Pescanova solta lastre e comeza a venda de filiais en Latinoamérica

Sede de Pescanova © El Diario

O buque do Capitán Pescanova seguirá navegando, aínda que con moita menos carga a bordo. A multinacional galega conseguiu 56 millóns de euros imprescindibles para continuar coa súa actividade, pero agora ten que empezar a soltar lastre vendendo activos (todo tipo de propiedades nas súas filiais no mundo), co obxectivo de reducir a débeda de máis de 3.500 millóns de euros. A administradora concursal, a consultora Deloitte, asinou este venres a inxección de liquidez necesaria para que a firma de alimentación poida operar, cun grupo de bancos españois, que completa a Xunta con outros catro millóns de euros. Para evitar a liquidación e afrontar o acordo cos acredores, a estratexia da nova dirección de Pescanova pasa por vender "dúas ou tres empresas", segundo o seu aínda presidente, Manuel Fernández de Sousa. A realidade é que o desinvestimento será moi signitivativo.

Trátase de "adelgazar o grupo", en palabras dos administradores concursais. E a dieta consistirá en vender activos, prioritariamente no estranxeiro. Parte dese traballo está a realizalo un home chamado Herman Chadwick, síndico da quebra de Pesca Chile, unha das principais filiais da galega, que busca compradores para esta empresa e para as outras sociedades no mesmo país Nova Austral e Acuinova. Entre o tres suman débedas de até 500 millóns de euros con acredores diversos, entre os que se atopa a propia Pescanova, á que lle deben case 43 millóns, o que demostra o enrevesado do armazón societario e financeiro que tratan de desentrañar o xulgado de Pontevedra que pilota o concurso de acredores e a Audiencia Nacional, cuxo xuíz Pablo Ruz procesou a De Sousa e a outros tres directivos da entidade por falsear as contas.

A compañía busca comprador para as suas filiais en Chile e Arxentina

Chadwick reuniu o pasado mércores aos acredores de Pesca Chile, aos que informou da súa intención de proceder á venda graduada dos activos de Pescanova nese país, comezando por Nova Austral para seguir con Acuinova e Pesca Chile. O síndico da quebra reclamou aos acredores un prazo de seis meses a un ano para vender as compañías e establecer un calendario de pago dos débitos, mentres negocia coa banca un crédito de 8,5 millóns de euros similar ao asinado o venres en España. É dicir, para garantir o funcionamento das empresas.

Antes de que Pescanova declarase o grupo en preconcurso, o pasado 1 de marzo, Sousa emprendera un repregamento similar en Ecuador, que acabou por enfrontalo cos seus socios da cervexeira Damm, titular do 6% do grupo, que o acusaron de actuar ás costas do consello de administración. "Non vendemos ningunha filial en Ecuador", defendeuse o aínda presidente na rolda de entrevistas coas que tratou de limpar a súa imaxe a principios de xuño. En efecto, o que vendeu a finais de 2012, cando só Sousa e os seus máis estreitos colaboradores podían coñecer que o temporizador da bomba entraba na conta atrás, non eran filiais, senón granxas e piscifactorías de lagostino ecuatorianas, polas que ingresou 13,8 millóns de euros. Nese país, o grupo aínda posúe sete plantas acuícolas e outra de preparación e tratamento de lagostinos.

Máis difícil será afrontar os desinvestimentos en Arxentina, onde Argenova, participada ao 100% por Pescanova, está sometida a un procedemento de suspensión de pagos, pilotado por un xuíz de Buenos Aires que vetou a venda de 17 barcos, dúas factorías e a sede central na capital arxentina. Un ano antes das vendas en Ecuador, a memoria de Pescanova de 2011 permitiu descubrir que a compañía tiña á venda en Europa, Australia e Latinoamérica cinco barcos, terreos, fábricas e plantas acuícolas valoradas en 55,6 millóns de euros. Cando se soubo, Sousa tratou de restarlle importancia á operación, pero as investigacións xudiciais consideran esas anotacións unha proba de que os problemas do grupo veñen de lonxe. E, tamén, de que o outrora todopoderoso presidente do grupo era moi consciente deles, aínda que tratase de evitar que transcendesen.

Audiencia Nacional

Nesta nova etapa de venda de activos, o home que preside a compañía desde hai 33 anos sostén que todos "son bos" e que calquera deles se pode allear, pero coa advertencia de que trocear Pescanova "sería matala". Os administradores concursais, pola súa banda, tratan de separar o gran da palla no armazón de 160 sociedades do grupo "entre firmas, filiais, participadas, subsidiadas e unións estratéxicas", para decidir cales se poden pór en venda sen afectar o núcleo operativo da actividade acuícola e pesqueira.

Os beneficios declarados nos últimos anos poderían esconder un escenario de perdas entre indicios de presuntas actividades delituosas

Mentres Deloitte prepara os desinvestimentos, o avance da auditoría forense encargada pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a KPMG alerta da posibilidade de que exista débeda oculta no complexo armazón de filiais do grupo. E, de acordo con esa formulación, os beneficios declarados nos últimos anos, con 144 millóns declarados entre 2008 e 2011, poderían esconder un escenario de perdas. Os preliminares dese traballo apuntan a outras presuntas actividades delituosas como a existencia de facturas falsas e dunha dobre contabilidade. A necesidade de coñecer ese informe é a principal razón pola que o xuíz Ruz aprazou a declaración de Sousa na Audiencia Nacional, que estaba prevista para este luns.

Pablo Ruz quere ter outros documentos nas súas mans antes de interrogar ao fillo do fundador de Pescanova. Fundamentalmente, o informe da Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) sobre "os eventuais cambios significativos" no patrimonio de Sousa e a súa contorna familiar nos últimos dous anos. O xuíz ordenou á UDEF que reúna esa información sobre Sousa, a súa muller, os seus dous fillos e até 20 empresas propiedade do presidente de Pescanova, ao que lle imputa os supostos delitos de falsamento de información económico-financeira, falsamento das contas anuais e uso de información relevante.

Sede de Pescanova © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.