos directos que o grupo mantén só na provincia de Pontevedra.

Moito cambiaron as cousas nun mes: o 19 de marzo os traballadores leron un comunicado para pechar filas co home que dirixiu a compañía con man de ferro dende 1980

O silencio dos empregados do xigante galego da pesca ten que ver coa conmoción de quen descobre de súpeto que vive nunha farsa. "Hai xente que leva até 40 anos traballando na empresa e sempre cobraron puntualmente. É normal que nun principio todos arroupasen o presidente", afirma Francisco Vilar, secretario da Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras de Galicia.

Coma o resto de galegos, os socios de Sousa e moitos membros do consello, os traballadores asistiron con estupor á sucesión de noticias sobre o conxunto de irregularidades que levaron o Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra a unha decisión insólita: suspender facultades aos directivos nun concurso de acredores voluntario.

A súbita aparición dunha débeda de 3.300 millóns de euros, a dobre contabilidade, a venda de accións particulares de Sousa previa á solicitude do concurso ou a ocultación dos estados financeiros á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), entre outras irregularidades, desmontaron nun mes o patriarcado exercido durante 33 anos polo fillo dun dos dous fundadores.

As irregularidades, desmontaron nun mes o patriarcado exercido durante 33 anos polo fillo dun dos dous fundadores

Coa súa saída e o nomeamento dun administrador concursal pola propia CNMV, os traballadores aspiran a establecer unha interlocución agora inexistente. "Dende que empezou todo isto vimos demandando que o consello se reúna cos representantes das distintas empresas, porque todo o que coñecemos é a través da prensa, pero é coma se non houbese dirección do grupo", lamenta Vilar.

 

Atomizados

Outra das razóns do papel secundario dos traballadores na crise ten que ver coa súa peculiar estrutura. Non hai comité intercentros, senón unha suma de pequenos comités de empresa de escasa capacidade de presión

Outra das razóns do papel secundario dos traballadores na crise ten que ver coa súa peculiar estrutura, cunha matriz, Pescanova, con apenas un cento de empregados en Galicia, menos que os das filiais -que concentran o 80% da débeda do grupo- como Frivipesca (250), Frinova (250), Bajamar Sétima (170) ou Insuiña (150), entre moitas outras. Non hai comité intercentros, senón unha suma de pequenos comités de empresa de escasa capacidade de presión.

No conxunto de Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra e na contorna de Vigo, están en xogo outros 3.500 empregos indirectos, estreitamente vinculados á capacidade tractora do grupo. "A caída de Pescanova sería unha traxedia", resume un membro do persoal.

A decisión de apartar a Fernández de Sousa da presidencia foi solicitada por dirixentes de CCOO, maioritario no grupo, nunha recente reunión co xuíz, pero non modificará o proxecto de convocar unha gran manifestación en Vigo a finais de maio. Os traballadores seguen apostando por unha empresa capaz de xerar beneficios, pero entrampada nunha débeda ingobernable, produto dunha temeraria política expansiva.

A decisión de apartar a Fernández de Sousa da presidencia foi solicitada por dirixentes de CCOO, maioritario no grupo, nunha recente reunión co xuíz, pero non modificará o proxecto de convocar unha gran manifestación en Vigo a finais de maio

"Asumimos que a saída da crise vai ter custos", admite outro empregado. Tras a marcha do eterno presidente, os sindicatos saben que para evitar a liquidación deberá producirse unha renegociación de créditos, posiblemente unha capitalización de débeda, unha quita e, o máis temido, a venda de activos.

 

Fondos voitre

O temor á aparición de fondos voitre que condicionen o seu diñeiro a drásticos recortes laborais, coma os que tamén poden esixir os bancos acredores, planea sobre as case 5.000 familias que dependen directa ou indirectamente de Pescanova en Galicia

Os rumores sobre a posible entrada de fondos de capital risco na compañía é unha das grandes incertezas para os traballadores. "O ideal sería un socio industrial e financeiro, alguén con experiencia no sector", reclama Francisco Vilar. Pero o temor á aparición de fondos voitre que condicionen o seu diñeiro a drásticos recortes laborais, coma os que tamén poden esixir os bancos acredores, planea sobre as case 5.000 familias que dependen directa ou indirectamente de Pescanova en Galicia, un grupo que supera os 12.000 empregados no mundo.

Os temores non parecen infundados. Os investidores que elixiron depositar o seu capital en Pescanova nas semanas previas ao estalido da crise chámanse Silicon Metals Holding, participada por sociedades de Illa Caimán e Delaware; Capital Research and Management, con sede en Los Angeles, ou Houlihan Lokey, especializado en reestruturación de débedas. Con Sousa destituído, o futuro dos traballadores queda nas mans da administración concursal, á que os sindicatos preveñen contra a "tentación" de recorrer a medidas en prexuízo dos traballadores.

Traballadores de Pescanova, ante unha das instalacións da empresa © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.