Que pasou, por que pasou e como nos afecta? No medio do marasmo desencadeado este sábado polos resultados da videoconferencia entre os ministros de Economía e Finanzas da zona euro xorden, cando menos, estas tres preguntas. O Estado español, que non os bancos españois, recibirán un préstamo, que non unha inxección, de cantidade e tipo de xuro por definir. A marxe de manobra é ampla, ata 100.000 millóns de euros, e dende o Goberno central a operación preséntase como "moi boa", "extremadamente positiva", porque os cartos sairán máis baratos que se houbese que conseguilos pedíndollos a entidades financeiras, isto é, aos famosos "mercados". É, polo tanto, un rescate, unha intervención? Ou é unha mera "liña de crédito" de balsámicos efectos? Á marxe de lecturas eufemísticas e do xogo político-mediático, é un rescate.
"Na práctica non é un rescate exactamente igual que o de Grecia ou Portugal, pero sí que o é no fondo", di Vence
Deixando á marxe a dúbida semántica de se este tipo de operacións chamadas "rescates" son en realidade "afundimentos" un experto en traducir a linguaxe económica e financeira ao idioma da cidadanía, o economista Xavier Vence, non ten dúbidas ao respecto. "Na práctica non é un rescate exactamente igual que o de Grecia ou Portugal", pero si que o é "no fondo". "A única diferenza", explica, é que "non vai haber unha intromisión tan explícita nas políticas económicas en xeral", pero o control do Eurogrupo e tamén do Fondo Monetario Internacional "vanas condicionar todas", porque "van ser eles os que van marcar as liñas mestras" da aplicación da asistencia, da chegada dos cartos.
Pero, por que é un rescate? A comezar, porque o Fondo Europeo "lle presta ao Estado, o Estado inxéctao no FROB [Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria] e este, á súa vez, "méteo nos bancos na forma en que considere". É, polo tanto, o Goberno español o que se endebeda, "incrementando a débeda pública na contía correspondente". Esa débeda obrigará "a ir pagando xuros cada ano", que se afrontan "co orzamento ordinario" e polo tanto, "aumenta o déficit", como deixou entrever o ministro de Economía, Luis de Guindos, e como negou Rajoy. E é aquí onde entran as consecuencias para a cidadanía de a pé. "Como o diñeiro vén ao Estado, é o Goberno o responsable último de dar conta do préstamo concedido" e iso "hai que pagalo entre todos". Como? Gastando menos en servizos públicos, para poder gastar máis en devolver a débeda contraída. E isto, di Vence, é unha "consecuencia inevitable".
O Executivo español non podía suturar sen axudas as feridas causadas polo negocio do ladrillo na banca
E por que razóns máis é un rescate? Porque o Executivo español non podía suturar sen axudas as feridas causadas polo negocio do ladrillo en ata un 30% da banca, con casos espectaculares como o de Bankia, pero tamén Catalunya Caixa ou a propia Novagalicia Banco, dado que a entidade galega -co seu incerto futuro- será unha das primeiras receptoras do diñeiro europeo. "Se o Estado español quixese captar eses cartos nos mercados, non os captaría", porque "non está en condicións de captar ata 100.000 millóns de euros nos mercados, porque non habería quen mercase esa cantidade de bonos e, de facelo alguén, sería a un tipo de xuro desorbitado". Isto é, se o gabinete de Rajoy saíse por libre a pedir fondos ninguén llos emprestaría ou faríao nunhas condicións inasumibles.
E todo isto, para que? "No fondo", reflexiona Vence, o rescate español non é máis ca unha peza dunha engranaxe máis ampla, dunha "operación desesperada de salvamento do euro", outra máis, neste caso "con cargo ao orzamento dos españois". Pero, malia ao afirmado por Rajoy antes de voar a Polonia para presenciar as evolucións da selección española de fútbol, a situación da moeda única "segue a ser moi delicada", asevera o economista. O acordo deste sábado e a súa concreción -as cantidades, o tipo de xuro e as contrapartidas coñeceranse contra finais de mes- son só "un parche temporal" que "imos pagar caro" pero que "non resolve o problema do euro". Se "non se adoptan medidas de maior alcance, o euro pode caer igual". Circunstancias políticas, como a posible vitoria nas eleccións gregas dos partidos contrarios aos recortes impostos, e circunstancias político-económicas, como a ausencia dun papel determinante do Banco Central Europeo para protexer a débeda soberana dos Estados, poden desencadear novas dificultades nun tempo case inmediato.
As finanzas españolas están, polo tanto, rescatadas, dun xeito novidoso, pero rescatadas, e estano ademais impactando no déficit, mascarón de proa da política do actual Goberno. Rajoy "negou dúas veces" ese impacto, subliña vence. "Pero non creo que o faga por ignorancia", conclúe.